Enrique Cabaleiro alcalde de Tui

Enrique Cabaleiro alcalde de Tui

A vitoria da esquerda tudense nas municipais do 2019 xerou unhas expectativas enormes nunha cidade de tradición sociolóxica conservadora. En Breve o goberno socialista enfrontarase ao escrutinio das urnas para comprobar se a maioría das e dos veciños de Tui entenden que merecen seguir contando coa súa confianza. Quico, o seu alcalde, defende con paixón a acción do seu goberno, entende e respecta o malestar de quen se ve afectado por obras e pide aos seus veciños e veciñas comprensión e paciencia pois considera que o camiño de reformas que o seu goberno emprendeu xa é irreversible goberne quen goberne no vindeiro mandato .Nós mantivemos unha agradable conversa cun home de natureza moi amable. Velaí vai o que deu de si.

O camiño que iniciamos para facer de Tui unha cidade máis xusta, humana, amable e accesible xa non ten volta atrás”

Estamos case acabando o teu primeiro mandato “normal” como alcalde. Que balance fas deste?

Para min hai dous eixos chaves que amosan o nivel de xestión deste Goberno.

Un deles é ser o proxecto piloto de “Axenda Urbana”. Este é un fito chave e conseguiuse grazas a un labor previo de planificación. Este proxecto foi apoiado por case toda a corporación excepto o BNG, que votou en contra.

Decepcionouche o voto en contra do BNG?

Sorprendeume. Grazas a este proxecto conseguimos un gran consenso político para a planificación deste concello e estanos permitindo optar a todos aqueles fondos europeos que solicitamos. Falamos por exemplo: da reforma do antigo edificio do cárcere vello, da rehabilitación do edificio Camilo José Cela, de 1.300.000€ para a reforma do Mercado municipal………

O segundo dos eixos chave que mencionabas?

O segundo é a integración de Tui na área “REXURBE”. Moi poucos Concellos, 3 ou 4 nada máis como por exemplo Mondoñedo conseguimos estar . Este plan, ao que só podían optar os concellos de menos de 17000 habitantes, supón a rehabilitación de moita vivenda privada do ámbito do centro histórico, que estaba en situación de abandono. Este proceso vai lento, pero hai xa aprobadas 6 vivendas para a súa restauración. Estamos pendentes de empezar coa primeira.

Estes dous fitos son dous documentos estratéxicos de planificación que son claves para o presente e o futuro deste concello.

Facendo un repaso do conxunto das áreas en todos os ámbitos de xestión municipal creo que fixemos un intenso e moi meritorio labor da que estou moi orgulloso. Por exemplo quixera salientar que aprobamos unha nova relación de postos de traballo.

Foi moi complicado aprobar esta RPT?

Si, e foi un proceso moi longo e complexo. Tivemos que superar diversas dificultades administrativas. Tamén teño que dicir que a nivel político non houbo problema. Por primeira vez na historia, este documento introduce na RPT a todos os traballadores deste concello incluídos aos do conservatorio que estaban fóra. Dignifica os seus soldos e reorganiza a súa situación laboral.

Por primeira vez tamén se aprobou un procedemento administrativo de promoción interna. Fixéronse dúas ofertas de emprego público que xamais se fixeran na historia deste concello.

Que máis accións políticas cres que se poden apuntar no haber do goberno que encabezas?

En “Formación e emprego” fixemos 3 Plans Integrais de Emprego, e catro Obradoiros co financiados pola Xunta de Galicia.

Nos “Servizos Sociais” estou moi orgulloso do servizo que puxemos en marcha de levar a todas as parroquias o “plan de prevención de doenzas neuro dexenerativas”. Este faise en colaboración con AFAGA e ten unha acollida tremenda.

En “Obras e planificación” estamos a executar obras de humanización na rúa Colón, o Barrio dos Muíños, a rúa Antero Rubín. En xaneiro empezarán as obras na Avenida de Portugal e, a maiores temos outras obras vinculadas á humanización do centro urbano como Augusto González Besada, Rúa Lugo e avanzaremos na humanización da contorna da rúa Coruña e da contorna da Área Panorámica.

Dicíame un vello socialista de Rebordáns, que é amigo de é meu desde hai moito tempo, cando gañaches as eleccións, que esta situación, o goberno da esquerda en Tui, xamais a podería imaxinar, pois Tui é unha cidade socioloxicamente conservadora. E é algo que lle producía unha satisfacción enorme. Crees que ten motivos, catro anos despois, para manter a ilusión?

Polo que acabo de dicir, si. É certo que, pódese percibir na xente certos sentimento de frustración no seo de ter unhas expectativas moi altas e non podemos darlles resposta a todas en catro anos. Precisamos algo máis de tempo

Fíxose un traballo importante tanto nas parroquias como no centro urbano, pero aínda queda moito por facer. Pero eu diríalle non só ao teu amigo, senón a todos os homes e mulleres de Tui que hai catro anos nos honraron coa súa confianza que si teñen motivos para conservar a ilusión e a esperanza de que Tui sexa unha cidade mellor, máis xusta , máis racional e máis humana. Esa a é a miña vontade e a de todo o meu goberno, e é irreversible e innegociable.

Chegaredes a tempo para rematar todo?

