Efecto boomerang

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Marta Rodríguez Márquez, Secretaria do PP de A Cañiza

Recén estreado Setembro, e despois de decantar os resultados das últimas eleccións municipais, vai sendo hora de darlle un pensamento á situación actual.

Aínda que a sesión de constitución do goberno municipal, fai pouco que se ten celebrado, a maquinaria de cara aos seguintes comicios, xa está posta en marcha.

Pero, comenzaremos falando primeiro do momento pre votacións, cando todos os candidatos puxeron as súas cartas enriba da mesa, uns todas, outros con algunhas cartas voltas e outros, que se tivesen agochado algunha igual lles tería ido de outra maneira.

A candidatura do goberno socialista, conseguiu cun só discurso dunha débeda herdada, que nunca demostrou, superar en votos á candidatura do PP local formada por persoas todas elas con experiencia de xestión e implicación social, e un programa tan ambicioso, que de levarse a cabo, tería marcado un antes e un despois en calquera vila semellante.

Desde o Partido Popular, deberemos iniciar agora una época de reflexión, para identificar erros e formular unha estratexia máis forte e menos vehemente. Vehemencia que, por outra banda, alimentaron os propios veciños nas rúas, que fartos da situación e anoxados coa xestión municipal do PSOE, non ocultaron o seu rexeitamento cara o alcalde, cara ao seu equipo e o seu socio.

Tampouco houbo unha fronte nacionalista que fixese a máis mínima forza para conseguir transvasar algún voto da esquerda, xa que o BNG improvisou unha lista no último momento e deixou aos seus integrantes sen apenas apoio e sen unha folla de ruta que levar a cabo. Motivo suficiente para reformular se unha futura candidatura tería cabida na seguinte campaña.

Pero, se hai un partido que debe sentarse e analizar en detalle a situación de cara ao mandato dos próximos catro anos e de cara ás próximas elección, é o partido socialista. Porque hai ocasións nas que apuntas ao aire e o tiro dáche no pé, ou lanzas un boomerang é venche directo á cabeza, e disto pode ser un bo exemplo o actual alcalde da Cañiza.

Un candidato que afirmaba a existencia dunha débeda da que nunca publicou ningún documento que a avalase e que daba conta da mala xestión dun rexedor ao que nunca levou ante a xustiza, agora volve a ser alcalde e é el o que si que se atopa investigado polo xulgado por un posible delito de prevaricación administrativa, arriscándose a una posible inhabilitación, e el sí que é o que ten unha situación económica que pasa por ter as contas municipais embargadas polo Estado e sufrindo retencións de ata o 50% nas aportacións mensuais, por préstamos bancarios que firmou por valor de varios millón de euros, e por, segundo reza un dos últimos informes do interventor municipal “hai que ter en conta os problemas actuáis de endebedamento financeiro e a imposibilidade de cubrir os gastos correntes da Entidade Local, ante as fortes inversións acometidas polo goberno municipal…”,

Pouco ou nada queda daquela “débeda cero” coa que encheu as páxinas dos xornais, hai apenas uns meses.

E digo ben, cando afirmo que é o partido que máis exercicio de reflexión ten que facer, porque debe explicarlle aos seus votantes e ao resto dos veciños, por que a débeda cero tan só foi un xogo de palabras e por que mentres o Estado embargaba as contas do concello, o alcalde se subía o soldo ata en cinco ocasións.

Aínda que, a reflexión máis importante témola que facer os votantes, porque “Polo mar corren as lebres, polo monte as sardiñas”, antes era “tralará”, e agora non cuestionamos nada.

Desfrutemos do votado e que nos collan ben confesados!