Medrando en Familia volve con novos obradoiros prenatais e para bebés

Medrando en Familia volve con novos obradoiros prenatais e para bebés

Con este programa o Concello de Tomiño busca apoiar ás familias na crianza da cativada, propoñendo accións de estimulación temperá e resolvendo inquedanzas

Tomiño, 06 de outubro de 2021

O programa Medrando en Familia volve este mes de outubro para continuar acompañando e apoiando a nais e pais na crianza, creando un espazo de confianza e unha rede de apoio coa que axudar e guiar ás familias e influír no benestar dos nenos e nenas.

O Servizo de Educación e Apoio Familiar da Concellería de Benestar pon en marcha tres novos obradoiros dirixidos a xestantes e a familias con bebés de ata 18 meses co obxectivo de “estimular o establecemento de pautas básicas no eido familiar, fomentando hábitos positivos de comunicación e interacción entre nais, pais e fillos ou fillas. A través de encontros e talleres promovemos a estimulación nun sentido amplo, adaptándonos ás necesidades das familias e da súa relación cos menores e propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna”.

Este mes de outubro poranse en marcha o obradoiro de acompañamento prenatal ‘Preparando a benvida’, dirixido a xestantes, que arrancará o vindeiro 27 de outubro e que se celebrará un mércores ao mes de 19.30 a 20.30 horas. Antes, o día 20 de outubro, comezan os talleres dirixidos a bebés: ‘Descubrindo o mundo a través dos sentidos’, para bebés de 0 a 7 meses que se realizará mércores alternos de 16.30 a 17.30 horas, e ‘Conquistando a autonomía’, cativos e cativas de 8 a 18 meses tamén mércores alternos de 18.00 a 19.00 horas.

As persoas interesadas en participar nestes obradoiros de balde poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello. O lugar de celebración está aínda pendente de confirmar, polo que se avisará ás persoas inscritas cando dea comezo a actividade.

A cerca de admin 19 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.

Primer comentario

Deixa a túa opinión