O vindeiro 10 de agosto 19 persoas do club Ribex de Tui( 17 patinadoras un adestrador e unha adestradora) van estar en Alemaña competindo no campionato do mundo de patinaxe. O esforzo , o talento e a inmensa ilusión destas mozas do equipo tudense tiveron merecida recompensa tanto é así que as vai levar a competir coas mellores de todo o mundo. O seu éxito é un enorme orgullo para o Baixo Miño, e para todo o país galego. E nós non podiamos deixar de coñecelas. Falamos con Carolina,unha das súas adestradoras.
Carolina Figueroa, adestradora e coreógrafa do Ribex Patinaxe de Tui
G.Figueiredo
“Para poder dedicarche a este deporte hai que investir moitísimas horas”
Cóntanos a túa historia coa patinaxe?
Fun patinadora moitos anos e, despois, xa aos 16 empecei a dar clases e especialiceime na coreografía, que é ao que me dedico dentro do club. Son adestradora e coreógrafa. Somos dous no equipo técnico. O outro adestrador chámase Santiago Alonso.
Entón como adestradora levas máis de vinte anos?
Si a verdade o tempo pasa moi rápido
Cantas nenas e nenos forman parte do Club Ribex?
Cincuenta.
En que categorías?
Desde benxamín ata sénior. Temos nenas de entre catro e vinte dous anos.
Onde adestrades?
Adestramos en Tui en diferentes polideportivos, pero sempre dentro do Concello.
Que tal as vosas relacións co Concello, pórtase ben co equipo?
O Concello connosco ten un trato excelente. A verdade non temos nada malo que dicir pois sempre nos facilitan as cousas o máximo que poden. É certo que os pavillóns están moi ocupados agora e temos problemas para adestrar, pero como todos os equipos. Dannos unha subvención anual, mesmo agora para a Copa do Mundo vanse reunir connosco para tentar axudarnos cos custos que son altísimos.
Este verán ides participar na copa do mundo de patinaxe en Alemaña, un orgullo enorme para o club non? .
Desde logo que si. Estamos todos emocionadas e emocionados. Temos tres grupos en categoría nacional, somos o único club galego con este logro.
Un, o que vai á Copa do Mundo este ano, é Campión Galego, Campión da Copa de España, Campión dun Trofeo Internacional. Este ano levouno practicamente todo.
O grupo de júnior, foi o cuarto de España e Subcampión Galego.
Temos un Cuarteto que tamén está en categoría nacional, foi sub campión Galego e sexto de España. Agora compite este mes de xullo na Copa Galega.
Para competir na Copa do Mundo son un grupo de 17 patinadoras de entre 13 e 22 anos. Realmente estar aí xa é un triunfo. Somos o único club nesa categoría de grupo grande que imos competir nesta World Cup, nunca antes chegara ningún equipo. Hai dúas categorías, grupo grande e outra de grupo pequeno, aquí si que vai a outro equipo galego.
Cantos equipos de Estado compiten?
De España 5 equipos.
Onde se vai celebrar a Copa, cando e cantas persoas canto tempo tedes que desprazarvos? Que expectativas levades para esta viaxe?
En Alemaña, do 10 ao 14 de agosto, e temos que desprazarnos catro días 19 persoas, 17 patinadoras e dous adestradores. Esta viaxe ten un custo de 23.000€.
Xa tedes os cartos para sufragala?
Non, non temos o diñeiro recadado. A Federación non axuda absolutamente en nada. E aparte para poder competir hai que pagar unha inscrición que custa 850€ por equipo e as subvencións que hai durante todo o ano utilízanse para viaxar aos campionatos de España. Estamos recadando fondos, as nenas venden rosquillas, fan postos para recadar diñeiro, sorteos, un pouco de todo para tentar sobrevivir.
E as expectativas?
Poder competir nesta Copa do Mundo xa é tremendo, un soño cumprido, pero claro, unha vez que vas, queres conseguir o máximo, pero non fácil. Aquí vai competir o mellor do mellor.
Fálame dos equipos, son todos femininos, ou hai algún mozo?
No noso equipo son 16 nenas e un neno.
A diferenza de sexo é tremenda, porque crees que hai tan poucos nenos que practiquen este deporte?
Na miña opinión creo que polo tópico de que se rían deles, ou de que é un deporte de mozas. Pesa isto máis sobre que se lles gusta ou non.
Hai machismo neste mundo?
Non, eu nunca o percibín.
Hai máis patinadores que patinadores. No que se refire aos equipos directivos ou de adestramento?
Tanto adestradoras como presidentas dos clubs e da federación adoitan ser todas as mulleres. No noso caso somos dous adestradores, un mozo e eu, pero non é o habitual.
Que vantaxes ten practicar a patinaxe?
Fisicamente, é un deporte moi completo. Tes que facer danza, flexibilidade, e aprendes a traballar en equipo, non é só calzarse os patíns. Todos os deportes en equipo son moi gratificantes, axudan a crecer, a saber e a compartir. Tamén coas viaxes dos campionatos, tes unhas experiencias moi enriquecedoras que che ensinan a desenvolverte por ti mesma desde pequena, sen compañía dos papás e mamás.
E por que crees que é un deporte tan minoritario se ten tantas cousas boas?
Porque todo o que non sexa fútbol, como que está en segundo plano, penso eu.
Disme que o equipo viaxa xunto aos campionatos, e os familiares. Acompáñanvos ás viaxes?
Non viaxan todos, pero si adoitan acompañarnos todos os que poden. Mesmo agora a Alemaña tamén van vir algúns familiares. Eu creo que intentan facer o esforzo porque é unha experiencia única. Eu non son nai, pero imaxínome que é todo un orgullo e unha inesquecible experiencia ver ao teu fillo ou filla competindo aí despois dun sacrificio tan grande. A este deporte tes que dedicarlle moitísimas horas e deixar moitas cousas no camiño para poder dedicarche a el. E si, tes que esquecerche un pouco da túa vida persoal.
Cantas horas adestrades son normalmente?
Nós, por exemplo, adoitamos adestrar en época de campionato, pois se cadra 10 horas á semana. Despois, en épocas sen competicións xa baixamos a 5 ou 6 horas semanais. Isto só cos patíns nos pés, logo a maiores hai que adestrar a parte da flexibilidade que se necesite.