FOLGA EN CIRCET: Días 12 e 14 de Novembro

Circet

Crítica ás actuacións de CIRCET e á falta de transparencia da CIG

Os traballadores e traballadoras de CIRCET CABLEVEN están a loitar contra a solicitude de Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que a compañía pretende aplicar no estado español, afectando a un total de 377 persoas, das cales 118 estarían en Galicia. É inaceptable que case o 30% dos despidos propostos se concentren na nosa comunidade, especialmente cando CIRCET está a traballar para grandes empresas de telecomunicacións como ORANGE, VODAFONE, R e MOVISTAR, así como na xestión de comunicacións críticas para servizos de: Emerxencia, Sergas e a propia Xunta de Galicia.

A empresa, que recentemente adquiriu COMFICA, con máis de 100 traballadores en Pontevedra, argumenta que lle sobran efectivos, mentres que en realidade está a executar sub-contratacións que claramente buscan aumentar os seus márxes de beneficio á costa do emprego. Non podemos permitir que a empresa se escude en cifras inventadas para xustificar unha decisión que afecta a tantas familias.

A CUT ten a unanimidade no comité de empresa dun dos centros en Pontevedra, e xa denunciamos ante a Inspección de Traballo a regulación encuberta que a empresa intentou aplicar antes de comunicar este ERE. Con máis de 14 despidos disciplinarios no que vai de ano, a situación é insostible e require que a administración pública asuma as súas responsabilidades. Hoxe, as persoas traballadoras e o comité de empresa da CUT concentrámonos diante das portas da Xunta de Galicia en Vigo para esixir que se tomen medidas e se defenda o emprego.

Ademais, denunciamos a falta de transparencia e información por parte da CIG neste proceso. A mesa negociadora, que conta con representación de varias centrais entre as que se atopa a CIG, non ten en conta as voces dos comités de empresa, como o da CUT, e está convocando folgas sen consultar aos traballadores e traballadoras e incluso aos comités de empresa como a CUT. Esta falta de coordinación e comunicación pode levar a consecuencias desastrosas para o futuro laboral de moitas persoas.

Na CUT, estamos comprometidos co dereito ao traballo e á defensa dos nosos compañeiros e compañeiras en xeral. Non permitiremos que se poña en perigo o futuro laboral de tantas familias en beneficio de intereses económicos ou partidistas, que non consideran a dignidade e os dereitos dos traballadores. Esiximos unha negociación real e transparente que priorice o emprego e a estabilidade laboral.

A nosa loita continúa, e instamos a todos os traballadores e traballadoras a unirse á causa. A unión fai a forza, e só xuntos poderemos lograr un cambio verdadeiro e xusto!.

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.