Valores

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Supoñamos un país onde todos ou a maior parte das nais e pais fosen practicantes convencidas e intransixentes dunha determinada relixión, e que, ademais, nese país existise un artigo que como o 27.3 da CE garantise que os seus fillos “reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións”, isto é, un artigo que reproducise a intransixencia dos pais. Nese país, creo que está claro, non habería posibilidade de aprender valores morais ou simplemente a escola pública sería imposible.

Sen un lugar onde se poida tratar libremente calquera tema, en particular os relixiosos e morais, non pode haber, pois, elección libre de valores nin relixiosos nin morais. Daquela, as normas que aseguran a existencia dese lugar, a escola pública, son prioritarias. Recordo ter sostido estes puntos de vista máis dunha vez en máis dun dos centros onde tiven a sorte de traballar. En todos din con algún compañeiro que defendía que non. Que en materia de relixión e de moral non se discute de todo. De xeito que de forma máis ou menos informal suscitábase a discusión de se hai valores por riba de toda discusión ou non.

Este asunto, o da diferencia entre valores e normas, non se reduce ao ámbito da educación escolar. Aparece en calquera lugar social. Nas familias, entre veciños, nos bares, na empresa, etc. Pero, tamén, nos territorios propios da ciencia e, por suposto, na política. Neste caso é o problema de se hai un conxunto pechado de normas que definan que afirmacións teñen validez e cales non. Igual que no caso da educación moral, hai quen cre que existe un conxunto pechado de normas, o que chaman método científico, que aplicado sen erros sempre permite dicir que resultados son validos e cales non. E da mesma maneira que hai defensores intransixentes das normas morais e relixiosas, hai defensores intransixentes do método científico, dispostos a cualificar inmediatamente de pseudociencia calquera coñecemento que non cumpra as esixencias do método. Pero, ese é un camiño directo ao autoritarismo.

O feito é que nin a moral, nin a relixión nin a ciencia poden prescindir desa dualidade entre normas e valores. Entre os principios da discusión racional, as esixencias normativas, e os valores, aquilo que nunha circunstancia nos decide a actuar de certa maneira mesmo contra as normas. A teoría da relatividade de Einstein foi aceptada moito antes de que fose probada nos termos esixidos polo método. Ata os anos setenta do século XX non tivo verificación experimental. A comunidade aceptouna, sen ter probas, porque era máis simple e coherente que as teoría rivais. E dicir, porque estaba de acordo cos valores de sinxeleza e coherencia.

Pero eses valores non se poden apreciar desde fóra da propia discusión. Non hai un punto externo á propia discusión racional desde o que percibir cal é a relixión superior ou a moral que obrigue a todos os humanos. E por suposto, tampouco non hai ese punto desde o que o poder político dicte cales son os valores.