Anxo Baz portavoz do grupo municipal do BNG en A Guarda

Anxo Baz. Voceiro do BNG da Guarda

Medio ano despois das últimas eleccións municipais conversamos en profundidade co portavoz dos nacionalistas guardeses para coñecer a súa visión sobre o estado das cousas na súa localidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Todo o que dicía o alcalde en campaña quedou reducido a fogos de artificio. Temos un goberno que traballa sobre a mentira e a demagoxia”

Medio ano despois de terse constituído o novo goberno municipal xa debes de ter datos suficientes para poderes emitir unha primeira valoración. Cal é?

Por desgraza confírmase o que agardabamos: Todo o que dicían quedou reducido a fogos de artificio. Temos un goberno que traballa sobre a mentira, a demagoxia e a renuncia a varias subvencións.

Ponme un exemplo das presuntas mentiras do goberno municipal?

Cando estaba na oposición prometía baixar os impostos e o que fixo foi subilos. Minte tamén cando di que as arcas municipais están valeiras e que os provedores van ter que agardar ata o 2024 para poder cobrar, e unha semana despois aprobamos en pleno o pago de facturas por valor de 60.000€.

Que imposto subiu?

O IBI. Despois de Vigo e Pontevedra somos a localidade que o temos máis caro.

En relación á situación económica do Concello este novo goberno laiouse de que a administración socialista a deixou en moi mal estado. A actual portavoz socialista, Fátima Rodríguez, dicía nas nosas páxinas que iso é radicalmente falso. Cal é a opinión do BNG ao respecto?

Vimos dun mandato dun forte investimento no que saíron proxectos relevantes, como por exemplo a reforma do pavillón da Sangriña, que se levaron adiante sen o apoio do PP. Se fora por eles seguiriamos tendo aquel vello pavillón que pingaba auga por todas as esquinas.

Entón cando se levou a pleno a reforma do pavillón o PP votou en contra?

O PP e Fariñas. O actual goberno votou en contra da transformación do pavillón no que hoxe se quitan as fotos.

Ben, sigamos coa túa valoración da situación económica?

Como che dicía, o anterior foi un mandato de moito investimento, e o actual goberno confunde interesadamente a liquidez que poida haber ou non nun momento concreto co estado xeral das finanzas. Cartos hai, e forma de conseguir partidas económicas das que se poden botar man tamén.

A que subvencións renunciou o actual goberno?

En concreto á 4, 4 moi específicas que permiten apreciar o desprezo que este goberno e este alcalde senten cara ao idioma galego, ao noso patrimonio e á memoria histórica. Son:

-Unha aprobada para normalización lingüística

-Unha aprobada para a reforma duns lavadoiros en Salcidos, xa vemos a importancia real que ten para o goberno o noso patrimonio do que tanto falaba en campaña.

-Unha aprobada para a retirada de simboloxía franquista.

-E unha última que estaba destinada á reforma do campo de fútbol municipal.

Estas subvencións xa estaba concedidas?

Si, as catro estaba aprobadas e concedidas pola DEPO.

Non o comprendo, que sentido pode ter renunciar a unhas subvencións xa concedidas?

Eu tampouco o comprendo. Preguntámosllo ao goberno e non obtivemos resposta algunha. Denunciámolo nos medios de comunicación e de novo a resposta foi ningunha.

A presenza no goberno dunha persoa que se define a si mesmo como de esquerdas achega algo positivo á acción política do día a día?

Cando me falas de alguén de esquerdas no goberno a quen te refires?

A Celso Fariñas

O que ten amosado Celso Fariñas é que nin ten valores nin coherencia. Non, non achega nada positivo.

Como está a saúde interna do BNG da Guarda?

Está moi forte, sólida solvente e cun moi importante caudal de confianza na sociedade guardesa. Estou seguro de que é cuestión de tempo, de pouco tempo, que ese caudal de confianza, que nos honra, cristalice nun goberno do BNG na nosa localidade.

Arrepínteste de non ter tratado de conformar unha maioría alternativa ao PP xunto ao PSOE e a Celso Fariñas?

Non, de ningún modo. Non era posible unha maioría de esquerdas porque Celso Fariñas non é de esquerdas. En realidade esta persoa estalle facendo un fraco favor á política municipal guardesa desde hai moito tempo.

Non ter acadado a alcaldía foi unha decepción?

Tiñamos ilusión si, porque había expectativas realistas de que o BNG puidera ter a alcaldía do pobo por primeira vez , pero non foi así. E a nós non nos queda outra que aceptar o resultado con respecto e seguir traballando ata conseguilo.

Como está a situación da comunicación con Caminha?

Simplemente non está. Falabamos antes das mentiras do señor Carrero e aquí temos outra. El presentábase como o salvador que tiña a solución máxica para solucionar a conexión con Portugal e o único que hai de real ata o de agora é que a Xunta deixou morrer ao peirao da Pasaxe.

En relación á finca de Finola que nos tes que dicir?

Nós mantemos a nosa posición de desenvolver o PERI de forma integral para dotar a A Guarda de 15.000 metros cadrados nos que facer vivendas, aparcadoiros en superficie e solo dotacional.

Logo está a posición que comparten o PP e o PSOE de segregar dese PERI a finca de Finola , posición que nós non compartimos.

Como está a situación do Centro de Saúde?

A día de hoxe se segue cubrindo como se pode o servizo. Non queda outra que investir máis na sanidade pública, e desde logo que entendemos a necesidade dun cambio na Xunta para que outro goberno sensible a este piar da sociedade do benestar aborde este tema con máis e mellores recursos .

O acceso sur ao porto parece a eterna promesa que nunca se converte en realidade?

Si, este é por desgraza outro dos fogos de artificio do señor Carrero. Todas as súas promesas electorais ao respecto quedan en nada ao contrastar como nos orzamentos da Xunta para o 2024 non aparece ningunha partida para o novo acceso ao porto da Guarda.

Sobre a piscina municipal que opina o BNG?

Precisa dunha reforma integral para que sexa sostíbel. Temos unha subvención aprobada para levar a cabo a reforma a través dos fondos Next Generation pero falta levar a cabo a redacción do proxecto, licitalo e uns orzamentos municipais que o recollan. Neste asunto, importante para A Guarda, estamos moi verdes.

Dicía a portavoz do PSOE nas nosas páxinas, sobre as relacións con vós, que xa tedes tido algunha xuntanza e que parece que vai todo polo bo camiño. Ti tes a mesma percepción?

Houbo xuntanzas e seguirán habendo, desde logo. O BNG non se nega a falar co PSOE nin moito menos. Pero o que teño que dicir ao respecto é expresar o meu desexo de que as posicións do PSOE cambien, pois a día de hoxe están máis cerca das posturas que defende o PP que das que temos nós.

O votante progresista da Guarda pode seguir mantendo a esperanza?

Si, sen dúbida si, radicalmente si. Desde logo que polo BNG non vai quedar.