XXV Edición do festival de Monicreques de Redondela

XXV Edición do festival de Monicreques de Redondela

Na semana das letras,entre o 13 e o 19 de maio desenvolverase o festival de monicreques de Redondela. Xa son 25 anos nos que a ledicia, o talento e a calor dos monicreques alumean as rúas da nosa vila e ANP non podía faltar a unha cita tan especial. Neste día das nosas letras conversamos de novo con Luis Crespo, quen leva XV das XXV edicións dirixindo o evento.

Luis Crespo,director.

O noso festival é unha inxección de adrenalina e alegría que fai que aforremos en medicamentos”

Di a canción que 20 anos non son nada, e 25?

Esa canción está equivocada. Vinte anos é moito tempo e un cuarto de século desde logo que tamén. A verdade é que o tempo pasa moi rápido.

Ti estás desde o principio?

Non. Eu incorporeime na IV edición. Fixen un pouco de todo e asumín a dirección cando cumprimos a primeira década.

Esta edición das vodas de prata que significa?

Un pouco o mesmo que todas as demais:é un punto de encontro do teatro arredor da xente que conta historias a través dos monicreques.

Novidades?

Temos compañías moi potentes este ano como por exemplo:Espejo Negro, ou Sergio Mercuri que ven directamente de Buenos Aires a Redondela. Desde logo que non esquecemos as propostas das compañías galegas: Tanxarina, Mercromina..Parte da nosa filosofía consiste en mesturar o que se fai aquí co que se fai fóra. Un dos pratos fortes deste ano será a nosa”Feira de imposibles” na que mesturaremos ilusionismo, maxia e teatro. Na sala de luns a xoves ofreceremos espectáculos de carácter familiar e a fin de semana irán enfocados a adolescentes e adultos.

Cantas compañías veñen este ano?

Son 28 compañías que farán máis de 70 representacións.

Faremos exposición este ano?

Si, haberá dúas. A dos escaparates, e a que inaugura, Pastor, como sabes el está desde a edición 1, que nos contará como foron os carteis desde o principio ata agora.

As expectativas de asistencia?

O ano pasado tivemos máis de 40.000 persoas e este ano temos tamén unhas expectativas moi elevadas. O noso festival contaxia de espiritualidade, fíxate ben no que che digo Marcos: ata tal punto que nun momento de crise persoal pode facer que salves a túa vida. Convido a todos os lectores e lectoras de ANP a que se acheguen pola nosa vila a nos coñecer. Vir ao noso festival é un chute de adrenalina e de alegría que nos fai aforrar en medicamentos.

Cando comezades coa preparación dunha edición?.

Hai que ter en conta sempre os tempos cos que funciona administración. Nós rematamos a edición en curso en decembro, e comezamos a preparar a seguinte en setembro. Hai uns meses nos que facemos traballo duplo,rematamos os trámites para pechar a edición dese ano e á vez comezamos a preparar a seguinte. Malia que xa levamos anos e temos o proceso moi estudado, ás veces non resulta fácil combinar o traballo de produción coa aridez das cuestións administrativas.

Sen as achegas das institucións o festival sería posible?

Nós non temos unha dependencia absoluta das institucións. A única axuda que temos nominal é a do Concello de Redondela. A verdade con eles estamos moi contentos. O resto de axudas non están garantidas, non sabemos se nola dan, e de ser o caso en que importe, ata que se resolven.

Entón asumides riscos?

Non queda outra.

Sempre apostamos por Maio?

Sempre, a chegada da primavera é o noso tempo. Cando foi a pandemia excepcionalmente pasamos a setembro. Economicamente e no que se refire á xestión foi todo moito máis cómodo, pero maio é o noso mes.