Tano Guerra concelleiro do BNG de Salceda de Caselas

Tano Guerra concelleiro do BNG de Salceda de Caselas

Salceda era un dos concellos nos que recuperar a representación, despois da catástrofe que Amio significou para o nacionalismo, máis se lle resistía ao BNG. Por fin, nas municipais deste ano, despois de dous mandatos fóra do concello o Bloque acada representación na persoa do sindicalista Tano Guerra. Nós conversamos con el. Tano amosouse feliz por ter superado a anomalía de que o Bng estivera fóra dun concello no que chegou a gañar a alcaldía, e o seu interese en facer unha oposición en positivo orientada , entre outras cousas, a racionalizar o gasto e a combater a delicada situación económica, que di, atravesa o concello de Salceda. Por outra parte manifestou que non perde a esperanza de que o nacionalismo galego, algún día, volva camiñar unido no seu concello. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O BNG nunca perdeu a perspectiva de que todo o nacionalismo galego de Salceda poida volver camiñar unido”

Canto tempo levaba o BNG sen representación no Concello de Salceda?

Desde o episodio de transfuguismo que sufrimos no 2013, cando os que se presentaron como BNG marcharon e quedaron coas actas. Logo no 2015 xa se presentaron como unha Agrupación de Electores.

Si?

Si, esa é a fórmula xurídica que utilizan para presentarse.

En calquera caso supoño que, despois desta travesía polo deserto, para o BNG de Salceda, e para ti en particular, volver acadar representación no Concello sería moi satisfactorio?

Si, foi un golpe de moral moi importante e unha alegría enorme para todas as compañeiras e compañeiros.

O nacionalismo galego en Salceda está no BNG , ou tamén en Movemento Salceda?

Movemento Salceda é algo moi heteroxéneo no que a este asunto se refire. Si que hai persoas nesa agrupación de electores que poden sentir o nacionalismo galego en parámetros idénticos aos que sentimos no BNG. A outras o nacionalismo quédalles moi lonxe.

O anterior mandato 19-23 en Salceda houbo unha situación peculiar con dúas alcaldesas que ocuparon o cargo dous anos cada unha. Cal é a valoración política do BNG dese mandato?.

O feito de repartir á alcaldía non supuxo nada positivo ao respecto da rexeneración que no concello se necesita. As cousas non acabaron ben, ou polo menos esa foi a sensación que transmitiron, e nós non entendemos como non se cortaron de raíz determinadas cousas.

Que cousas?

A falta de control do gasto. Un mal que ven de alguén que xa non está.

Marcos Besada?

Si.

Marcos Besada xestionou mal os recursos económicos de Salceda?

Totalmente. As débedas que ten o noso concello non xurdiron nos 4 últimos anos, veñen de atrás. Recentemente o Consello de Contas dános un informe no que di que en Galicia hai dous concellos, un deles Salceda, que non son capaces de afrontar o gasto corrente. Iso é moi grave. Antes de rematar a anterior corporación pediuse un préstamo ao ministerio de Facenda de algo máis de 2 millóns de € para poder pagar facturas.

Nas negociacións previas á investidura de Loli, Movemento Salceda propúxovos entrar no goberno?

Si.

E por que non entrastes?

A asemblea local do BNG de Salceda tomou en consideración a proposta, e decidiu que non se daban as condicións para aceptala.

Por que motivo?

Por dúas razóns:1) A nosa representación non ía ser patente nun goberno amplo.2)Temos moita desconfianza sobre a forma de gobernar que veñen arrastrando. A decisión de non entrar no goberno tomouse por unanimidade.

Hoxe é 13 de setembro, xa pasaron varios meses das eleccións, e a alcaldesa non ten soldo. Iso é unha grave anomalía. Por que non está arranxado xa este asunto?

Ben, en principio as nosas peticións de que non houbera aumento salarial neste mandato foron aceptadas polos cargos electos da agrupación de electores.

Xa , pero o asunto segue sen arranxarse, e supoño que ti estarás de acordo con que unha alcaldesa non pode exercer se non ten un soldo?

Indubidablemente, ten que ter un soldo desde logo.

Entón a día de hoxe por que non o ten?

