Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui

Enrique Cabaleiro
Xurxo Gregorio e Tino Lago.

Malia ao intenso traballo de fontanería do PP, que conseguiu unir( polo menos en aparencia) todo o voto da dividida e enfrontada e dereita tudense , agás os 336 votos de Vox, a esquerda de Tui conserva a maioría do apoio con certa solvencia, pois se sumamos as porcentaxes de voto do PSOE e do BNG veremos como máis dun 57% de veciñas e veciños de Tui confiaron o seu voto a unha das dúas opcións de esquerda que se presentaron ás pasadas municipais. Non foi posible asinar un acordo estable de goberno entre socialistas e nacionalistas, pois dous puntos de fricción, o aparcadoiro soterrado e a finca Patazumba, fixeron imposible que se concretara. En consecuencia o PSOE goberna en minoría, con 6 concelleiros de 17. Nós conversamos co alcalde para coñecer a súa visión sobre a realidade política Tudense e el manifestouse satisfeito de como está a transcorrer o mandato. Velaí vai

Aprobamos en pleno a creación dunha comisión para pór enriba da mesa as alternativas que poida haber para solucionar os problemas de aparcamento que padece Tui”

Cal é a situación actual do goberno que encabezas?

Unha situación positiva. É un goberno que goza de estabilidade. Estamos en minoría pero somos quen de irmos acadando acordos no que respecta ás cuestións máis importantes. Estamos moi centrados no traballo e temos ilusión de ir completando a necesaria modernización de Tui que comezamos no mandato anterior.

E a relación co resto de forzas?

De entendemento, o que crea un clima político de tranquilidade , paz e confianza. A relación co BNG é boa, de feito acadamos un acordo de goberno con eles que permitiu desbloquear os salarios.

Pero foi un acordo puntual para ese tema en concreto, verdade?

Si, efectivamente, así foi.

E co PP e Converxencia 21 hai o mesmo clima que co BNG?

Temos boas relacións tamén, si. A nosa man está tendida para podermos chegar a acordos nas cuestións máis importantes para Tui, e confío en que sexa así.

A que temas te refires?

Aos orzamentos e aos investimentos que son estratéxicos para Tui. Por exemplo: nós temos problemas de aparcamento e necesitamos algunha alternativa para resolvelos.

Iso que dis do bo clima político con todas as forzas de oposición non coincide coa miña percepción. O que me parece albiscar é que o PP está a facer unha oposición especialmente agresiva. Non é así?

Ben, digamos que está a facer unha oposición intensa, o que é respectable. Non podemos esquecer, deste PP, que o seu líder e un dos seus concelleiros formaron parte do PP que gobernou entre o 11 e o 15, que foi un goberno que fixo unha xestión de encefalograma plano, que lastra tanto a súa labor de oposición como a súa credibilidade. O PP da etapa anterior era moito máis dialogante. O PP de Tui historicamente foi un partido de deslealdades internas e neste momento segue habendo dous PP que seguen na dinámica de guerra interna polo poder.

O asunto do aparcadoiro soterrado foi un dos dous puntos que impediu un acordo de goberno estable entre vós e o BNG. Vós mantivestes firmemente a posición e non cedestes á pretensión do Bloque de abandonar o proxecto.Pero agora mesmo é o teu goberno o que renuncia ao aparcadoiro soterrado. Que pasou?

A renuncia ven derivada de que unha vez adxudicado o contrato a empresa adxudicataria presenta unha proposta de modificación de custes que non é aceptada nin pola secretaria municipal nin por intervención. Xa que logo non quedou outra que renunciar.

A modificación económica era substancial?

Si. Había un incremento de custe moi elevado. Desbotámolo por ese motivo, o cal non quere dicir que nós sigamos pensando que unha das alternativas para solucionar o problema dos aparcamentos en Tui poida ser o aparcadoiro soterrado.

Unha das alternativas?

Si, unha das alternativas. Agora aprobamos en pleno unha comisión para tratar ese tema e na devandita comisión poremos enriba da mesa cales son as alternativas que hai e veremos se somos quen de acadarmos un consenso para quitar unha alternativa adiante.

Ti segues pensando que o aparcadoiro soterrado é necesario?

Eu sigo pensando que temos un problema de aparcamento puntual.

Puntual ou estrutural?

Puntual que se pode converter en estrutural. O aparcadoiro soterrado pode ser unha alternativa. Non digo que teña que ser esa, pero si que pode selo.

A empresa adxudicataria supoño que reclamará unha indemnización?

Si, nós aprobamos en pleno rexeitar as alegacións de empresa. O Concello fixa unha cantidade de 140.000€ para a devandita indemnización.

Canto pide a empresa?

Cerca de 3 millóns. Imaxino que o asunto acabará por se xudicializar.

O mercado dos xoves está ben no sitio que está?

Nós cando chegamos no 15 topámonos cun mercadillo ciscado polas rúas de Tui, sen fiscalizar e con moitos postos sen dar de alta .Entendemos que era necesario concentralo nunha zona que afectase o menos posible á mobilidade e que fose posible fiscalizar os distintos postos. A zona máis adecuada para cumprir eses requisitos é na que están agora. Penso que o resultado do seu traslado ao espazo no que se encontra agora foi moi positivo.

Unha vez rematadas as humanizacións no centro urbano poderiades reconsiderar a súa recolocación?

Si, poderiamos. Pero ata ese momento, non.

En relación ao tráfico do casco urbano, como valoras o seu estado?