Non o sei, agardo que polo menos deamos feito a maior parte. Pero se algo queda pendente vaise acabar no seguinte mandato con certeza. Este proceso de converter a Tui nunha cidade máis amable, máis humana e de maior calidade de vida para as persoas é irreversible. Eu entendo que inicialmente pode ocasionar malestar, respéctoo e , con toda a humildade , pido por favor un pouco de paciencia. A experiencia amosa que as cidades que collen este tipo de camiño nunca volven atrás, porque a veciñanza non o quere de ningún modo.

Xa conseguimos rematar proxectos que parecían eternos

Como por exemplo?

A apertura da rúa Ourense.

Do seu resultado estás contento?, non se xera un tapón de tráfico na rotonda desa rúa?

Si, xérase tapón , pero porque aínda non se produciu a apertura da zona sur que é a que estamos a traballar na actualidade. En calquera caso temos que ser conscientes de que o tráfico nun casco urbano nunca poderá ter a mesma fluidez ca nunha estrada.

Vai haber aparcadoiro soterrado?

Si, ese proxecto , que nos separou moito do BNG, é innegociable. Vaino haber porque é un proxecto necesario e non hai outra alternativa

Por que non hai alternativa?

Pois porque nós para facer un aparcadoiro público, xa sexa de xestión privada ou pública, necesitamos solo público. E solo público para facer un aparcadoiro haino só nese ámbito. Eu poño sempre o exemplo da cidade de Pontevedra, que conseguiu esa calidade nas súas humanizacións porque ten arredor dunha ducia de aparcadoiros no seu casco urbano. A nosa solución foi testada polos propios responsables do servizo de mobilidade da DEPO, que algo disto si que saben creo eu

E ao argumento do BNG de que agora temos varios centenares de prazas gratis, e que co parking soterrado imos ter menos prazas e aínda por riba de pago, que contestas?

É un argumento inválido porque moitas desas prazas están en “ Leira parkings”que son solo urbano, e en moitos deses casos xa teñen licencia para construír, polo tanto as prazas que haxa alí, desde un punto de visa minimamente rigoroso, non se poden computar como prazas que teñamos, porque en realidade non as temos.

Asemade como resultado das humanizacións moitas das prazas de superficie vanse ir retirando e as que queden van ser zona azul

Zona azul de Pago?

Non, de balde

Por que rompeu o goberno con Lano?

El pedía a modificación da ordenanza de taxas de lixo, que afecta sobre todo aos hoteis, pero para proceder a esa modificación teriamos que facer un traballo que estaba sen facer. Había un traballo previo mal feito, que non pasou os filtros dos funcionarios municipais. E a partir de aí eu encargueino á DEPO , e presentarémolo en breve

Entón onde está o problema?

En que Lano puxo uns prazos imposibles de cumprir. Eu non podo modificar unha ordenanza feita sobre un estudo que era deficiente porque iso pode traernos consecuencias irreparables

Pero é certo que os hoteis de Tui pagan unha taxa de lixo anormalmente alta?

Si, é absolutamente certo

E o alcalde de Tui ten vontade política de solucionalo?

Radicalmente si.

A medalla de Ouro da cidade ao bispo Luis Quinteiro xerou polémica. Explícanos os motivos desta condecoración?

Na corporación, agás o BNG, todos votamos a favor. Recoñecémoslle a esta persoa a súa traxectoria e a súa implicación coa nosa cidade e co noso patrimonio histórico. É un humanista, unha persoa xenerosa, e considero particularmente que é merecedor do recoñecemento. E quero aclarar que eu non son crente, pero tampouco dogmático.

Sabías que aparece nun informe dun destacado medio de comunicación como presunto encubridor de abusos sexuais?

Ben, o encubrimento é un tipo delituoso. E que eu saiba non é que non fora condenado é que non foi nin sequera imputado. Tamén hai políticos que no seu momento pactaron con outros políticos que simpatizaban con organizacións terroristas e por iso tampouco podemos tirar conclusións equivocadas. Quero dicir; paréceme errado caer niso para tratar de desacreditar a ninguén. A min Luis Quinteiro meréceme o maior dos respectos.

O acceso á praia de Areeiros en Guillarei?

É un ámbito que estaba totalmente abandonado e fixemos unha intervención entendemos que necesaria. Desde o punto de vista estético poderá gustar máis ou menos ,pero a súa necesidade non creo que sexa discutible.

Sobre o traslado do mercado que nos tes que dicir?

Tiñámolo claro desde o inicio do mandato e se seguimos gobernando vai seguir así sen ningún xénero de dúbidas. O mercado producía problemas de mobilidade e sucidade .Trasladámolo a unha zona de cidade que tamén merece actividade comercial e produce moitas menos molestias agora que antes. O mercado está no lugar que debe de estar.

Xa temos decidido que vas volver encabezar a candidatura do PSdeG nas municipais de Maio?

Esa decisión non está tomada. Anunciareino no seu momento. A miña decisión está vinculada a que unha serie de obxectivos se cumpran, algúns de competencia municipal e outros non. Para min o obxectivo irrenunciable é o compromiso de ADIF de soterrar o vía do tren no espazo central da nosa cidade

Cando o vas anunciar?

No mes de xaneiro, cando rematen as festas.

Encabeces ou non encabeces o obxectivo cal é?

Confío en que a maioría da cidadanía Tudense valore o noso traballo estes anos, e outorgue ao partido socialista unha maioría suficiente para podermos gobernar con comodidade.