PROFANAR: Tratar sen o debido respecto unha cousa digna de ser considerada.
Salvaterra de Miño, 30 de xaneiro do 2021
O 14 de marzo do 2017 a asociación cultural Lazoiro de Salvaterra de Miño, presentou diante da Dirección Xeral de Patrimonio a solicitude de incoación de expediente de declaración de Ben de Interese Cultural á Casa do Pobo de Salvaterra de Miño. Fun eu, para ben ou para mal, o responsable directo da solicitude, ben documentada e fundamentada.
Por que non se incoou o expediente?. Unha man negra xa se ocupou de que tal cousa non acontecera.
O primeiro de maio de 2018 aparece o primeiro proxecto de rehabilitación por un importe de 107.999 €, 17.969.521 millóns das antigas pesetas.
Moitos cartos para o que fixeron. De seguido algúns detalles:
“En el interior son llamativas las carpinterías de puertas y ventanas y serán elementos a conservar”. Pax. 4 de 13 do proxecto.
Naquel momento respectaron as citadas carpinterías interiores. A día de hoxe ignoro como están.
“Se mantienen y reponen todos los elementos exteriores del edificio: cornisas, barandillas y carpinterías.” Páx 5 de 13 do proxecto.
“….cambio decarpinterías existentes deterioradas por otras de aluminio y el desmontaje del
falso techo existente actualmente muy deteriorado.” Páx. 5 de 13 do proxecto.
“…elementos como las carpinterías o los detalles de la forja de las fachadas se conservarán y restaurarán o repondrán en el caso de verse dañados.” Páx. 6 de 13 do proxecto.
Aparentemente existe unha contradición, por un lado afirman que se manteñen as carpinterías e por outro que as deterioradas se substituen por aluminio. Como é posible?. O normal sería reparar as deterioradas. O certo é que substituiron o 100% da carpintería exterior.
En canto ao falso teito, solamente na esquina suroeste estaba mal e poderíase reparar fácilmente.
O 09 de xullo do 2018, a Alcaldía asina o Decreto 2018 – 0345, que entre outras cousas recolle:
“Visto o informe de Secretaría de data 5 de xullo de 2018, e o informe de Intervención de data 6 de xullo de 2018. Esta Alcaldía considera que procede alzar o reparo formulado pola Intervención, por:
- Ter asinado un convenio coa Xunta de Galicia en data 09 de febreiro de 2018 para financiar a totalidade do citado edificio da súa propiedade, para que a escola de música deste Concello poida desenvolver con urxencia as súas actividades culturais por carecer de locais axeitados as súas necesidades.
- Así mesmo a Xunta de Galicia con data 19 de febreiro de 2018 comunica a este Concello que está dacordo en vender o citado edificio por un prezo de 115.222,03 euros fraccionando o pago ata 10 anos.”
“RESOLVO:
1º.- Avocar a competencia delegada na Xunta de Goberno Local por Decreto desta Alcaldía de 17 de xuño de 2015, no referente ás competencias recollidas na D.A. 2ª da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público.
2º.- Alzar os reparos suspensivos formulados expresamente pola Sra. Interventora.
3º.- Prestar aprobación ó proxecto técnico redactado polo Doctror Arquitecto D. José A. Martín Curty e pola arquitecta Dª Alba Martín Burgos para a execución das obras de “Acondicionamento da Casa da Cultura da Música”.
4º.- Aprobar o expediente de contratación das obras de “Acondicionamento da Casa da Cultura da Música”, financiadas ó 100% pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en base ó convenio asinado con este Concello en data 9 de febreiro de 2018, cun orzamento de execución por contrata de 107.999,60 euros, que inclúe os tributos que graven a execución do contrato, así como o 21% do IVE, que ascende a 18.743,73 euros, por un período de catro meses, contados a partir do día seguinte ó da sinatura da acta de comprobación do replaneo, incluíndo os pregos de cláusulas administrativas particulares elaborados ó efecto.
