IKF A Guarda Solidariedade de clase na loita polo ben común

IKF A Guarda Solidariedade de clase na loita polo ben común

“A igual traballo igual salario “ é un axioma histórico nas loitas sindicais de todos os tempos. Porén seica estamos en tempos nos que cómpre dar a batalla para reivindicar o obvio. E que dúas persoas que fan o mesmo non cobren o mesmo é unha inxustiza flagrante. E ante as situacións inxustas só caben dúas actitudes posibles que son mirar cara a outro lado ou facer o que fan os traballadores e traballadoras desta empresa de A Guarda: a posición máis digna posible consistente en sacrificar espazos do benestar individual en prol de acadar o ben común. IKF é a empresa máis grande do concello de A Guarda e probablemente tamén das máis antigas pois non moitas empresas poden presumir de ter máis dun século historia. Na actualidade é propiedade dunha compañía francesa e os seus traballadores están en folga indefinida desde o 14 de xullo, agora desconvocada no mes de vacacións, pois a dupla escala salarial que a empresa negociara co anterior comité supón que as novas incorporacións cobren arredor de 5.000€ ao ano menos que as persoas que xa traballan alí. De momento esta situación só afecta a tres persoas pero nun dignísimo exercicio de solidariedade colectiva o 100% do persoal de produción secunda a folga. A primeira xuntanza entre a empresa e os representantes sindicais, celebrada o pasado 30 de xullo, rematou sen acordo. Estaremos pendentes dos acontecementos. Nós achegámonos ata A Guarda e falamos cos representantes do comité de empresa e co secretario da unión local da CIG desa localidade. Velaí vai o que deron de si ambas conversas.

Comité de Empresa:

Falamos con Isidro, Tonio, Julio, Luis e Iván. Luis é o presidente do comité e dos cinco membros, catro pertencen á CIG e un a CCOO . 

Contádenos, cales son os motivos da folga?

Porque estamos negociando a renovación do pacto. Este é un pacto que temos interno. Temos unha liñas vermellas que non podemos pasar e a empresa quere alargar no tempo unha dobre escala salarial. Na negociación pídennos que retrocedamos neste e noutra serie de dereitos que temos adquiridos.

En concreto, en que consiste este retroceso?

No ano 2018 firmouse un dobre escala salarial suxeita a uns obxectivos de produción que nunca se compren, co cal, a xente que entrou despois dese ano nunca terá un salario equiparado ao noso. Neste novo pacto que rematou o ano pasado queremos eliminar esta dobre escala salarial coa que non estamos de acordo. Un traballador que desenrola o mesmo traballo cun compañeiro que leva máis tempo na empresa non pode ingresar de media uns 5.000€ menos ao ano.

Ese é o montante da diferencia salarial, 5.000€?

A empresa fíxonos unha proposta negociable a 8 anos en base a un 75% fixo e a un 25% dependendo de que o marxe de beneficio da empresa sexa superior a 1.000.000 de euros. A empresa nunca está conseguindo este obxectivo co cal este 25% alargaríase moitos anos no tempo, nunca recuperarían esta parte do salario. Por outra banda, aquí levamos durante 100 anos collendo todo o mes de agosto de vacación e agora a empresa quere darnos só 15 días en agosto e os outros 15 desfrutalos cando a empresa queira de maio a outubro. Outro tema clave tamén, é que no último pacto firmouse a posibilidade de flexibilizar e traballar os sábados a mañá pagando a 20€ á hora máis un día de vacacións a desfrutar en 6 meses e agora queren obrigarnos a facer isto extensible aos sábados pola tarde tamén, co cal o tema da conciliación familiar non sei por onde queda.

Cando comezou a folga?

O mércores 14 de xullo e é folga indefinida. 

E que porcentaxe de paro tedes na empresa?

Agora mesmo estamos parados en produción ao 100%.

Que expectativas tedes con esta folga, a empresa está negociando?

A empresa di que mentres esteamos en folga indefinida non negocia.

