Casa de Oficios – Escola Taller, en Fornelos da Ribeira

Manuel Alfonso Estévez. Historia viva de Fornelos da Ribeira
Manuel Alfonso Estévez

Non sabendo que facer coa antiga casa sindical _El Progreso_, con motivo da súa rehabilitación, humildemente propoño se converta en Casa De Oficios – Escola Taller, promovida pola Consellería do Desenvolvemento Local do Concello de Salvaterra, e financiada pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, Fondo Social europeo e a propia parroquia.

E evidente a preocupación social, polo paro, cando toca o sector mais xove da nosa terra, e penso que en Fornelos da Ribeira, a xente ten visión de futuro, para que a rehabilitación da antiga casa sindical _El Progreso_, sexa un excelente medio para convertela na Casa De Oficios – Escola Taller, como medio eficaz de ocupación dos xoves do entorno, para fomentar a contratación de postos de traballo, tendo en conta, os modelos de desenrolo industriais, avícolas e gandeiros existentes.

Esta Casa De Oficios – Escola Taller, serviría para recuperar aquel ideal dos antigos fundadores da Casa Sindical, procurando un desenrolo harmónico e global, na comarca, como unidade xeográfica e cultural, evitando o despoboamento e abandono dos recursos que racionalmente explotados poden sustentar dignamente a comunidade.

Sería, o marco cultural, entendendo no seu mais amplo sentido, a identidade da parroquia e o seu entorno, para conservar a riqueza común de todos, transmitila como algo novo as xeracións vindeiras:

– Educación compensatoria, importante na busca de emprego.

– Alfabetización informática, mais necesaria que nunca.

– Orientación, información e formación empresarial, para conseguir calquera grao na inserción laboral.


A Casa De Oficios – Escola Taller de Fornelos, fomentaría a rexeneración e revitalización da comarca, mediante a recuperación de profesionais con proxección laboral, baseados en estudos de viabilidade e posibilidades reais, para a creación de novos postos de traballo no futuro, tendo presente sempre a _PLISAN_.

O deseño de programas formativos, deben ser adaptables a cada experiencia particular. Poño por exemplo: Un curso de Xardinería que sería, mais ou menos, sobre teoría: Técnica instrumental básica, identificación botánica, edafoloxía, fitopatoloxía, sementes, plantacións, reproducións, enxertos, poda, transplantes, invernadoiros. Deseño e mantemento de xardíns. E asi como os demais
programas, como a mellora do nivel de vida en equipamentos dos barrios ou rueiros, atención a terceira idade, etc., ou programas sobre o cultivo dos viñedos na Comarca, da que tanto sabía o meu inquedo amigo, José Posadas, polifacético, políglota e polivalente coñecedor con profunda experiencia dos viños das nosas aldeas, como o cultivo, a vendima, a elaboración, temperatura,ventilación, limpeza, fermentación, trasfega e práctica no coidado e alteración do viño.
Historia do viño na Comarca, zonas, produción, variedades, elaboración e comercialización. Climatoloxía, sen esquecer as elaboracións das augardentes, licor – café, queimadas etc. con toda a
súa maxia, no noso entorno

Requisitos:

Haber cumprido 16 anos, para cada inicio.

Ser demandante de emprego.

Reunir as condicións necesarias.

Non se pide ningunha titulación.

Penso eu, que a Casa De Oficios – Escola Taller de Fornelos, sería altamente positiva para a nosa xuventude a partir de programas e das súas posibilidades.

Ademais, tería medios de comunicación e imaxe que lles permitiría organizar exposicións con catálogos, publicacións, vídeos, boletíns, divulgadores destas iniciativas e experiencias.

Espero de A Nova Peneira (A Nosa), esta publicación en favor da nosa xuventude que tanta axuda necesita para saír adiante, nos tempos en que estamos, e a Comunidade de Montes de Fornelos, propietario do antigo centro sindical, _El Progreso_ para un mellor entendemento para levalo adiante.