Manuel Pardo de Donlebún Montesino, Capitán de Navío, Retirado, Presidente da Asociación pola Memoria Militar democrática
Desde a Asociación pola Memoria Militar Democrática (AMMD) que presido, saudamos publicamente no seu momento a aprobación da nova Lei de Memoria Democrática, que, a pesar das súas moitas limitacións, abría grandes oportunidades para enfrontar dunha vez, desde os poderes públicos, a pestilente persistencia dos valores e as actitudes do franquismo na nosa sociedade e, sobre todo, nos aparellos do estado.
Como consecuencia desta Lei, o Ministerio de Defensa estableceu unha Comisión de Seguimento da citada Lei no ámbito das súas competencias. Como pode comprenderse, a incidencia do articulado da Lei sobre os elementos simbólicos que conforman, en innumerables dominios, a idiosincrasia da nosa Forzas Armadas pode resultar determinante. A composición da citada Comisión de Seguimento quedaba constituída exclusivamente por funcionarios, civís e militares, do propio Ministerio, o que facía presaxiar elevados niveis de tolerancia con actitudes, por parte de mandos das Forzas Armadas, remisas a unha execución escrupulosa do establecido na Lei.
En consecuencia, o pasado 19 de decembro, esta AMMD dirixiuse á Presidenta da Comisión de Seguimento, a Sra. Amparo V. Subsecretaria de Defensa, con algunhas consideracións acerca da desexable participación de profesionais externos e do mundo da memoria histórica nos traballos da Comisión, algunhas suxestións sobre certas medidas que considerabamos debesen ser promovidas desde o Ministerio e, sobre todo, co rogo de que se fixese público o inventario das accións que se propoñían executar no inmediato futuro.
Este inventario, a teor do acordado na primeira reunión da Comisión, debía estar concluído o 31 de xaneiro de 2023. Tal carta non tivo nunca resposta. Por tanto, o 19 de xaneiro de 2023, dirixímonos ao Secretario de Estado de Memoria Democrática, como responsable último da aplicación da Lei no ámbito da Administración, instándolle a que interesase da Comisión de Seguimento de Defensa resposta á nosa citada carta, da que achegabamos copia. Tampouco neste caso recibimos resposta algunha, polo que o 6 de febreiro de 2023, novamente solicitamos do SE de Memoria Democrática que, velando por unha aplicación coherente dos principios que a Lei persegue, non se escude no silencio administrativo para eludir as súas responsabilidades. Nin esta nin as dúas anteriores cartas mereceron sequera un acuse de recibo, o que mostra o escaso respecto que merecen os cidadáns para unhas autoridades cuxo primeiro obxectivo ha de ser a defensa da Lei e que con tanta insistencia aluden ao seu suposto carácter democrático; será que entenden que a democracia consiste en que lles votemos cada catro anos e en manternos despois o máis afastados posible da xestión dos asuntos que nos preocupan. Con estes antecedentes, resulta lícito preguntarse acerca da vontade do goberno de loitar contra as reminiscencias franquistas na nosa sociedade. Se é que a Lei da Memoria Democrática e a permanente alusión á ameaza da extrema dereita non son máis que argumentos para a campaña particular dos partidos no goberno para recoller os votos do medo ao fascismo, sen un xenuíno interese en confrontalo.Especialmente , cando os cidadáns habemos de contemplar con estupor como explícitas exhibicións de nazismo, como o desfile en homenaxe aos mortos da División Azul, son autorizadas pola Delegación do Goberno de Madrid; ou como o Concello de Madrid restitúe a unha rúa o nome do cruceiro Baleares, principal instrumento do maior crime de guerra perpetrado polas forzas franquistas, sen que mereza a acción do goberno para impedilo. E tantas outras accións da extrema dereita franquista, nazi ou fascista, que se ve encoraxada e lexitimada polo insensato apoio que está a prestar este goberno, coa conivencia da práctica totalidade das forzas parlamentarias, políticas e sindicais, ao criminal goberno de Ucraína. Un goberno que, recuperando as motivacións e os procedementos do nazismo, sostivo durante nove anos unha guerra xenocida contra a súa propia poboación de orixe rusa e que logrou, por encargo da OTAN, involucrar a Rusia nunha brutal guerra que moi probablemente estenderase a todo o continente e que ben pode converterse en nuclear, pero librada nun territorio afastado dos seus principais promotores anglo americanos.
15 de febreiro de 2023