Sandra e Sergio son respectivamente a presidenta e vogal da asociación de comerciantes da Cañiza. Ambos levan anos , de feito Sergio é un dos fundadores da asociación, desenvolvendo un traballo absolutamente de balde ao que lle dedican moito tempo, que debera ser para as súas respectivas vidas persoais , para tratar de mellorar a situación do comercio local. Con eles analizamos a situación do comercio na vila da Cañiza. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“A asociación de comerciantes está a dispor de todos e cada un dos negocios do noso pobo, coa única intención de colaborar no ben común do conxunto do tecido comercial”
Cantos asociados tedes?
Non é un número rigoroso porque nós non cobramos ningunha cota. Implicados poderemos ser arredor de 30 aínda que os beneficiarios son todos os comercios da localidade. É preciso apuntarse para figurar pero a asociación está aberta, para todos os que queiran vir, sen ningún tipo de traba. Na iniciativas que facemos, con independencia de que se estea ou non apuntado na lista da asociación de comerciantes , procuramos non deixar a ninguén fóra
E canto tempo levades na directiva?
Nós levamos desde antes da pandemia. Estamos pendentes de renovar. A ver se aparece alguén que teña interese en participar. Facemos o noso traballo con ilusión e tratamos de achegar cousas que vaian en beneficio do colectivo. E estamos contentos, pero botamos de menos un pouco de colaboración. É un traballo completamente altruísta que che fai perder parte do tempo da túa vida persoal
Cubrides o casco e as parroquias?
Tratamos de acoller a todos, pero as iniciativas tiran máis ao centro,pois nas parroquias é máis difícil
Contádeme algunha das iniciativas que teñades desenvolto?
Se cadra a máis destacada é o “ Merca Cañiza” que consiste en darlle uns tickets aos clientes que fagan compras superiores a 20€ ,cos que entran nun sorteo de 20 vales de 50€, para gastar nos comercios do pobo
1.000€ entón é o importe da totalidade do sorteo do Merca Cañiza?
Si, 20 vales de 50€.Tamén estamos traballando na liña de crear unha páxina web. Estamos valorando distintas alternativas, entre elas unha liña de axudas da DEP, que temos esperanza de que nos concedan. O noso obxectivo é unha web integral para o conxunto do comercio local. Non é nada fácil porque cadaquén temos as nosas particularidades, e facer unha que funcione ben para todos é complexo. Por outra parte valoramos tamén facer algo e publicidade conxunta. De feito xa fixemos, con fondos propios, algunhas campañas en radio e prensa. No verán do 2.020,en colaboración co concello, fixemos unha campaña de recuperación de confianza enfocada ao consumidor local. Tamén nos adherimos á federación de comercio de Pontevedra o que posibilitou, para quen así o quixera, lucir o selo da Xunta de comercio seguro
Se fixeramos unha valoración xeral do estado do comercio da Cañiza como diagnosticariamos a súa saúde?
A cousa non está ben. A situación económica xeral é mala co que a xente compra menos e o golpe da pandemia foi moi duro para o pequeno comercio
Como estaba a cousa antes da Pandemia?
Algo mellor, pero como che dixen antes o COVID foi unha proba durísima para o sector comercial
Naquel momento de extrema dureza, no que había restricións horarias e incluso peches perimetrais, como se portou o Concello con vós?
Dunha maneira un tanto descafeinada. O único que facían era desinfectar as rúas e facilitar máscaras de protección
E non quitou ningunha liña de axudas para os comerciantes do pobo?
Si, a posteriori. Veñen e cobrarse hai pouco
Foi doado ou difícil acceder a elas?
Había que facer bastantes trámites e tiñan uns baremos de puntuación en función das circunstancias de cada quen, algo que nos parece razoable. Pero unha vez solicitadas os cobros foron áxiles
Diciádesme antes que durante a pandemia o comportamento do concello foi un tanto” descafeinado”.E en liñas xerais como se porta con vós?, porque eu creo que unha interacción adecuada entre o tecido comercial e a administración municipal e chave para que o sector teña boa saúde?
É difícil de valorar descontextualizándoo dun factor tan relevante como a pandemia que mediatiza e condiciona case todo. Seguro que se podían facer máis cousas. Pero nós imos pedindo as distintas suxestións que nos fan os comerciantes e eles procuran atendelas
E son sensibles a esas suxestións?
Como di un amigo meu “ das palabras non hai queixa”.Logo cando chegan os feitos nunca chove a gusto de todos
Algún exemplo dalgunha desas iniciativas?
No ano anterior á pandemia o concello montara na praza maior unha pista de patinaxe para dinamizar a época do Nadal.
Notastes algunha diferencia significativa entre esta administración do PSOE e a anterior do PP?
Non, as liñas son similares.
Algúns dos nosos lectores queixáronsenos do cambio de criterio con relación ás feiras, polo que van ser os días 6 e 20 aínda que algún deles coincida en domingo. Ata agora cando se daba esa coincidencia modificábase o día da feira. Cal é a vosa opinión ao respecto?
Nós como representantes dos comerciantes temos que dicir que a maioría teñen unha opinión desfavorable sobre este cambio. A asociación este cambio non se lle comunicou. Tamén é verdade que levamos anos escoitando opinións negativas sobre a feira da Cañiza e pode ser necesario darlle unha volta. Isto é un experimento e haberá que ver como sae. Nós presentamos no Concello unha proposta sobre como nos gustaría a nós que fose a feira
En que consistía a vosa proposta?
En que as feiras se celebrasen os sábados, en que os postos se organizaran por sectores, non que estiveran mesturados, e en tratar de rebaixar,ese día , a tarifa dos taxis para facilitar o desprazamento.
Rematamos, cal credes que pode ser a principal necesidade da Cañiza en aras de beneficiar ao comercio local?
Nós cremos que fixar poboación. O despoboamento da Galicia interior é un problema enormemente grave ao que A Cañiza non é alleo, e os seus efectos negativos fanse notar na nosa actividade.