
Lucía Santos ven de ser nomeada, de forma unánime, candidata do BNG á alcaldía de Marín nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo ano. Nun contexto moi positivo para o nacionalismo galego en xeral, do que Marín non é alleo, todo indica que o seu crecemento vai ser máis que notable e Lucía amosouse enormemente ilusionada en que desta volta si, O BNG , poida disputarlle a maioría social de Marín ao PP de María Ramallo. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“En Marín só hai dúas alternativas: o modelo de nepotismo e desleixo do PP de toda a vida, ou o modelo das vilas BNG como Pontevedra, Bueu ou o Moaña”
A pouco menos dun ano das municipais do 23, como está a situación do BNG en Marín?
Como sabes, Tino, eu levo toda a vida militando no BNG, e como en calquera proceso da vida que se prolonga moito tempo, xa vin de todo, e podo dicir con rotundidade que estamos nun dos nosos mellores momentos. A unidade, a comodidade a conexión coa sociedade e a vontade de disputarlle a maioría social de Marín ao PP son absolutas no conxunto da agrupación local.
Xa podemos dicir que vas ser a candidata nacionalista nas vindeiras eleccións municipais?
Si, fun escollida de maneira unánime, algo que me fai sentir enormemente honrada, agradecida ao conxunto da militancia e cun inmenso sentimento de responsabilidade para responder á confianza outorgada.
E, en relación ao goberno municipal que nos tes que dicir?
Hai que recoñecer que hai unha área que funciona moi ben, que é a de publicidade e propaganda. Ao resto nin está nin se lle espera. O goberno de María Ramallo é puro postureo. O seu único obxectivo é manterse no poder e empregan todos os recursos dos que dispoñen para venderse,non para abordar os numerosos problemas graves que padece Marín.
Facemos esta entrevista na parroquia de Seixo. Aquí hai un movemento de resposta social moi importante contra o deterioro da sanidade pública e na defensa do seu centro de saúde. Como está agora a situación?
Ven de cumprirse un ano da aparición dese movemento social. E segue habendo importantes eivas tanto no centro de saúde de Seixo como en Marín. En xeral a situación da sanidade no conxunto de Marín é pésima. Agora no verán, non hai médicos polas tardes, e o persoal das mañás é moi escaso, non chega para atender as necesidades da nosa poboación.
Antes comentábasme que Marín padece graves problemas. A modo de síntese dinos cales son os máis importantes?
O asunto da sanidade é un dos máis importantes. Tamén quixera salientar o desleixo e a falta de apoio do goberno de Marín ao comercio local. Vemos como día a día pequenos negocios da nosa vila non teñen máis remedio que pechar e as axudas da administración municipal brillan pola súa ausencia. A falta da posta en funcionamento do PXOM é dificilmente explicable, máis tendo en conta a privilexiada situación aritmética coa que conta o goberno do PP, e supón un lastre para o adecuado desenvolvemento económico da nosa localidade o que favorece outro dos nosos problemas máis graves : o descenso de habitantes
É tan importante ese descenso de poboación?
E tanto que si. Marín leva 11 anos perdendo poboación, que curiosamente son os anos que leva gobernando o PP. Neste tempo Marín perdeu un 6,7% de poboación. Eramos, antes da chegada do PP, o concello máis poboado do Morrazo e agora xa nos supera Cangas
E cales son, a xuízo do BNG,os motivos que explican esa caída de poboación?
O que parece evidente é que cando a política municipal fai atractiva a unha localidade, ofrece oportunidades e servizos suficientes para poder desenvolver un proxecto de vida persoal esa localidade crece. Se se dá o caso contrario a xente non ven, e os colectivos de persoas que xa están, e que non teñen opcións , marchan
O que parece manifestamente mellorable é o casco histórico, polo menos ás veces que tiven a oportunidade de pasear por aí transmíteme certa sensación de sucidade e abandono?
Si, é unha desgraza pero si. Abandono, desleixo é sucidade é o que percibe quen transite polas zonas históricas de Marín. Todo isto
ven por non pór en marcha o plan de protección de cascos históricos.
Como valoras o resultado que está a ter a posta en marcha da zona azul?
A nós ese é un modelo que non nos parece adecuado, e así o dixemos desde o principio. Entendemos que serían preferibles outro tipo de alternativas. O límite de dúas horas pode ser válido para quen se desprace a Marín a comprar ou a facer algunha xestión, pero quen o faga por motivos de traballo vai ter un grave problema.
ENCE por fin fóra da ría?
Agardo que si, quero ser optimista.
Malia todas as eivas que padece Marín, o goberno municipal goza dunha situación aritmética excelente, non se pode negar que ten a confianza maioritaria da maioría da sociedade. Por que?
Esa é unha pregunta de difícil resposta pois probablemente se trate da suma de razóns diversas, entre as que quixera destacar tres: 1) A socioloxía da nosa vila é un tanto diferente á das vilas veciñas pois a escola naval militar en parte veu colonizar a mentalidade colectiva dalgúns segmentos da poboación.2) Como che dixen antes a área de comunicación é propaganda do noso concello funciona moi ben. Gobernar non gobernan, pero recoñézolles o mérito de seren uns vendedores excelente.3) A situación na que se presentou a esquerda de Marín ao proceso electoral do 2019 foi autenticamente disparatada. Á esquerda do PSOE estabamos 4 candidaturas. Houbo cerca de 2.000 votos de esquerdas que, polo atomizado que estaba ese espectro político, non serviron para nada, foron ao lixo e quedaron sen representación. En consecuencia o PP obtivo unha sobre representación que non se corresponde coa realidade.
Supoño que esa situación de atomización non se repetirá no 2023?
Eu agardo que non. Espero que se tomara nota do resultado que produciu. Aproveito a oportunidade para convidar a todas e todos os meus veciños que entendan que Marín precisa un cambio a que se sumen ao proxecto transformador do BNG
Xa tedes conformado o tramo inicial da candidatura?
Estamos traballando para conformar unha candidatura que ilusione, de persoas capaces e comprometidas. Agardo poder anunciar as persoas que me acompañen, polo menos nos primeiros postos, no vindeiro mes de setembro
As expectativas realistas que tedes?
Achegarnos o máis posible, ou incluso superar, ao resultado marabilloso que tivemos nas autonómicas. O que está claro é que só hai dúas alternativas: o modelo de desleixo e nepotismo do PP de toda a vida, ou o modelo das vilas BNG que xa gozan Pontevedra, Bueu ou Moaña.