Natural de Ponteareas, de 39 anos de idade e de orixe francesa por parte da familia da súa nai, Édgar é un mozo que dirixe as Escolas Deportivas de Salvaterra, fundadas no 2006, desde a temporada 2008-2009. Édgar ten a sorte de que o seu medio de vida coincide cunha das súas principais paixóns: o fútbol. Nós conversamos con el para repasar a súa traxectoria deportiva e coñecer o funcionamento das Escolas, unha institución na que case 200 nenos e nenas teñen a oportunidade de practicar o seu deporte preferido.
“ A miña relación co fútbol comeza de neno, e é un deses amores que sei que vai durar toda a vida”
Cando e como comezou a túa relación co mundo do fútbol?
Non sabería dicirche exactamente. O que si podo afirmar con certeza é que foi moi pronto, sendo eu moi neno. E se me preguntas ata cando, creo que podo asegurar que é destes amores que duran toda a vida. Non son capaz de imaxinarme lonxe deste mundo. Eu xoguei desde sempre nas rúas do meu pobo cos meus amigos. O que si federeime algo tarde, fíxeno cando tiña 15 anos.
Cal foi o teu primeiro equipo?
O cultural Areas.
Ese equipo tivo un mérito enorme, creo eu. Sendo, como é, o club dunha pequena parroquia ter chegado a xogar en 3º división paréceme asombroso. Ti que opinas?
Estou completamente de acordo desde logo, un mérito superlativo. E incluso agora mesmo están a competir en preferente con moita dignidade.
En que posto xogabas?
De extremo esquerdo. Son destro de pernas, pero sempre xoguei a perna cambiada.
Honestamente Édgar: Que tal xogador eras?
Ha ha ha ha. Ben, valorarse a un mesmo non é nada fácil. Era un xogador moi rápido e moi potente ao que se cadra lle faltaba un punto de calidade.
Canto tempo estiveches no Areas e a onde fuches despois?
Estiven en cadete, xuvenil e logo marchei para o Sárdoma de Vigo. Posteriormente volvín xa para o primeiro equipo. Tiven unha lesión moi grave nun adestramento o que me fixo estar un ano parado. Unha vez que recuperei fun ao Xuvenil, logo ao Mondariz, pero a lesión fíxome coller algo de medo e con 24 anos retireime momentaneamente.
Pero non foi unha retirada definitiva, verdade?
Non. A verdade é que sempre tiven gañas de volver e aos 27 anos regresei ao Xuvenil a xogar os últimos 13 partidos da tempada. E foime moi ben pois neses 13 partidos marquei 13 goles. Tanto é así que ao ano seguinte me fichou o Salvaterra.
Foi un ano bo para ti?
Si, a verdade é que si. Xogando na banda quedei de máximo goleador. E quedamos a un só punto do ascenso directo a preferente. Estiven dous anos e como eu xa estaba habilitado para adestrar, e íamos nese momento moi mal, fíxenme cargo do equipo.
Foiche ben a túa primeira experiencia como adestrador?
Collín ao equipo penúltimo e rematamos a liga moi cerca de ascendermos.
Xa tiñas curiosidade e interese por adestrar?
Pois si. Xa desde que comecei me interesou a organización dun equipo , as tácticas e estratexias. Sempre me chamou a atención. Estiven un tempo mesturando etapas de xogador e adestrador ata o punto que o ano pasado collo as botas de novo e ficho polo progresista de Fornelos. Deixo de adestrar á SD e con 39 anos estou a xogar con mozos de 20 anos
Caramba, e con case 40 tacos aguantas o ritmo?
Ben, en cuestión de resistencia, si. No que atinxe á velocidade pois con franqueza teño que dicir que non.
Falemos das escolas. Cando comezaches?
No ano 2006 chamáronme. Comecei adestrando aos cadetes e aos alevíns. Despois de dous anos o antigo director deportivo marchou para o Celta e recomendoume a min para que me fixera cargo. E comecei nesa temporada, 08-09 , o camiño marabilloso de ser o director deportivo das escolas de fútbol.
En concreto en que consiste o teu traballo?
É moi variado: xestión deportiva, contabilidade, administración…
As escolas son do Concello?
Non, pero desde a súa fundación dannos unha subvención que é moi importante para nós.
Tedes algunha outra fonte de financiamento alén da subvención do Concello?
Si, a cota que pagan os pais. Esas son as dúas fontes de financiamento que temos nós.
Cantos nenos e nenas practican fútbol nas escolas?
Entre 180 e 190
Cantas son nenas?
Temos un equipo feminino, e en total son 23 as mozas coas que contamos. Son poucas aínda, 23 sobre case 200 é obxectivamente moi pouco. Nós estamos tratando de potenciar o fútbol feminino e unhas das miñas teimas e tratar de que as nenas se ilusionen e animen a practicalo con nós.
Cales son as vosas instalacións?
As instalacións deportivas do Casal.
Son instalacións adecuadas?
Si, son moi boas. Temos un campo sintético e uns vestiarios de moi boa calidade. Tamén contamos co campo Antonio Bernárdez Gándara.
Os nenos e as nenas de onde son?
Maioritariamente de Salvaterra e das súas parroquias pero calquera, de calquera localidade, que queira practicar fútbol con nós será benvido.
Que abano de idade cubrides?
Entre 4 e 18/19.
Que ten que facer un pai ou unha nai que teñan interese en que o seu fillo ou filla xogue con vós?
Só ter ilusión, nada máis ca iso. Quen a teña que se achegue ao Casal a falar comigo e xa buscaremos a fórmula máis adecuada para que o neno e a nena comece con nós.
Falas con tanta paixón do teu traballo que non teño dúbida de que che gusta moito o que fas?
Non te equivocas. Eu adoro o meu traballo.
As Escolas Deportivas son un proxecto co seu futuro garantido?
O noso obxectivo é darlle aos mozos e as mozas a oportunidade de practicar fútbol. Mentres os pais e as nais queiran, nós seguiremos existindo.
Que é máis importante para ti: Aprender a competir ou aprender a xogar?
Esa é unha pregunta moi difícil porque ten moitos matices e arestas. Imos ver:Agora hai unha tendencia de pensamento que trata de restarlle importancia á competición, como se gañar non importase. Eu esa visión do fútbol non a comparto. Cando se xoga un partido temos que buscar a vitoria. Agora ben, non a calquera prezo. Competir si, tratar de gañar tamén. Pero de maneira honesta, con escrupuloso respecto polo adversario e asumindo a derrota con naturalidade.
Acabamos cunha pregunta máis difícil aínda na que é obrigado que te molles con sinceridade absoluta:De que equipo es?
Ha, ha, ha, ha. Son do Salvaterra, do Depor e do Real Madrid.