Todas as persoas que amamos a cultura clásica ,gozamos na nosa infancia lendo as marabillosas aventuras de Aquiles, de Héctor, de Helena ….vivimos con paixón a interminable viaxe de regreso a Ítaca do grande Ulises , desfrutamos coas historias das lexións romanas cruzando a península itálica para impedir que Anibal e os seus elefantes entraran en Roma…., e por que non, tamén soñabamos con coñecer esas cidades lendarias e esas rutas ateigadas de historia en cada recuncho do seu camiño.
O profesor do Condado Xabier Álvarez é unha desas persoas que sinte paixón por todo o que teña relación co mundo clásico, asemade é un seareiro do universo das motos vespa, xa que logo a mestura desas dúas paixóns deu como resultado a marabillosa viaxe que nos anticipou en ANP do mes de xullo e que agora, xa de volta en Galicia, nos conta polo míudo.
Xabier Gómez Álvarez.

“Esta viaxe foi pensada para facer camiño e non destino”
Imos facer memoria, como empezou todo e por que?
Vivín en Grecia por estudos e traballo, cando volvín para aquí viaxaba xa constantemente a ese país e facía a ruta en coche ou en avión. Cando facía a viaxe en coche miraba xente que ía en moto e sempre pensei que algún día tería que facer o mesmo. Este verán fíxeno.
Agora fixen ata Grecia pero teño en mente ir ata Bakú en Acerbaixán, quero cruzar Turquía, alí estiven en Kaiser e noutros sitios moi bonitos e quédame ese soño por cumprir.
Cando saíches para Grecia?
O oito de xullo.
E cando volviches?
O 9 de agosto, a viaxe durou 31 días.
Fálame das distintas etapas.
Saín de Monçao, Portugal. Fixen a primeira etapa e cheguei a Aranda do Douro, crucei España. O obxectivo era cruzar Os Pirineos e chegar a Andorra. Sempre utilicei estradas locais e comarcais. Ao pasar os Pireneos fun dereito a Os Alpes franceses, entrei na fronteira por Briançón. Fun polo norte de Italia paralelo ata Trieste, entrei en Eslovenia, de aquí a Croacia. En Croacia fun de Pula, que fun ver o anfiteatro, a Dubrovnik, unha cidade medieval preciosa.
Visitei Bosnia, Montenegro, Albania e Macedonia do Norte.
Os macedonios e os gregos seica non se levan moi ben, non?
Hai diferenzas con iso, os Gregos non recoñecen a Macedonia , e chámanlle Escopia. Para eles a gran Macedonia era a de Alejandro Magno, pero toda a nación de Macedonia é independente de Grecia.
Hai tensión política por este motivo?
Non, non hai tensión política pero si a disputa do non recoñecemento, recoñecen a Escopia pero non a Macedonia.
Volvamos ao recorrido, como segue?
Despois de Montenegro baixei a Grecia a visitar a amigos. Despois fun a Meteora, á zona de Trikala.
Salónica, Kavala, de alí cara a fronteira entre Grecia e Turquía. Estiven 4:30h para poder atravesar a fronteira e pasei tres controles policiais na zona turca. A volta fíxena pola fronteira de Turquía con Bulgaria e aí non tiven ningún problema.
En que cidades de Turquía estiveches?
Crucei os Dardanelos, son espectaculares e fun a Troia tamén.
Que se conserva en Troia?
Restos de cidades, dá lendaria Troia de Príamo, Héctor, Paris e Helena.
Para unha persoa que ten sensibilidade histórica como ti, debeu de ser impresionante atravesar todas esas zonas?
Foi impresionante, Grecia encántame pero para min Istambul é unha cidade que me atrae en grao superlativo, é unha cidade máxica.
Para ti Istambul é Europa?
Non entro nesa cuestión política, pero é máis europea agora. Eu crucei da zona europea a zona asiática. Tiven a oportunidade de ir a un museo en Turquía, no lado asiático onde se fala de xenocidio, tema da actualidade nestes momentos, e mesmo fala do que fixeron os españois en América.
Falan dos armenios?
Pásano un pouquiño por riba dos pés.
Despois de Turquía por onde volviches?
Pasei por Filipopolis e Adrianopolis, unha cidade é turca e a outra búlgara, logo tirei cara Sofia, Serbia , Hungría, Austria, Suíza, Italia. Contando con Portugal estiven en 15 países.
Que é o que máis che sorprendeu desta viaxe?
