Antonio Lomba Baz, candidato a alcalde de A GUARDA

Antonio Lomba Baz, candidato a alcalde de A GUARDA

“As eleccións do próximo 28-M roxen como un volcán. A oposición converteu esta lexislatura nunha continua confrontación, dividindo as opinións dos votantes e creando un ambiente pouco tolerante e flexible. Os guardeses veteranos piden sentidiño e rechazan as políticas de choque polo benestar social e progreso da Vila.”

“Temos moitos proxectos e son máis estratéxicos para A Guarda: un Centro de Día público, o Polígono Empresarial A Guarda-O Rosal, o acceso sur do Porto da Guarda, a remodelación integral da piscina municipal, a senda arredor do Trega, a construción dun auditorio na finca de Fínola, o remate da autovía entre a Guarda e Tui, a construción dun gran parque, a subida dos servizos ao monte Trega ou o Auditorio Municipal, e nos que hai que avanzar”.

Por Juan Louzán

A pola reeleción?.

R .- Por suposto. Fixemos moito traballo, temos moitos proxectos e iniciativas adiantadas que queremos que se realicen porque as necesita A Guarda e a súa veciñanza. Temos tamén proxectos ambiciosos para o futuro e necesarios para o desenvolvemento da Vila. Por todo iso, e porque considero que o grupo que encabezo ofrece solvencia demostrada para sacar adiante estes proxectos presento de novo a miña candidatura para a reelección.

P.- Os votantes preguntan que fixo nesta lexislatura.

R .- Resulta evidente a calquera que viva ou visite A Guarda o traballo feito. En primeiro lugar, como xa comentei, quero destacar que lle ofrecemos A Guarda un goberno estable e solvente, sen sobresaltos. Na Guarda vivimos, a pesar da pandemia, un mandato tranquilo, a pesar dos inicios convulsos que tivemos. Agora está na rúa un boletín, que acabamos de editar, no que se relacionan al políticas e obras desenvolvidas. Executamos máis do 80% do programa electoral co que nos presentamos ás pasadas eleccións, cousa da que estamos moi orgullosxs. Ese é o aval co que nos presentamos para pedir de novo o apoio da cidadanía.

P.- Que proxectos ten sobre a mesa?.

R.- Temos moitos proxectos e resulta difícil relacionalos todos. Por facer un resumo cito os que son máis estratéxicos para A Guarda: un Centro de Día público, o Polígono Empresarial A Guarda-O Rosal, o acceso sur do porto da Guarda, a remodelación integral da piscina municipal, a senda arredor do Trega, a construción dun auditorio na finca de Fínola, o remate da autovía entre a Guarda e Tui, a construción dun gran parque, a subida dos servizos ao monte Trega ou o Auditorio Municipal. Estes son grandes proxectos fundamentais para o desenvolvemento da vila que nós levamos no programa para os que traballaremos e nos que hai que avanzar.

P.- A Xunta e a Deputación ata onde chegan?.

R.- Durante o mandato temos conseguido financiamento das dúas administracións para diferentes proxectos pero hai unha gran diferencia na relación do Concello da Guarda con ambas. A Xunta de Galicia non respecta a autonomía municipal e determina o destino das subvencións, moitas veces infradotadas e con prazos insuficientes para a súa execución. Raras veces se conseguen fondos mediante convenios que teñen prazos suficientes e van dirixidos a proxectos decididos polo concello.

A Deputación ten outra maneira de funcionar, distribúe os cartos con criterios obxectivos, como a poboación ou a superficie, sen importar a cor política. Os cartos van distribuídos en liñas dentro das cales o Concello ten plena autonomía para destinalos para aquelo que considera máis necesario.

Dende os concellos levamos anos reclamando que a Xunta de Galicia estableza un sistema de distribución dos fondos que destina aos concellos similar ao da Deputación, que sexa obxectivo e que respecte a autonomía municipal, pero a Xunta fai oídos xordos porque desta maneira non podería beneficiar a os concellos da súa cor política.

P.- Contemplan a posibilidade de pactos dependendo o resultado electoral?

R.- Nós presentámonos as eleccións para gañalas e darlle A Guarda un goberno estable como o dos últimos catro anos. Entendemos que en política débese negociar e pactar, iso si, sempre en beneficio dos veciños e veciñas. Nós, durante este mandato, negociamos e pactamos, cando o consideramos necesario, non nos molesta recoñecelo. Sempre primando os intereses dos veciños e veciñas da Guarda. Negociamos tanto co BNG como o PP e chegamos a acordos con ambos sempre en beneficio da cidadanía.

O que nunca deixamos de facer foi a lexítima labor de goberno. Porque esa é a encomenda e a responsabilidade dun alcalde e o seu equipo. O que non é de recibo son os posicionamentos dos grupos da oposición en contra dos intereses da Guarda. Por poñer dous exemplos. O PP e CG votaron en contra o proxecto de reforma e ampliación do pavillón, voto que nós interpretamos en contra dos intereses da Guarda. E noutra ocasión o PP e CG tamén votaron en contra dunha subvención para o comercio chamada “Comerce Inside” que, coa abstención do BNG, impediu que chegara A Guarda unha subvención da deputación por valor de 123.000 € destinada a potenciar o comercio local.

P.- Que axudas ofrece a ELM de Camposancos?.

R.- A parte de transferirlle cada ano a porcentaxe da recadación de impostos que lle corresponde, á ELM de Camposancos démoslle todas as axudas que nos solicitou, incluso as veces as que non nos pediu. Pero así ten que ser, os veciños e veciñas de Camposancos son tamén veciñas e veciños da Guarda. Para min como alcalde non foi prato do bo gusto ver como a Entidade lles cortaba a auga a Camposancos sen necesidade. Naqueles días fun eu quen me dirixín a Entidade para ofrecerlle axuda e asesoramento para evitar os cortes.

Sempre defendín o máximo respecto institucional entre o concello e a Entidade, respecto que non sempre se viu correspondido pola presidenta. Nós non utilizamos o concello para facer política partidista.

P.- A saída viaria polo porto guardés ten futuro?.

R.- O acceso sur do porto da Guarda é unha das obras estratéxicas para a nosa vila. Por unha banda permitirá completar a humanización do casco urbano eliminando a maioría do tráfico pola rúa Concepción Arenal e por outra banda é unha vía de comunicación para calquera tipo de vehículo para o porto. Isto último parece que non quere entendelo a Xunta de Galicia nin o PP. Pedímoslle apoio a Consellería do Mar para esta obra e tivemos unha negativa e o grupo parlamentario socialista levou ao parlamento o apoio a esta obra e tamén tivemos a negativa do PP. Non nos imos a resignar a que a Xunta condene o noso porto a práctica desaparición da actividade, porque isto parece que é o que pretenden. Temos xa o apoio da Deputación para sacar adiante esta infraestrutura e temos luz verde de patrimonio para o trazado proposto polo concello.

P.- Cando está dispoñible o Ferry da Pasaxe?.

R.- O Ferri da Pasaxe leva parado dende o 2021 porque portos de Galicia non fixo o mantemento do peirao de atraque e prohibiu primeiro o embarque de vehículos e logo de pasaxeiros. Dende o ano 2020 pedimos que se realizaran tarefas de mantemento para que non se parara o ferri pero fixeron caso omiso.

Agora o peirao está en reparación no estaleiro e non sabemos cando rematará esta reparación. Non sabemos en que condicións estará o barco cando reparen o peirao de atraque dado que para entón o barco levará case dous anos parado.