Cando sacamos o tráfico da Corredoira e de Augusto González Besada houbo un empeoramento inicial porque se produciu unha concentración excesiva na zona da rúa Ourense. Agora conseguimos mitigalo pois abrimos un terceiro carril. Por outra parte conseguimos sacalo do casco histórico e a nosa intención é deixalo só para residentes na zona de respecto histórico.E unha vez que consigamos rematar a zona da rúa Ourense na parte sur entendo que teremos moita maior fluidez.

Estás satisfeito co resultado da reforma da rúa Antero Rubín?

Si, estou. Alí montouse unha polémica artificial e un tanto mal intencionada. A min cónstame que os veciños están encantados coa obra.

Sobre o problema da vivenda cal é a túa opinión?

No casco histórico hai unha pulsión orientada á rehabilitación de vivendas moi importante. Por outro lado acabamos de asinar un convenio coa consellería de urbanismo por un valor de 23 millóns de €, para investir de aquí a 10 anos no noso casco histórico.

Canto achega o Concello desa cantidade?

O 30%.Nós queremos dinamizar en todos os eidos o noso marabilloso casco histórico. En Tui cada vez hai menos vivenda valeira , pero temos os problemas que teñen as zonas que posúen unha importante afluencia de visitantes: cada vez hai máis vivenda turística.

E alugueiros para residentes?

Cada vez menos. Nós estamos levando a cabo modificacións puntuais do plan xeral para podermos posibilitar o desenvolvemento de vivenda. Pero aínda así é totalmente insuficiente para a demanda que hai. De feito Tui, segundo os datos do INE é un dos concellos do estado nos que máis se encareceu o custe da vivenda.

Como está funcionando o Xacobeo?

Nestes momentos é un dos grandes polos de dinamización económica do noso concello. O ano pasado estivemos cerca dos 100.000 visitantes e este ano confío en que non andemos lonxe de multiplicar por dous esa cifra.

As actuacións máis significativas nas parroquias?

No primeiro mandato fixemos un proxecto moi ambicioso de mobilidade en Caldelas, na estrada que vai a Salceda. Tamén asinamos un convenio coa DEPO para humanizar o entorno da igrexa de Ribadelouro. E temos 5 proxectos financiados polo plan Agora, referidos á recuperación de ámbitos importantes no noso rural, e que agardamos materializar neste mandato .

En que parroquias son eses 5 proxectos?

Son en Caldelas , Baldráns, Areas e Pazos de Reis.

O Concello pode mellorar transporte inter parroquial?

Esa é unha vella demanda que a min me parece de moi difícil materialización. Precisaríase un investimento elevadísimo e o número de usuarios non sería suficiente. Nós imos pór agora un proxecto piloto dun coche eléctrico para conectar os cascos históricos de Tui e de Valença a partir de setembro as fins de semana. Veremos como funciona e veremos se hai posibilidade de ilo espallando por algunha das nosas parroquias. Pero montar un transporte que una todas as parroquias co centro de Tui entendo que non é asumible.

Notaches algún cambio a mellor ou a peor nas relacións coa nova DEPO?

Eu quero darlles unha marxe de confianza. Respectaron o plan Concellos, que foi un grande acerto da anterior DEPO, de feito a nós a cantidade que nos asignaron é similar ou incluso algo superior. Si é certo que de momento non sabemos nada dos AGORA.

O problema que fomentou a ruptura con En Marea no anterior goberno de coalición, a taxa de lixo ao hoteis, está solucionado?, en vías de solución?

É un tema moi complexo. Agora mudou a lei de residuos e a nova ordenanza ten que adecuarse á nova lei. Estamos rematando a nova ordenanza e unha vez que a rematemos a intención é levala a aprobación. Para aquela ruptura non había motivo. Acusóusenos de non ter vontade de solucionar este asunto

E acusación non estaba motivada?

Non, non o estaba. Si que temos vontade de solucionalo e acabaremos por solucionalo. Nós imos ser dos primeiros concellos de Galicia que aprobemos unha ordenanza adaptada á nova lei de residuos.

Estanse a desenvolver distintos actos de homenaxe a Guillermo Vicente, o último alcalde republicano de Tui. Cal é a posición do alcalde actual ao respecto?

Absolutamente favorable como non podía ser doutro modo. Estiven presente na homenaxe que se lle fixo na Guarda, un acto moi emotivo, e no día que facemos esta entrevista( 9 de maio) farémoslle unha homenaxe no salón de plenos do Concello, organizada pola comisión de recuperación da memoria histórica. A el recórdaselle fundamentalmente por dúas actuacións:-A proposta de que o seminario pasase a ser de titularidade municipal- E por ter presidido o comité de defensa da Republica e con algúns veciños, carabineros e gardas civís leais, os mariñeiros do Cabo Fradera( despois todos fusilados) defenderon Tui na Volta da Moura. Puideron defendela 3 días , desde o 24 ata o 26 de Xullo, ata que non puideron resistir máis.

Tui foi a última praza de Galicia en caer.

Como están os ánimos persoais do alcalde de Tui?

Ben, eu sopesei moito presentarme esta vez. E a verdade é que estou algo canso, pero sigo ilusionado en dar o mellor de min mesmo para tratar de facer un Tui mellor.

Rematamos. Valóranos a situación do PSdeG?

É evidente que temos un problema serio. Agardo que sa fagan as cousas ben para tratar de corrixilo.

En que consiste ese “facer as cousas ben”?

O PSdeG precisa a creación dun proxecto galego autónomo. Dá igual o líder que estea , mentres non o fagamos así non poderemos ser unha forza con expectativas realistas de goberno. Por desgraza a sociedade galega ve ao PP como máis defensor de Galicia có PSdeG.