
Este Nadal o Apalpador e os Reis Magos non foron moi xenerosos coa sanidade pública en Marín.
De catro pediatras que tiñamos no centro de saúde quedamos sen dúas que optaron por trasladarse a outras localidades. E das dúas que quedaron, nos días de Nadal só tivemos unha atendendo só urxencias. Sen citas de consulta, de receitas, sen revisións de saúde. Unha profesional para atender 3.500 rapaces en plena temporada de gripe e afeccións respiratorias.
Por se non chegara con isto, e como o resto do persoal facultativo tamén ten dereito a vacacións, tivemos moitos días con só cinco médicos pola mañá e días sen ningún médico pola tarde. O de non ter médicos polas tardes xa ven sendo algo habitual durante todo o ano.
A falta de persoal, que coincide coa implosión dos casos de Gripe A, Covid e outras enfermidades propias desta época do ano, unha saturación da demanda asistencial desbordando aos profesionais sanitarios e administrativos do centro de saúde. E como efecto rebote a saturación do servizo de urxencias do PAC de Marín e do Hospital Montecelo.
As colas diante do mostrador para pedir unha cita son a estampa habitual. Así o persoal administrativo, parapetado detrás do mostrador, convértese no muro das lamentacións duns cidadáns cabreados por non teren unha atención sanitaria en condicións.
Cabreados con quen non deben, con quen non ten responsabilidade do deterioro da sanidade, e máis tamén padece esta situación dobremente: como usuarios e como traballadores. Como traballadores vendo incrementada a súa carga de traballao e soportando a tensión diaria das longas colas e a imposibilidade de prestar unha atención en condicións.
Mais, non só Marín está é unha situación que se repite ao longo da xeografía galega e en case todos os centros sanitarios, demostrando unha falta de previsión enorme das autoridades sanitarias.
Non é nada novo, todos os anos acontece o mesmo por estas datas pese aos supostos “plans de continxencia” do Sergas para controlar esta situación.
Ulos plans de continxencia? En que consisten? En darlle vacacións ao persoal cando máis demanda asistencial hai? Como se pode mellorar a atención cando aumenta a demanda sen aumentar o persoal?
Non estamos ante unha situación improvisada. Ten unha clara intencionalidade política por parte dos xestores da sanidade pública, buscan deteriorar pouco a pouco un servizo público fundamental para as persoas. Pretenden con total transparencia e claridade botar en mans do negocio da sanidade privada ao maior número posíbel de persoas. O negocio dos amigos, dos fondos voitres, dos que se fan rico a cona das nosas enfermidades.
Temos que ser conscientes do que temos e do que podemos perder, do que nós estamos xogando deixando ir aos poucos a sanidade pública galega. O cabreo debe dirixirse aos responsábeis desta situación, contra as políticas neoliberais de privatización e deterioro do público. Políticas amparadas e implementadas por distintos gobernos e cores políticas que funcionan ao ditado do capital.
Marín, 6 de Xaneiro de 2024.
