Os próximos 11 e 12 de maio a festa da Sementeira de Corzáns celebrará a súa décimo sexta edición. Esta festa é un xeito de amosar ao mundo as nosas tradicións, e a súa fórmula é un éxito indiscutible pois cada ano milleiros de persoas se achegan ata a área recreativa do Muíño da Ponte en Corzáns a gozar das súas actividades e dunha programación musical de grande calidade. A organización da festa é responsabilidade da asociación Quinta do Piñeiro e nós conversamos cun dos seus integrantes a case poderiamos dicir que alma mater: Francisco Sousa. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Francisco Sousa da asociación Quinta do Piñeiro.
“Na Sementeira todo o mundo, desde os nenos ata as persoas máis maiores , poderá sentirse cómodo pois teremos actividades para todas as idades”.
Un ano máis chega a Sementeira de Corzáns, e xa son XVI Fran?
Pois si, xa levamos 16 anos sementando.
Algunha vez na vosa historia tivestes que suspender a festa?
Só o primeiro ano da pandemia.
Recórdanos o sitio no que se celebra a festa?
É na área recreativa do Muíño da Ponte en Corzáns. É un sitio precioso á beira do río.
A asistencia é libre?
Total e absolutamente.
A sementeira debe de ser moi boa para que ano tras ano agrome esta festa tan marabillosa?
Home, non sei se é boa ou non , só podo dicir que nós traballamos moito e con toneladas de ilusión para poder darlle contido a este evento tan importante para nós que penso que se está a consolidar como un das festas imperdibles da nosa comarca.
Eu creo que xa transcende á comarca,
e que poderiamos situala xa como un dos eventos importantes da provincia de Pontevedra?
O certo é que cada vez é máis coñecida en máis sitios e por máis persoas si, e para min, e para todas as persoas que participamos da súa organización, o orgullo é inmenso. O que vemos nós é que a medida que se achegan as datas da festa hai moitas persoas que nos preguntan e que amosan o seu interese. A sementeira está aberta a todos os públicos, o que pretendemos é que todos os asistentes se poidan sentir cómodos, desde os nenos ata os máis maiores.
A festa presentástela o xoves 11 no Pazo das Barreiras, verdade?
Si, presentámola nun lugar moi importante de Salvaterra que é absolutamente precioso.
Como foi a presentación?
Foi realmente bonita, nun lugar, como che dixen, precioso. Contamos coa compañía de Jorge Cubela, deputado provincial de cultura, así como de varios empresarios patrocinadores e colaboradores, medios de comunicación e veciños e veciñas.
As actuacións musicais deste ano , polo que puiden ver, son de primeiro nivel?
A verdade estamos moi satisfeitos. Contamos con grupos de enorme calidade como por exemplo os Storrentos ou o Caimán do río Tea. Destes últimos quixera destacar a súa amabilidade pois nos compuxeron unha canción ad hoc para a nosa Sementeira.
Quen será o pregoeiro?
O monologuista David Perdomo.
E as actividades?
Como sempre moi amplas e variadas. Teremos actividades específicas para os nenos e para xente adulta. Haberá un oleiro e un canteiro que farán cousas deliciosas. E estamos tratando de pechar tamén a visita dun escultor en madeira.
As expectativas de asistencia?
Temos moi boas expectativas. Xa o ano pasado a asistencia foi espectacular, pasaron polo recinto da festa arredor de 12.000 persoas de todos os puntos de Galicia, e desta volta confiamos en que ande por aí tamén.
A organización dun evento desta dimensión ten que ser enormemente complexa. A parroquia de Corzáns está implicada coa festa?
Na Quinta do Piñeiro somos unha directiva moi pequena de arredor de 10 persoas que traballamos moito para que todo saia ben. Nas últimas semanas si hai moita xente, non só da parroquia senón de moitos outros sitios, que se implica e bota unha man.
Alén da música e das distintas actividades da festa nun evento como este a comida será moi importante?
É tanto que o é. De feito este ano ampliamos notablemente os postos co gallo de podermos ofrecer unha variedade máis ampla de comidas, incluso con opcións de comida vegana, e tamén coa idea de que cada asistente teña que agardar o menos posible para poder ser atendido.
Estás satisfeito co apoio do Concello?
Si, moi satisfeito. Desde o primeiro día sempre colaboraron con nós.
E coa Deputación?
Este ano si. En anos anteriores non tivemos o apoio suficiente. Pero non teño a máis mínima intención de mirar ao pasado. Só quero que todo o mundo goce da nosa Sementeira.
Os patrocinadores privados responden?
Absolutamente si. Estou enormemente satisfeito e inmensamente agradecido pola súa xenerosidade. Chegamos a un punto no que hai empresas que nos chaman a nós para ofrecernos a súa colaboración.