5º.- Autorizar o gasto correspondente…..”
O 29 de outubro do 2018 presentouse no Pleno Ordinario do Concello unha moción suscrita polos tres partidos da Corporación PSOE, BNG e PP, aprobada por maioría na que se recollía entre outras, as seguintes consideracións:
“En reunión mantida en Ponteareas entre o Sr. Presidente da -Sociedad Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires-, o Sr. Abogado da dita Sociedade e esta Alcaldía. Ambos representantes da Sociedade Comunicáronme (á Alcaldía), que enviarían un Texto para que os tres Grupos Políticos que forman a Corporación deste Concello a presentaran conxuntamente ó citado Pleno para que se aprobara o presente Texto”
“A Sociedad Unión Progresista del Distrito de Salvaterra de Miño en Buenos Aires foi fundada o 14 de agosto de 1921. Os seus obxectivos fundacionais consistían en organizar sindicatos agrarios nas parroquias da localidade de Salvaterra de Miño, crear cooperativas agrarias, organizar actos de formación para os labregos e labregas e construir un edificio para a sede da Federación de Sindicatos e a súa cooperativa.
Para acadar este último obxectivo, coas aportacións económicas dos séus socios, a Unión Progresista adquiriu en 1925 un terreo en Salvaterra, na actual rúa Rosalía de Castro 78 iniciándose as obras de construcción do edificio en 1926. Trala súa inauguración en 1928 e até 1936 o inmoble acolleu a cooperativa “La Salvaterrense” e a sede da Federación de Sindicatos. Ademáis dispuña de biblioteca e salón de actos. Nel celebráronse numerosos eventos e actos políticos e agraristas. Co golpe de estado de xullo de 1936 o edificio foi utilizado como cuartel militar. Os datos existentes no Rexistro da Propiedade de Ponteareas revelan que en 1937 o inmoble foi embargado para responder dunha sanción de 60.000 pesetas imposta polas autoridades sublevadas e en 1938 foi directamente incautado pasando a ser propiedade do Estado, inscribíndose en 1941 a favor da Delegación Nacional de Sindicatos. Dita incautación realizouse ao abeiro do decreto 108 de 13 de setembro de 1936 polo que se declaraban fóra da Lei aos partidos ou agrupacións políticas do Frente Popular, funcionarios e empregados de empresas públicas. En 1977 o edificio foi transmitido á Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Salvaterra de Miño, que formaba parte do entramado institucional da ditadura. Coa chegada da democracia, ao extinguirse as Hermandades a propiedade pasou a mans da Cámara Agraria e en 1997, coa disolución desta, a edificación integrouse no patrimonio da Consellería do Medio Rural, propietaria rexistral actual.
Na actualidade o inmoble presenta un preocupante estado de abandono que podería derivar en ruina da edificación o que fai necesaria unha intervención urxente.
Así pois, atopámonos perante un colectivo fundado en 1921 que aínda existe na actualidade e que por razón políticas se veu inxustamente privado dun terreo comprado e un inmoble construido cos seus recursos económicos que, por aquelas vicisitudes políticas, acabou en mans da administración autonómica de maneira gratuita.
En 2003 a Xunta e o Concello acordaron unha cesión do inmoble por un período de 10 anos prorrogables e así se acordou no Pleno da Corporación Municipal. En 2011 o daquela Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, anunciou un proxecto de acondicionamento da edificación cun orzamento de case 250.000 €, que non se chegou a concretar.
Polo exposto, e atendendo as demandas da Sociedad Unión Progresista del Distrito de Salvaterra de Miño en Buenos Aires (na actualidade denominada Asociación de Residentes de Salvaterra de Miño en Buenos Aires) propomos ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes acordos:
Primeiro.- O Pleno acorda instar ao Goberno Municipal e á Xunta de Galicia a:
- Adoptar todas as medidas necesarias para que o edificio e terreo pasen a ser de titularidade pública municipal. Afecto a un servizo ou servizos públicos.
