Como xa é tradición no noso medio desde hai varios anos , conversamos co noso amigo Javier Bastos, presidente dos Zoqueiros do Porriño e vicepresidente da federación de peñas do Celta, para coñecer a súa valoración sobre a situación do equipo esta temporada, na que conta cun adestrador porriñés. Velaí vai que deu de si esta conversa, como sempre que falamos con Javi, moi agradable e cordial.
Javier Bastos, presidente
“ Valoro como enormemente positivo o traballo da primeira presidenta na historia do Celta”
Como valoras este ano, tanto para os Zoqueiros, como no que se refire ao Celta?
Os Zoqueiros imos mellor que nunca, e o Celta creo que vai ben tamén. Cada vez véxoo máis identificado ás súas raíces, que tamén son as nosas.
Por que Os Zoqueiros ides mellor que nunca?
Pois porque o número de socios e socias non para de aumentar e son moitas as persoas que amosan o seu interese en formar parte do noso grupo.
Esta temporada xa fixestes a viaxe habitual?
Aínda non. Pero esa é a nosa intención si. Probablemente vaiamos a ver o Celta ou en Valladolid ou en Vitoria-Gasteiz. Esa é a nosa intención, pero o problema é que conseguir entradas é cada vez máis difícil
Por que?
As directivas dos equipos rivais dan cada vez menos e hai que repartilas. E o Celta, como é lóxico, dálle prioridade aos seus abonados. Nós na Peña somos 240 socios e socias, e abonados ao Celta somos arredor de 130/140
Das 240 persoas que están asociadas a Os Zoqueiros, cantas son mulleres?
Non sabería dicilo con exactitude pero un número apreciable. O número de mulleres nos Zoqueiros non é algo que sexa residual nin moito menos.
Outro problema este ano parece que é o dos horarios dos partidos?
E tanto que si. Non sei que pasa esta temporada que moitísimos partidos nos cadran ou os venres á noite, ou os luns, ou ás dúas da tarde , horas moi difíciles para poder asistir ao campo.
Como ides ata o campo?
Ao ter máis de 100 abonados ao club o Celta pon un autobús. Pero en moitas ocasións nós temos problemas porque non nos chegan as prazas e temos que reforzar con algún Taxi
Que pagades vós?
Si, paga a Peña.
Como valoras o traballo da primeira presidenta na historia do Celta?
Valóroa de maneira marabillosa. Eu xa coincidín con ela varias veces, por exemplo na cea das peñas, e sempre quitei unha impresión moi positiva. A presidenta é unha persoa amable, cordial e moi accesible.
É efectiva na resolución de problemas?
Creo que os feitos falan por si mesmos e a resposta a esa pregunta é un rotundo si. Ela é unha persoa moi intelixente, e asemade ten a habilidade de rodearse de reputados especialistas nas distintas áreas de traballo.
E sobre a creación dun equipo feminino que nos tes que dicir?
Pois que é unha magnífica noticia e que xa tocaba. Un club como o Celta non podía estar sen equipo feminino e tiña que terse feito moito antes.
Honestamente Javi: Segues os resultados de As Celtas?
Absolutamente si. Alégrome moito cando gañan , fastídiame cando perden e por suposto que me gustaría que chegasen ao máis alto.
Se che pregunto por un veciño teu, Claudio Giráldez, serás capaz de ser obxectivo?
Ha ,ha ,ha ha…Un porriñés e asemade socio dos Zoqueiros. Home non sei se serei moi obxectivo, pero creo que os números avalan o seu traballo. Claudio está a facer un gran traballo e é o adestrador adecuado para o Celta sen dúbida.
Que expectativas realistas tes para este ano?
Quedar entre os 10 primeiros e facer un moi bo torneo de copa. Este é un torneo que a todos os celtistas nos ilusiona moito.
O 7º posto dá acceso a xogar competición europea. Non o ves factible?
Oxalá fose posible. Non é nada fácil porque hai moi bos equipos, pero factible se están todos enchufados si que é.
Que posición é, ao teu xuízo, a máis débil e que se debera reforzar para obter un plus de calidade?
O medio centro.
O dianteiro centro titular?
Borja Iglesias.
Mellor que Douvikas?
Para min si. O rapaz grego é moi efectivo pero a parte defensiva e de presión ao rival ao meu xuízo non a leva ben.
Williot ou Bamba?
Bufff vaia pregunta. A min Williot gústame pero é irregular.
Non me digas Javi¡¡¡ pero se Williot dálle 1.000 voltas a Bamba…A xogada que fixo no gol que marca Douvikas ao Betis é unha xogada de Crak..Eu nunca lle vin a Bamba nada parecido nin por asomo
Home, cando o adestrador pon tanto a Bamba por algo será. Repito, a min Williot gústame, pero creo que é irregular..
Tampouco se lle deron nunca 3 ou 4 partidos seguidos para que poida amosar regularidade?
Tamén é verdade. Habería que ver como funciona se lle dan varias titularidades consecutivas.
Mingueza está para ir á selección?
Si, ten nivel de sobra para ir á selección.
Hugo Sotelo ou Damián?
Son distintos. Damián é máis defensivo e Sotelo máis creador. Gústanme os dous.
Hugo Álvarez vai para xogador Top?
Ten nivel para ser top, si. Pero creo que debe de pórse o mono de traballo.
A Iago Aspas cando lle queda?
Creo que esta e outra temporada máis, mínimo.
E sobre a segunda división que nos dis?
Oxalá se salve o Racing de Ferrol.
Ha, ha, ha, ha, ha. Nada máis?
Pois non, non se me ocorre nada máis que dicir.
Rematamos co episodio da bandeira. Fostes a Sevilla a facer apoloxía dos estupefacientes?
Ha, ha ha ha. Por suposto que non. Esa historia é unha trola que en absoluto responde á realidade. O único que aconteceu é que a dous socios nosos que foron a Sevilla lles mediron a bandeira porque non poden medir máis de 3 metros. Cando a seguridade comprobou que medía 2,40 pasaron ao campo sen o máis mínimo problema.