Canto traballadores e traballadores sodes na empresa?

Sobre 62 persoas.

E de produción cantas?

Sobre 40 persoas.

A matriz da empresa de onde é?

A empresa é francesa.

En Galicia só ten esta fabrica na Guarda?

Si.

Cantos anos de historia ten a empresa?

Esta empresa nace como unha compañía familiar que se montou hai 108 anos e hai arredor de 15 a multinacional a que pertencemos agora mercouna.

Desde que mercou a empresa a actual propiedade notastes que melloraron ou empeoraron as vosas condicións laborais?

Esta empresa agora e dun fondo de inversión. Eu levo uns 30 anos traballando aquí e nunca se investiu en nada, inclusive seguimos traballado coas mesmas máquinas. Non creo que sexa un tema social, senón de inversión. A día de hoxe, se non hai investimento, a fábrica non vai ser rendible.

E para rematar, notades o apoio da sociedade guardesa ?

Notamos totalmente o seu apoio. Tivemos unha reunión co alcalde hai uns días e díxonos que, despois do concello está é a empresa máis grande da localidade.Se esta empresa pechara sería unha enorme traxedia para a vila.

O alcalde implícase o suficiente co tema?

Creemos que podería facer máis.

Por que?

A empresa mandoulle unha carta explicándolle a súa versión antes de que nós foramos falar con el e cando tivemos a reunión entendemos que non está moito pola labor de axudarnos. Non se quere mollar

Serafín Fernández, Secretario da Unión Local CIG.

Cóntanos a visión que ten a CIG sobre este conflito?

Basicamente estamos herdando unha situación do anterior comité onde pactáronse uns determinados puntos dos que hoxe en día a empresa non quere desprenderse.

Que distribución aritmética tiña o comité anterior?

Eran 3 membros de CCOO e 2 de UXT.

A CIG non estaba?

Non, non estabamos. Entramos nestas últimas eleccións con 4 compañeiros da CIG e un de CCOO. 

Aquí ocorre que a empresa conseguiu, no seu momento, unha dobre escala salarial. Isto quere dicir que a xente que pase a formar parte da empresa desde o último pacto do ano 2018 cara a diante, non vai a cobrar o complemento do pacto, unicamente cobran o salario de convenio de vidrio-cerámica. Isto sería así de por vida. É un plan de futuro da empresa. 

Contáronme os compañeiros do comité que podería haber unha diferencia salarial anual duns 5.000€?.

Si, é así. Xa te imaxinarás a situación dun compañeiro con outro, traballando o mesmo, que un leve uns 300 ou 400€ menos ao mes para casa. É unha discriminación tremenda. Este é o tema principal do conflito. 

Temos que darlle o noso agradecemento aos traballadores por secundar a folga, neste momento soamente hai tres persoas as que lles afecta esta dobre escala salarial e, sen embargo, xa ves que está toda a produción parada ao 100%.

A verdade e que este exercicio de solidariedade é absolutamente emocionante!

Si,abofé que é así.Eu como responsable da unión local da CIG só podo dar as grazas emocionado aos compañeiros polo seu compromiso colectivo. Asemade expresarlle o apoio sen fisuras da central sindical. De feito hoxe mesmo, casualmente, está con eles Alberto Gonçalvez SC da CIG en Vigo para apoialos nas súas demandas

Tamén hai varios puntos máis. Está o temas das vacacións, e de poder obrigar a traballar os sábados a tarde. O que temos claro é que queremos levar este tema por unha cuestión de equidade: “Igual traballo, igual salario”e de aquí non nos movemos. 

Cal é a túa visión ao respecto da posición da empresa?

A nosa visión é que nós temos que facer o noso traballo, evidentemente eles están exercendo medidas de presión. De feito, dous días antes de comezara folga veu de visita un responsable de Barcelona e tratou un pouco de atemorizar a xente. O resultado foi que toda a xente estaba a piñón e, polo tanto, levou unha consigna moi clara.