- Redactar un proxecto de rehabilitación integral do edificio executándoo á maior brevidade posible, incluindo en dito proxecto un espazo adicado ao recoñecemento do papel xogado pola Sociedad Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires na construcción do edificio, as actividades desenvolvidas por dita sociedade en apoio da veciñanza de Salvaterra e, en particular, dos labregos e labregas da comarca e as inxustas razón polas que se víu privada da súa propiedade.
- Apoiar económicamente á Asociación de Residentes de Salvaterra de Miño en Buenos Aires e a súa actividade a través de subvención, convenios ou calquera outro mecanismo de axuda e cooperación.
Hai que decir que o apartado “b”, incúmpreno na súa totalidade. Primeiro, que non fixeron un único proxecto, foron dous. Segundo,
por ningures aparece nos proxectos ese recoñecemento elemental aos ideadores, financiadores, executores, socios, arquitectos, etc.
Do apartado “c”, se ben hai que lembrar que nos anos 2009, 2010 e 2011 foron favorecidos con subvencións que acadaron respectivamente os 30.000, 13.000 e 5.000 Euros, para obras na súa sede en Buenos Aires, (que retornaron en forma de votos), non voltaron recibir máis axudas dacordo co pactado.
O 16 de decembro do 2018 no apartado de cartas ao director do Faro de Vigo, xa mostrei o meu asombro pola falta de sensibilidade na rehabilitación da Casa do Pobo de Salvaterra de Miño, un edificio histórico e monumental. Amosaba o meu desacordo basicamente polo feísmo da pintura exterior, (o oco da escaleira traseira ficou sen pintar), a substitución da carpintería exterior de castaño por aluminio lacado e o retiro do seu lugar dos maineis enreixados dos portalóns frontais. Asemade tiraron todo o falso teito de xeso, etc.
O 12 de xaneiro do 2019, como aludido na miña carta, tamén no Faro de Vigo, tivo a ben responder á mesma o Sr. Doutor Arquitecto D. José Antonio Martín Curty.
Fai poucos días chégame copia, da segunda fase, do Proxecto de Execución da rehabilitación do edificio, asemade a Memoria de dito Proxecto. Están datados o 15 de maio de 2020, ano e medio despois de comezar os traballos “urxentes” da primeira fase. Desta volta por un importe de 319.951 euros, 53.235.367 millóns de pesetas.
A vista do que expoño de seguido, infelizmente, véxome obrigado a manifestar a miña protesta polo escandaloso proceso da rehabilitación integral,pois tan só me queda o dereito o pataleo, vexamos;
“La endidad encargante nos propone la conservación de los elementos generales y estructurales de la construcción preexistente, así como aquellos detalles constructivos y de remate que fuesen considerados susceptibles de rehabilitación y reutilización.” Páx. 3 de 22
Pregúntome eu, ignorante en arquitectura, que necesidade había de desfacer o primeiro tramo das escaleiras?. Que necesidade había de abrir unha porta na parede esquerda da entrada, a carón das escaleiras?, feito que deu lugar a destrución das baldosas ornamentais. Tamén romperon as baldosas ornamentais da dereita, sen nengún sentido.
“El estado de estas cerchas no es bueno, no pudiendo garantizar la estabilidad del sistema tras la rehabilitación. Los faldones presentan rehundidos que aconsejan la sustitución integral de la cubierta.” Páx. 4 de 22
As fotografías das cerchas e do tellado, que están no meu poder, están ao dispor de quen as queira ver, estaban para aguantar outros cen anos; non fago outro comentario, ou si, por que destruiron as vellas tellas planas?
“Debemos no obstante recordar la decisiva carencia que supone la desaparición de la planta segunda del cuerpo central, circunstancia que debe permanecer presente en el objetivo de futuras intervenciones.