Vamos ver. Inicialmente a nosa posición de que non podía haber aumento salarial, debido á situación económica que padece o concello, non foi aceptada polo grupo de goberno. De feito eles traían unha proposta de suba que ían desde o 5 ata o 20%. Agora terminaron aceptándoo. Eles o que propuñan era 3 dedicacións completas, unha parcial e contratar a unha persoa de confianza. E con actualización salarial igual que a que viñera para o persoal do sector público

Como foi o paso seguinte?

Houbo varios tiras e afloxas .No pleno de agosto volveron levar o da actualización, nós dixemos que non o aceptabamos e retirárono. Entón votamos a favor das liberacións , non no que se refire á persoa de confianza. Non saíu aprobada porque o PSOE votou en contra. Eles propoñen dúas liberacións a tempo completo e dúas parciais.

O asunto da persoa de confianza terminástelo aceptando?

Si, aceptámolo a 3/4 de xornada pero con moitas discrepancias coa actuación do goberno , que inicialmente nomea a persoa de confianza por decreto sen consultalo con ninguén e que dous plenos despois, nos que foi rexeitada a contratación, cesa. Parece que esa persoa volve andar polo concello, non sabemos en que condicións, e o que entendemos é que non pode facelo ata que non se solvente a súa contratación.

A situación esixe atopar un punto de encontro con urxencia, creo eu

Si, e nós propuxemos un punto de encontro para desbloquear a situación que sería aceptarmos a proposta do PSOE : dúas dedicacións completas, dúas parciais e a persoa de confianza contratada a xornada completa.

E por que non se admitiu esa proposta de consenso?

Porque a alcaldesa non quixo. Nunha comisión dixo que nós faciamos esa proposta porque era inferior en termos económicos .A verdade non entendo porque non a aceptou.

Pero,se comprendín ben, a única diferenza entre a proposta do goberno e a do PSOE, que vós estades dispostos a aceptar, é unha dedicación completa/unha dedicación parcial. No resto hai coincidencia. As distancias son moi curtas. E que a estas alturas o goberno estea sen cobrar, incluída a alcaldesa, por un desacordo tan pequeno paréceme asombroso

Non hai maior diferenza que esa, non. O montante económico de diferencia, fora do custe da SS, móvese entre 4 e 5 mil €.

Ben, falemos de política. Cales van ser as liñas políticas esenciais que vai defender o Bng na corporación de Salceda?

-Esencialmente a política económica. Temos que eliminar todo o gasto superfluo que non teña nada que ver cos servizos directos á cidadanía. Hai moitísimo gasto , non só derivado da política habitual da Xunta que descarga nos concellos gastos que debería asumir o goberno autonómico, senón tamén gasto impropio, superfluo ás veces agochado como información cando non é outra cousa ca propaganda.

-Queremos saber tamén por que servizos que presta o Concello non se sacan a concurso. Nos últimos 10 anos non hai control en absoluto sobre o proceder do goberno en mans da agrupación de electores.

-Non só cómpre recortar e racionalizar o gasto senón tamén analizar con rigor en que se orienta o gasto. Para O BNG debe dárselle un impulso enorme ao saneamento. E atender máis e mellor ás parroquias, que están realmente esquecidas.

Sobre o “catastrazo” que nos ten que dicir?

Que para nós foi un golpe ás economías con menos capacidade do concello de Salceda, e o goberno local estivo desaparecido. O menos que se podía esperar era que o goberno comunicase a catastro o seu desacordo.

Estiveron desaparecidas, ao teu xuízo, as dúas patas do goberno?

Si.

E da posición do PP ao respecto?

Por diante dicía que non estaba de acordo, pero por detrás dicíalle aos seus simpatizantes que non se sumasen á plataforma que se montou para reclamar contra o proceso catastral.

En que fase estamos agora?

Á espera da resposta ás reclamacións xudiciais no TSXG.

Alén da vía xudicial cabe algún tipo de acción política?

No acordo tripartito de investidura está a revisión do relatorio de valores catastrais de todo o Concello, que sirva para establecer unha serie de bonificacións atendendo a criterios sociais.

Rematamos Tano. Ves posible que nun futuro, non moi lonxano, todo o nacionalismo galego de Salceda de Caselas volva camiñar unido?.

Nós esa perspectiva non a perdemos nunca. Refírome a que volvan todos á casa que abandonaron no seu momento. Nós traballaremos nese sentido: que quen se sinta nacionalista teña claro que hai unha casa común na que pode ter cousas que achegar.