¡MONGHOLA!: CRÓNICA DUNHA VODA

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

O máis granado da sociedade española celebrou, no Madrid da distópica liberdade ayusiana, a voda do solteiro de ouro, que días antes, sorprendido, declaraba: «non sei o que esta muller puido ver en min»

No convite déronse cita estafadores, piratas, promotores de conflitos bélicos, aristorancios, apoloxetas do xenocidio sionista, palcócratas balompédicos, cloaqueros de estado, reis defraudadores, infantas cuatreras, copilotos de Maseratis, vendedores de máscaras anticovid defectuosas, enterradoras de xeriatría, filonarcotraficantes, criadoras de ras, domesticados renacuajos, franquistas, simpáticos borrachines, chantaxistas e facinorosos de distinta pelaxe. A cerimonia celebrouse nunha igrexa inmatriculada e os párrocos da mesma avisaron aos fieis, que os monaguillos portarían unha terminal de punto de venta (TPV), en lugar do clásico cepillo, para recoller a esmola. «Os cartos teñen que ser tan brancos como o vestido da noiva», manifestou o presbítero dende o altar, comentario que desatou as gargalladas dos convidados.

Segundo informa a revista ¡MongHola!, os asistentes luciron traxes e vestidos de Alta Costura, así como pedrería de recoñecidos deseñadores.

De entre os invitados, o correspondente salientou na súa crónica os fabulosos pendentes da distraída Infanta NÓOSferatu. Pero, na súa opinión, a neta do Emérito foi a gañadora en canto a elegancia porte e distinción. Lucía un traxe negro con botóns dourados, inspirado nas tarxetas black acuñadas en ouro, que lle regalara o seu avó o día no que alcanzou a maioría de idade.

Esta fauna, espero que as aves de rapiña, voitres, xabaríns, raposas e lobos, non se molesten por incluílos dentro do seu conxunto, reuníronse na casa de Deus, transformándoa nun templo de mercadores. Nesta ocasión, o seu fillo non conseguiu evitar que fixeran da súa morada unha cova de ladróns, tal e como fixo hai 20 séculos, suceso narrado por San Marcos no versículo 11:15-18 do Evanxelio.

Dous mil anos despois, os tratantes vingáronse do Todopoderoso, e a día de hoxe, son eles os que están en posesión do atributo divino da omnipotencia.

E mentres todo este poderío concentrábase en escasos metros cadrados, os cordeiriños de Deus, dende o curral metálico construído para a ocasión, ouveaban, aplaudían, sacábanlle fotos e amosaban as xugulares a todos aqueles que lle chuchan o sangue e que se paseaban ante eles con vestidos e complementos que os comúns dos mortais xamais poderemos lucir nin aforrando durante toda a nosa vida. ¡Viva el Rey, viva la infanta, vivan los novios!

Ao día seguinte, as ovellas, xa de volta a súa vida real, non palaciana, incorporáronse ao seu traballo, do que están ata o nabo e no que teñen que suar, mañá, tarde ou noite, ata cumprir 67 anos, para ter dereito a unha mísera pensión, que se dos mercadores dependera tería os días contados. En cambio, os esquilmadores de fondos públicos dormen tranquilos nas súas alcobas, satisfeitos do seu dócil rabaño e sabedores de que na súa granxa ninguén, xamais, ousará saírse do curral.