Entroido de Salceda de Caselas 2023

Entroido Salceda

Outra vez de volta e con moitísimas ganas, este ano 2023 Salceda recuperou os actos tradicionais e máis importantes da celebración do Entroido, logo de dous anos marcados pola COVID19. Nesta vila da Comarca da Louriña, celébrase un dos entroidos máis antigos de toda Galiza, conta con máis de 135 anos e ven enfrontando tradicionalmente aos barrios de A Feira e Castro Barreiro. Trátase de dous pequenos barrios, que pertencen á mesma parroquia, que son quen de organizar sendas verbenas o luns e o martes, en torreiros apenas separados por uns poucos metros, competindo por ter as mellores orquestras, a iluminación máis vistosa, o son máis potente…

Salceda recuperou os tres desfiles. O venres 17, o desfile infantil protagonizado polos centros escolares, contando con case 1300 nenos e nenas, volveu encher de ledicia e cor as rúas do casco urbano da localidade, dende os máis cativos e cativas das Escolas Infantís ata o alumnado da ESO e bacharelato do IES Pedras Rubias. O domingo 19 chegou a hora do desfile organizado dende a Concellería de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, na que foi xa a súa vixésimo cuarta edición, e contou este ano con 9 agrupacións e máis de 1200 persoas participando, nun día onde acompañou o bo tempo e Salceda recibiu a milleiros de persoas para presenciar o Entroido. E xa o derradeiro desfile foi o martes, festivo local na vila, onde o centenario enfrontamento entre o Castro Barreiro e a Feira e despois de meses de duro traballo no máis absoluto dos segredos, durante os cales funciona o servizo de espionaxe para obter datos das temáticas e contidos do barrio rival. Todo é rivalidade: os traxes, a música, as coreografías, as carrozas, a potencia do son, etc. Citáronse na Praza do Concello para amosar as súas carrozas e comparsas, unha cita que se leva celebrando cando menos dende hai 135 anos.

Dende o ano 2018 a Feira ven representando ademais o que xa se coñece como “entroido histórico”, coa presentación do seu rancho de entroido formado por seis danzantes e dúas damas, que aparecen rodeados dos cabaleiros, encargados de abrir espazo entre o público para que o rancho poida realizar as súas danzas. Este ano, foron tres as localizacións onde actuou o Rancho, no Parque Raíña Aragonta, na Praza da Devesa, e na Praza do Concello. Ademais, contou tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así a continuación desta mostra de Patrimonio Inmaterial.

A programación completouse co sábado, no que houbo actividades infantís e o tradicional Concerto de Entroido da Banda Cultural de Salceda. O día pechouse coa actuación da orquestra Saudade. Precisamente esta é unha das novidades do 2023, trasladando a verbena do domingo ao sábado. Así, o domingo, a festa do entroido estivo acompañada da Discoteca Móbil Gramola Tour Track, que amenizou as coplas e a festa posterior ao Desfile de Carrozas e Comparsas. As verbenas volveron tamén aos barrios do Castro Barreiro e da Feira, o luns 18 e martes 19, logo de seren anuladas os pasados anos polas restricións da pandemia.

Como novidade tamén para este ano, retransmitiuse por Youtube os desfiles de Domingo e Martes, así como a actuación do Rancho de Entroido da Feira.

A presentación desta edición, feita na Casa da Cultura Castelao a mediados de febreiro, contou coa presenza de Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, e Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, e estiveron moi ben acompañados de representantes de ámbolos dous barrios rivais, Raquel Rodríguez e Melucha Vázquez pola Feira e Rocío Troncoso e Andrea polo Barreiro, que non perderon oportunidade de defender o seu como o Entroido máis apaixonante e o único capaz de unir a todo un barrio independentemente dos gustos ou intereses.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, dixo na presentación. “Chega o Entroido e con el a cita máis importante do ano na que sen dúbida, é a festa con máis arraigo na veciñanza. É un orgullo poder retomar os “tres entroidos nun”; o entroido infantil con máis de 1300 nenos e nenas de 0 a 16 anos desfilando pola vila, o entroido institucional con máis de 1200 participantes no XXIV desfile de carrozas e comparsas do domingo que cada ano reúne a milleiros de persoas no público, e o entroido tradicional co histórico enfrontamento entre Castro Barreiro e Feira.”

E Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “Desexo que a veciñanza poida este ano gozar xunto coas súas familias e as súas amizades do noso Entroido, unha das festas máis importantes para o noso concello. Invitar á xente de fora de Salceda a que nos visite a que desfrute connosco dun dos carnavais máis senlleiros de Galicia e que aproveite para coñecer o noso pobo, a nosa gastronomía, a nosa cultura e tradicións”.

E ben que veciños de parroquias lindeiras e xentes de toda Galicia escoitaron as palabras de Verónica, pois este Entroido Salceda de Caselas recibiu a visita de milleiros de persoas para presenciar os diferentes actos e ben seguro marcharon coas ganas de volver en vindeiros edicións.