Anxo Baz Voceiro do BNG na Guarda

Anxo Baz BNG Concello da Guarda A Nova Peneira

Despois de falarmos co alcalde sobre a ruptura do bipartito, tocaba conversar co voceiro do Bng, velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O PLENO DO 30 DE SETEMBRO DEIXOU CLARO QUE O MODELO DE VILA DO PSOE É O MESMO CÓ DO PP, CONSERVADOR, E MOI LONXE DO QUE DEFENDE O BNG”

Supoño que lerías a entrevista que lle fixemos ao alcalde na anterior Peneira e quería pedirche unha valoración ao respecto da mesma?

Si, lina claro que si, e en canto á valoración que me pides, só quero dicir que o que el vende, non se axusta á realidade. En relación con esta entrevista só unha cousa, como sabes, porque llo preguntaches, moi cerca de aquí hai unha pintada moi cerca de aquí na que se insulta á miña nai, e o alcalde di que mandou borrala, pois os caprichos da casualidade fixeron que onte( o día antes desta conversa) estivera eu coa miña bicicleta por aí, e a 10 metros da pintada , que aínda está por certo, atopeime co alcalde.

Por que dis que o que el vende non se axusta á realidade?

Eu convido ás veciñas e veciños que analicen a evolución do discurso do grupo municipal socialista do noso pobo e verán como aos poucos asumen o noso, o do BNG quero dicir

Concrétanos un pouco máis iso?

Eles no 2.015 falaban de dobre sentido de circulación en toda Concepción Areal, que sería o impulsor da volta da prosperidade ás empresas e á vila, e agora xa falan dunha rúa de carácter peonil como sempre defendemos nós, non só nesa rúa senón en todo o centro urbano .Nós defendemos sempre os modelos de cidade para as persoas. O BNG ten moi claro cal é o seu modelo de vila, as outras propostas a do PSOE e a do PP semella que se van adecuando en función de como discorren as circunstancias

Cando lle preguntei ao alcalde sobre os motivos da ruptura do bipartito el recoñece que tomou unha decisión nunha área que era competencia vosa, pero el defende que non lle quedou máis remedio porque considera que quen incumpristes o pacto fostes vós ao non respectar o plan de mobilidade, que tes que dicir ao respecto?

Concepción Areal era un importante escollo para que o pacto se puidese concretar e, este, explicitamente di que as decisións sobre a rúa deberían consensuarse cos técnicos de mobilidade da DEP, fíxose así nunha xuntanza na DEP , non de seguimento do pacto , como el vende. Os representantes do PSOE formularon a súa visión, nós a nosa e en ningún momento houbo ningún criterio técnico que desaconsellara o noso modo de entender Concepción Areal

Nesa xuntanza o deputado provincial que estaba presente era voso ou do PSOE?

Do PSOE

E non fixo ningún tipo de alusión en relación a desaconsellar a vosa proposta?

Ningunha en absoluto

Dime con claridade, vós rompistes o plan e mobilidade como defende o alcalde?

Con claridade meridiana; Non, en ningún momento.

O pleno no que rachou todo foi moi agresivo, e houbo insultos e descualificacións moi graves

Si, pero eu prefiro apartar iso, porque é o típico caso no que as árbores non deixan ver o bosque, e se quitamos o accesorio queda o esencial: hai dous modelos de vila, o que defende o BNG a cidade para as persoas e o que defenden o PSOE e o PP, que vai polo camiño contrario

Si, pero os insultos e a hostilidade, eu creo que se deben apartar da sociedade, e cando por desgracia existen, eu entendo que a responsabilidade dun medio de comunicación é reflectilo. Esa tensión que houbo aquel día naquel pleno, segues a notala na rúa?

Ben, houbo xente que aquel día achegouse a min para insultarme explicitamente, e hoxe en día saúdanme case con normalidade

Pois permíteme expresarche a miña admiración pola templanza, Anxo, porque se a min alguén me chama “hijoputa” explicitamente, e aos catro días saúdame con normalidade, non creo que fose capaz de manter a serenidade para devolverlle o saúdo de maneira respectuosa

Ben, cando alguén decide meterse en política sabe que estas cousas poden acontecer. Se cadra é máis duro pola familia que por un mesmo. Nós ao noso, a seguir defendendo o noso modelo, porque, con toda a humidade podo dicir, que o pouco que avanzou A Guarda é en gran medida grazas ao traballo do BNG. Hoxe o alcalde fala dunha nova gardería e esa é unha proposta do BNG, o caso de Concepción Areal, o plan revitaliza as nosas propostas sobre os camiños escolares seguros, sobre a policía municipal son outros exemplos de como a base de traballo, e máis traballo o BNG consegue aos poucos que os outros asuman o que é evidentes melloras para a nosa vila e que tantos anos levamos executando con éxito en outras zonas como por exemplo Pontevedra. O pleno do 30 de setembro deixou claro que o modelo de vila que defende o PSOE é idéntico ao que pensa o PP, un modelo conservador e moi lonxe do que defende o Bloque.

É posible reconducir a situación co PSOE?, cal é a vosa posición?

A nosa posición é a mesma coa que nos presentamos ás eleccións: queremos un cambio de modelo, queremos transformar A Guarda para poñela ao servizo das persoas. Nós pensamos que a dignidade e a honestidade son valores superiores aos cargos, por iso deixamos o goberno.

Non é posible gobernar con 5 concellir@s de 17, como prevés que se desenvolverán os acontecementos?

Se cando tiñan 7, non foron quen, pois con 5 a verdade pois eles saberán, tiñan a alternativa dun goberno con nós, pero non souberon aproveitala. Fíxate por exemplo o que pasa coa rúa San Caetano que hai un compromiso plenario do 2.016 de arranxala, e aínda hoxe…ou a aprobación da conta xeral, que se non chega a ser pola nosa responsabilidade política non se tería aprobado e perderiamos importantes subvencións

Compartes a opinión do alcalde de que o PP da Guarda está na posición de canto peor mellor?

A min o que me gustaría é que o PP da Guarda explicase dunha vez á veciñanza cal é o seu proxecto político.

Rematamos Anxo, se o alcalde quere negociar con vós unha posible volta atrás e reconducir a situación, cal sería a túa posición?

Eu estou disposto a falar con calquera pero para chegar a arranxar a situación, moito tiñan que mudar as cousas no partido socialista

Por que?

Porque o seu modelo de vila é idéntico ao do PP