Está viaxe foi pensada para facer camiño e non destino. O que máis me sorprendeu e o que máis me gustou foi a xente que me fun atopando no camiño. Foi unha viaxe de intercambio puramente humano, atopeime con moita xente que me axudou e acolleu.
Sempre te atopaches con boa xente?
Si, sempre. Tiven sorte, mesmo en países dos que non temos boa imaxe. Xa estivera no ano 99 en Albania e desta volta atopei un país moi diferente.
Diferente para ben ou diferente para mal?
Diferente para ben. Sempre foi un país moi pechado, estaba considerada a Corea do Norte europea. Crucei a fronteira desde Grecia por Gjirokas, un pobo medio grego dentro de Albania, tiña cantidade de garitas e búnkers cheos de silvas.
Entón o mellor para ti foi a calidez humana coa que che atopaches?
Si, foi o mellor.
Queres agradecer a axuda de alguén en particular?
Pois si, porque a verdade foron moitas as persoas que me deron a súa axuda , apoio e calidez. Aproveito a oportunidade das vosas páxinas para agradecer desde o máis profundo de min a: Ilias Papavresis e familia do club de vespa Veria en Grecia, a Ioannis, Giorgos e Michalis do club de vespa de Trikala, a Nikos de Kavala do club Vespaholics, a Ertan, Innesa e Erçin pola súa acollida en Istambul, a Dejan Tonic do vespa bar en Serbia, a Vicenzo e Claudia de Tirano en Italia que me acolleron con inmensa xenerosidade na súa casa cando quedei sen hotel e sen albergue, a Erika Ferro do Vespa Club de Biella en Italia , e finalmente ás miñas amigas Naiara, Erkuden e Olatz de Altsasu.
Onde durmías?
Ás veces improvisaba porque as etapas eran moi cambiantes. Atravesei montes, os Balcáns, os Dolomitas, os Alpes… Basicamente buscaba albergues pero, se non había, buscaba alugueiros en casa de particulares, nunha ocasión tiven que durmir á beira da moto.
Onde?
En Italia, preto do Lago di Garda, á beira de Verona. Fixen este lago pola zona norte e fun ao Lago di Como polo cara norte tamén.
Onde comías?
Collín tanta calor que cheguei a estar a 44º en Bosnia, en Mostar, o forno de Bosnia. Tiña que levantarme cedo e coller as horas de fresco, practicamente só bebía auga, non tiña apetito, alimentábame de auga e iogures durante o día, cara á noite procuraba inxerir unha media comida, perdín nesta viaxe 6 kg.
Non probaches ningún prato tradicional que nos poidas recomendar?
Si, por suposto. Comín un prato típico en Serbia moi bo, Pljeskavica.
Que levaba ese prato?
Leva carne picada mesturada con algún tipo de pasta cargado de especies, está rico.
Viviches algunha situación potencialmente perigosa?
En Serbia tiven unha situación non diría perigosa, pero si tensa. Tiña que chegar a un punto para hospedarme nun tipo de casa rural, O GPS levoume a un lago, era de noite e estaba perdido. Atopeime cunhas caravanas vellas abandonadas e coches escangallados. Chamei por se alguén me podía axudar e saíume un home cunha pinta curiosa medio espido. Conseguín falar con el en inglés e en italiano, a situación púxose tensa porque me rodearon seis persoas e, con todo, portáronse de marabilla comigo. Un deles acompañoume ao sitio onde estaba esa casa rural. Cando cheguei á casa rural o home que me hospedaba preparoume ata a cea, cousa que non estaba prevista e pola que non me quería cobrar. Ao marcharme á mañá seguinte pregunteille quen eran esas persoas e díxome que podían ser policías infiltrados polos pescadores furtivos que hai no lago.
Cantos quilómetros fixeches?
Algo máis de 13.000km, a volta foi pensada para facer os Pireneos, facer os Montes Palentinos e os Picos de Europa, para acabar a viaxe facendo Istambul-Santiago de Compostela.
Teño a sensación de que un tipo curioso e inquieto coma ti non vai ser esta a última viaxe que faga?
Non te equivocas. Encantaríame ir ata Exipto, pero a situación política da rexión non o fai aconsellable. Entón teño a intención de que a próxima viaxe sexa ir ata San Petesburgo e volver polos países escandinavos
Última pregunta e a máis importante que tal che respondeu a Vespa?
Fantástica, non me deu ningún problema en toda a viaxe.