La supervivencia del edificio en una conformación muy similar a la original es todo un milagro.” Páx. 6 de 22
Outra máis, se hai suficiente documentación gráfica, (non teñen máis porque non queren), por que con tantos centos de miles de euros de orzamento, non aproveitan para reconstruir dito “cuerpo central”?
Fala da supervivencia do edificio. Eu creo que o intentaron queimar, o mesmo que fixeron coas Casas do Pobo de Fornelos e Leirado, por iso desapareceu ese “cuerpo central”, pero alguén debeuse dar de conta de tamaña burrada e aí ficou o asunto, nun intento.
“El edificio conforma por sí mismo un elemento singular en su entorno por su destacada calidad arquitectónica, elementos como las carpinterías o los detalles de la forja de las fachadas se conservarán.” Páx. 7 de 22
Pregúntome tamén: que necesidade hai de que se arrincara a porta flexible metálica da parte traseira?. Como é que non integraron o ascensor no interior do edificio deixando a escaleira como saida de emerxencia? (por certo é falso que estea medio rota, só está sucia e con entullo, hai fotos de sobra). Como e que non integran os aseos no interior?
Que pensan facer cos libros antigos, e posibles outros documentos, que están amoreados debaixo da escaleira que queren tirar?
E que foi da placa de mármore branco, conmemorativa da fundación da Sociedade Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, 14 de agosto de 1921?. Se cadra estana restaurando para celebrar conxuntamente o centenario?
Eu, que de grego non sei nada, de latín inda lembro algo, “damnatio memoriae”, condenan o esquecemento a todos aqueles homes e mulleres que fixeron posible o edificio. En ningún dos dous proxectos faise mención a un espazo adicado a ese mester
O certo, desgraciadamente, é que alomentos o 70% da carpintería foi destruida e substituida por outros elementos metálicos. A forxa que retiraron dos maineis dos portalóns, xa veremos se a volven repoñer.
Este edificio que como din no proxecto, destaca singularmente pola súa calidade arquitectónica e é representativo dun alto significado histórico e cultural para Salvaterra de Miño e para todo o país.Despois de gastar tanto diñeiro nel, vai ficar moi lindo e moi operativo para o fin que o fan, pero aqueles elementos significativos que se destruiron farán que xa non sexa o que era.
En definitiva, Sr. Doutor en Arquitectura, Vde. que tanto se preocupa da arquitectura viguesa, e fai ben, se cadra non había outras alternativas arquitectónicas que respectaran moito máis a idiosincrasia do edificio?
O 31 de xullo do 2020 Secretaría certifica o acordo da contratación pola Xunta de Goberno Local, nos termos xa coñecidos expostos no contrato. Prazo de execución seis meses.
Todo canto aquí afirmo pódese comprobar coas numerosas fotos de que dispoño.
Finalmente dicir que seguro que despois de tanto gasto vai ficar un espazo moi acaido para praticar a arte da música, que boa falta lle facía.
Por ese lado, o pobo de Salvaterra de Miño pode estar satisfeito. A miña crítica ven polo xeito de levar a cabo a rehabilitación e a falta de respecto a idiosincrasia do edificio, destruindo para sempre elementos que, ao meu modesto entender, deberían conservarse.
Na opinión dun amigo, Doutor en Filoloxía Hispánica, “Esa foi a política que se fixo, incautación, control e pillaxe sistemático, pero se o destino é cultural, os financiadores de Buenos Aires non fracasaron, e estou certo que se souberan que despois de casi cen anos a semente da cultura volve a dar fruto sentiríanse satisfeitos. Aqueles homes so repudiaban o atraso, a ignorancia, a inxustiza, o caciquismo e o obscurantismo. Amaban a cultura. Arranxar e rehabilitar ese edificio é, no fondo, darlles a razón e facerlles unha homenaxe. Sería bonito poder ler os seus nomes o día que se reinaugure.”
Fago miñas as súas palabras e, a quen corresponda , aquí estou eu para colaborar e aportar canto teño investigado con ese fin.