A Comunidade de Montes de Salcidos renova a súa Xunta Reitora

Comunidade de montes Salcido

Salcidos é unha parroquia do concello de A Guarda de arredor de 3.000 habitantes, cun territorio que é o máis grande das tres parroquias do concello: Salcidos, Camposancos e A Guarda. No mes de decembro do pasado ano renovaron a xunta reitora da súa Comunidade de Montes e A Nova Peneira, un medio completamente comprometido co traballo de base da sociedade civil organizada, foi coñecelos. O 13 de Xaneiro tiveron a súa primeira xuntanza e nós estivemos con eles. Son: Xabier Vicente: Tesoureiro, Antonio Álvarez: Presidente, Manuel Benito: secretario, Lorenzo Portela: vicepresidente, Ramón González: vogal, Antonio Cividanes: vogal, e Antonio Álvarez: vogal.

Temos moita ilusión, e un feixe de proxectos para tratar de contribuír a mellorar a vida da parroquia de Salcidos”

Por que vos decidistes a presentar unha candidatura ?

Acabara o mandato da directiva anterior, algúns de nós xa estabamos nela,outro ex presidente tamén quixo presentarse e xa que logo celebramos unhas eleccións.

Que tal a participación?

Dun censo de 88 comuneiros viñeron votar 81, creo que estivo moi ben. O que amosa que a xente si se preocupa polo futuro dos nosos montes.

Cales son as principais actividades da CM?

A limpeza do monte, o arranxo das pistas do cámping , a construción dun depósito de augas para combater os incendios, que realmente salvou ao monte este verán despois dun terrible incendio que houbo. Foron máis de 70.000 litros de auga que saíron do noso depósito para axudar a controlar o lume.

Neste mandato que iniciamos agora alén de gobernar pistas, tanques de auga e da actividade habitual de limpeza do monte, temos moita ilusión en concretar diversos proxectos que temos en mente:

-Entendemos que o espazo arredor da casa forestal está infrautilizado e queremos facer un parque forestal que se converta nun lugar para o lecer e a convivencia da veciñanza de Salcidos. Agardo que sexamos capaces de conseguir unha subvención que o financie.

-Queremos potenciar o estudo do enorme patrimonio arqueolóxico que teñen os nosos montes.

-Temos pensado organizar andainas e actividades varias para concienciar e divulgar a grande beleza do noso patrimonio natural.

A vosa casa forestal, que ten arredor de 30 anos , dáme a sensación de que tamén está infrautilizada, equivócome?

Non, non te equivocas. De feito con que se faga responsable un comuneiro nós estamos dispostos a prestarlla a calquera colectivo ou asociación que queira facer a actividade que sexa, agás actividades de tipo político, que poidan ser interesantes e ou beneficiosas para a comunidade.

Vós ocupádesvos só dos montes de Salcidos verdade?

Si, máis da zona da Ribeira, onde está o cámping xa que eses terreos son propiedade da nosa Comunidade de Montes.

Pero a persoa que o xestiona anunciara hai pouco a súa intención de pechalo para sempre. Cambiou de opinión?

Si, o cámping non se pecha. Iso foron unhas declaracións do xerente, que ten o cámping en concesión por un número determinado de anos, nun momento moi difícil, despois dunhas inundacións importantes. Pero logo as cousas serenáronse e o cámping desde logo que vai continuar coa súa actividade.

Cales son os problemas máis importantes que ten a Comunidade Montes de Salcidos?

O problema máis grave que temos é con Costas, pois queren confiscar os terreos da Ribeira, onde se encontra o cámping. Terreos que son propiedade da Comunidade de Montes. Levamos xa 3 anos pelexando, apoiados pola Organización Galega de Montes. Tanto a nosa comunidade como outras tamén afectadas como a de Tabagón ou a de San Miguel.

Entón Costas quere expropiarvos os terreos?

Expropiar non, quere confiscar. Unha expropiación implica que paguen algo polo que levan e eles queren quedarse cos terreos sen pagar nada a cambio. Un auténtico roubo vaia. Eses terreos están inscritos no catastro a nome da Comunidade, e agora desde Madrid queren inscribilos a nome deles.

Pois parece un problema moi grave

E tanto que si, neses terreos hai moitos cartos metidos , e poden quitarnos a propiedade dun dos nosos activos principais.

Os concellos da comarca apoian a vosa posición?

A Guarda, O Rosal e Tomiño si. Nestes tres concellos temos o apoio unánime dos tres plenos.

Alén do apoio municipal procurastes outro tipo de axuda?

Si, tamén fomos ao parlamento galego, defendidos polo BNG. Pretendiamos o apoio unánime do parlamento galego.

Conseguístelo?

A medias. No que se refire a que os terreos sigan sendo propiedade das comunidades veciñais conseguimos o apoio unánime do parlamento si. Pero nós pretendiamos tamén que, igual que aparece na constitución portuguesa , as leis españolas recoñeceran tamén a propiedade veciñal. E neste tema, tan importante para nós, só nos apoiou o BNG pois o PP e o PSOE votaron en contra. Tamén temos pensado ir a Madrid, e igualmente convidamos á ministra Teresa Ribera a que se achegara a coñecer in situ os nosos terreos e a ver como funcionan as comunidades de montes porque en Madrid non teñen nin idea.

Que vos respondeu?

De momento só deu “largas”.O máis que conseguimos foi unha entrevista cun cargo de Costas. Foi por vídeo conferencia desde o concello de O Rosal. Alí estivemos 3 comunidades de Montes: A nosa, a de Tabagón e a de San Miguel e Alfredo Pereira o presidente da Oragaccmm que como antes che mencionei nos asesora e axuda.

Que conclusión tirastes desa xuntanza con Costas?

Que non teñen a máis mínima idea. Por non saber, non saben nin que existe un cámping, que é unha das fontes máis importantes de ingresos para todo o pobo de A Guarda.

Alén do intento de “confiscación” , sen dúbida o asunto máis grave, nese cámping tamén hai un importante problema de vertidos de augas fecais, verdade?

Si, tamén levamos anos pelexando con iso. Xa gastaron milleiros de € en facer un areeiro que non serviu para nada. O Concello pasa de todo, teñen que facer unha limpeza anual das tubaxes e non a fan. O único que fai o concello, e iso tamén hai que dicilo, é que un par de veces ao ano arranxa a pista de acceso ao cámping. Este tema temos que arranxalo e se é necesario iremos ao xulgado.

No que respecta a histórica reclamación de Salcidos sobre o monte Trega que nos tedes que dicir?

Este monte, desde tempos inmemoriais, pertenceu á parroquia de Salcidos, pero é algo que non se soubo defender adecuadamente. Nós levamos anos pelexando xa ese asunto e en calquera momento vai entrar no xulgado. É inminente que a nosa reclamación da parte do Tegra que dá a Salcidos chegue ao xulgado.

Que tal son as relacións co concello de A Guarda?

Manifestamente mellorables. Só lle temos que agradecer ao señor Español, ao concelleiro de obras, que un par de veces ao ano coa maquinaria da mancomunidade nos limpa as pistas de acceso ao cámping.