O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia chora a un dos seus fundadores, Waldino Varela

CCOO

O sindicalista vigués, que dedicou a súa vida a combater as inxustizas, faleceu o luns aos 92 anos

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2022

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia chora a un dos seus fundadores, o sindicalista vigués Waldino Varela Martínez, falecido o luns aos 92 anos. Para a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, Waldino forma parte da «valiosa memoria da loita obreira», non só polo legado sindical que deixou, senón tamén porque a súa figura e traxectoria «inspiraron e guiaron varias xeracións de sindicalistas». O seu compromiso e valores fixérono merecedor, en 1993, un dos Premios 10 de Marzo que anualmente outorgan o sindicato e a súa fundación.

«Waldino fóisenos, pero os seus principios e as ideas que defendeu están moi vivas nas Comisións Obreiras», sinala Amelia Pérez. «Compañeiras e compañeiros como Waldino construíron os piares sólidos sobre os que asenta a nosa organización, protagonista indiscutible no tránsito da nosa sociedade da ditadura cara á democracia e unha referencia para a clase traballadora galega», afirma a secretaria xeral de CCOO.

Os xermolos das CCOO

Waldino Varela comezou a traballar nos estaleiros Vulcano en 1944, con só catorce anos. O inicio da súa vida laboral coincidía co primeiro lustro da ditadura. El, procedente dunha familia de esquerdas do barrio obreiro de Teis, axiña se relacionou na empresa con traballadores procedentes da zona republicana e mesmo cristiáns concienciados da necesidade dun cambio social.

O ambiente familiar e o laboral levárono desde ben mozo a traballar para combater as inxustizas, primeiro na empresa e máis tarde na comarca de Vigo, onde foi peza fundamental para establecer as bases do que máis tarde serían as Comisións Obreiras, sindicato do que sería o seu primeiro secretario xeral provincial.

50 anos da folga de 1972

Waldino foi unha referencia do movemento obreiro vigués nas décadas dos sesenta e setenta, cabeza visible da histórica folga xeral de 1972, da que en setembro se cumprirán cincuenta anos. Sobre estes feitos deixou o seu testemuño nos documentais Vigo 1972: o ano da memoria, no que colabora CCOO, e Waldino Varela traballador. Memoria do movemento obreiro vigués.

Desde comezos de 1972, a tensión laboral en Vigo e bisbarra viuse marcada pola negociación dos convenios de empresas como Censa, Barreras ou os estaleiros Vulcano, onde traballaba Waldino. Os sucesos de Ferrol dese ano, onde a policía franquista asasinaron a dous traballadores, marcarían no sucesivo as reivindicacións, que irían escalando ata a folga comarcal que paralizou a comarca durante dúas semanas en setembro.

A contundencia das mobilizacións e a dureza da represión provocaron o despedimento de medio milleiro de traballadores —entre eles, o propio Waldino— e a detención e tortura de numerosos dirixentes sindicais, pasando moitos outros á clandestinidade ou ao exilio por estaren en busca e captura.

Con motivo do 50.º aniversario destes feitos, dos cales Waldino foi figura clave, CCOO coida imprescindible que as novas xeracións «saiban que os dereitos se loitan e se defenden, e que as mulleres e homes de Vigo e das CCOO foron fundamentais na consecución da liberdade e a democracia», conclúe Amelia Pérez.