
Carlos, alén de ser un tipo amable e cordial co que sempre é un pracer conversar, é un veciño do meu barrio, as Travesas de Vigo, ao que os camiños da vida me fixeron coñecer polas terras da Louriña. El leva 40 anos de experiencia no sector inmobiliario. O seu negocio, Inmobiliaria Traviesas, naceu en Vigo hai 4 décadas e desde os últimos 15 anos desenvolve a súa actividade na vila de Salceda. Para coñecer o estado do sector conversamos con Carlos, un home que ten o mercado inmobiliario da provincia de Pontevedra dentro da súa cabeza,
“ A satisfacción dos clientes ao longo de tantos anos de traballo é a nosa mellor publicidade”
Eu son de Vigo, en concreto do barrio das Travesas, e creo que este negocio ten bastante que ver co meu barrio natal verdade Carlos?
Pois si. Eu maila que nacín na provincia de Lugo, en concreto na Poboa de Brollón levo xa moitos anos, medio século, vivindo en Vigo, en concreto no mesmo barrio que ti naciches, e a miña empresa ten o nome do meu barrio, un lugar co que me sinto moi vencellado emocionalmente.
E que fai un señor do Val de Fragoso polas terras do Val da Louriña?
A inmobiliaria abrina en Vigo hai 40 anos e nos últimos 15 estou por estas terras, de feito case me sinto un veciño de Salceda máis. Como pasa tantísimas veces, na historia dos pequenos negocios, vinme motivado polas circunstancias económicas. Naquel momento os prezos do mercado inmobiliario na zona de Vigo estaban disparados, era moi difícil para moitas familias acceder á vivenda, e decidín instalarme aquí na procura de mellores oportunidades.
Ti traballaches moitos anos nunha grande empresa de Vigo á vez que tiñas aberta esta inmobiliaria. Como é posible combinar eses dous traballos tanto tempo?
Con toda humildade creo que podo dicir que son un home moi traballador. Ademais o mundo inmobiliario sempre me resultou moi atractivo. E na combinación de ambos factores está a resposta.
A finais dos anos 90 do pasado século Salceda o mercado inmobiliario experimentou en Salceda un boom estratosférico , pero ti chegaches un pouco tarde non Carlos?
Si, en efecto cheguei un pouco tarde, pero aínda collín parte desa explosión inmobiliaria.
Exactamente que servizos ofrece o teu negocio?
Vendemos e alugamos propiedades, tanto vivendas para residencias como baixos para locais comerciais. Facemos toda a xestión administrativa dos contratos de venda e ou alugueiro. E se é necesario tamén intervimos na negociación da hipoteca.
Que zonas abrangues?
Toda a provincia de Pontevedra. Na oficina está a miña compañeira Sandra que é unha profesional moi competente cun amplo coñecemento do sector. E por outra parte nós levamos tanto tempo no mercado que temos unha ampla carteira de clientes .Eles son a nosa mellor publicidade
Non dubido das virtudes profesionais de Sandra, que seguro que as ten e moitas, pero como fas para coñecer o mercado de propiedades á venda nun territorio tan amplo como Pontevedra?
Hai que ter unha rede de colaboradores que che informan das novidades que poidan ir xurdindo desde logo.
Que gama de casas ofrecedes vós?
De todo tipo, depende das necesidades que poida ter o cliente
Cal é o perfil máis habitual na actualidade?
Eu creo que o cliente humilde.
O cliente busca máis o centro urbano ou o rural?
O cliente no contexto actual busca máis a vivenda económica con independencia da zona na que estea.
Como está a saúde do sector no momento presente?
En liñas xerais eu creo que ten un problema serio consistente na grande cantidade de xente que traballa nel de maneira clandestina. Este é un sector no que hai moito pirata. Hai moitos comisionistas que están ser dar de alta que en realidade o único que provocan é que o cliente pague máis do que debe, alén dun prexuízo notable ás empresas que traballamos cumprindo a legalidade.
E o prezo da vivenda como está agora mesmo?
Estamos nun momento de suba a consecuencia de que hai moi pouco inmoble no mercado. O que están moi baratos son os prezos dos baixos comerciais
Ao sector inmobiliario aféctalle a morosidade?
Nós temos algúns calotes si. Pero non é algo moi frecuente
Ti xa non es un rapaz Carlos, ata cando vas andar por aquí?
Ata que me canse. De momento aínda teño ilusión
E cando canses, Inmobiliaria Traviesas seguirá?
Eu teño a esperanza de que algo que creei eu non desapareza. Agardo encontrar a alguén responsable que a queira coller.