O Concello de As Neves vai celebrar a súa Festa do Viño Tinto. Este ano conta coa súa XVI edición na que non faltarán a tradicional cata de viños, con polbo, empanada ou churrasco e será realizada entre os días 11 e 12 de outubro.
A “Festa de exaltación do Tinto Rías Baixas” naceu co obxectivo de promover viños de gran calidade, dentro dunha denominación tradicionalmente asociada co branco, pero que vai gañando posicións no mundo do viño tinto. A comarca do Condado sempre destacou pola produción de viños multi varietais de branco e tinto, pero nas Neves, ademais, producido principalmente na parroquia de Rubios, considerado como un dos mellores dentro de toda a “Denominación de Orixe Rías Baixas” no que a tintos se refire. Elabóranse tintos que inclúen variedades como Sousón, Mencía, Espadeiro ou Caíño Tinto. Os tintos son os viños que mellor expresan as características da zona e da terra e os das Neves destacan polo seu carácter afroitado e polo toque mineral. Nas Neves conflúen a innovación e a tradición no mundo do viño, e son a mestura perfecta para facer deste municipio o lugar ideal de celebración da “Festa do Tinto Rías Baixas”.
É organizada directamente desde o concello de As Neves e como novidade, a partir da XIV edición, a Festa pasou a estar máis ligada á súa gastronomía outonal e o día central pasou a ser o12 de outubro, manténdose actividades ao longo do ano, dando aos seus viños o valor e o protagonismo que merecen e facendo deles e, da súa gastronomía, un eixo clave para a economía de As Neves. Esta data “permanecerá na tempada de outono, xa que é o mellor momento para poñer en valor estes viños”, explicou o alcalde da vila, Xosé Manuel Rodríguez, na presentación desa XIV edición. Esta novidade de data vén acompañada cun cambio de ambiente, no que os asistentes están “baixo unha carpa transparente e acolledora, con elementos interiores que lle dan un realice máis elegante ao espazo”. Tamén, como novidade no 2019, As Neves utilizou cubertos e pratos totalmente ecolóxicos, concretamente de bambú e madeira de compostaxe, eliminando o plástico deste evento vitícola e culinario.
A partir do ano 2016 a organización do evento variou un pouquiño introducindo viños tintos de todas as subzonas da “Denominación de Orixe” o que fixo que esta celebración sexa única xa que ofrece a posibilidade de atopar moitos dos viños tintos existentes reunidos nun único espazo, algo que só ocorre nesta localidade e especialmente nesta festa.
A oferta de viños que se poden atopar son de tódolos tintos con Denominación de Orixe Rías Baixas e a maiores, as tres adegas de As Neves como Viña Nora, Adegas Luz e Señorío de Rubios poden ofertar os seus caldos brancos tamén.
Nas últimas edicións houbo sobre corenta referencias de variedades tintas presentadas polas diferentes adegas e esperamos que este ano tamén sexa posible gozar de tantas variedades de viños.
A programación desta edición comezará o martes 11 de outubro. A apertura da Festa será ás 20:00 h. coa actuación do grupo Pandeireteiras Saia de la.
A protagonista da programación deste día é a música e, seguido do grupo de pandereiteiras, comezará o concerto de Sheila Patricia trío ás 21:00 h., xa, cando remate, sobre ás 23:00 h., será o DJ Belindos Music o encargado da sesión musical para amenizar a noite ata o seu peche.
Para o día grande, o martes 12 outubro, comezará a súa andaina, ás 9:00 h., a “Ruta da Festa do Tinto Rías Baixas”, previa Inscrición para os asistentes.
Ás 11:00 h. será a apertura da Festa co concerto da Coral Ventos do Val de Petelos. Logo desta actuación, ás 11:45 h., farase a recepción de autoridades na Casa do Concello e, de seguido, para 12:00 h., serán Alejandra González e Ricardo Acuña, emprendedores da terra, os encargados de dar o Pregón nesta edición.
Para as 13:00 h. contarase coa actuación do grupo Ronco & Fol e despois do xantar, ás 15:15 h., a actuación do grupo Habelas Hainas.
A partir das 17:00 h., será o momento dos pequechos e pequechas da vila e contarán coa actividade infantil “Contos ambientais Miña casiña, meu lar” de Caxoto. E cando remate poderán gozar dun espazo infantil durante toda a xornada.
Para ás 17:00 h. tamén, será a Xornada de Cultura Urbana na Casa da Xuventude con VellaEscola. VellaEscola fan Cultura Urbana de aquí, da boa e para tódolos públicos, sen importar o nivel técnico, a idade ou o talento, así que, xa sabedes, se tedes inquietudes pola cultura urbana, pasarvos a tarde do 12 de outubro pola Casa da Xuventude de As neves. O seu lema: NON TEMOS FLOW…TEMOS XEITO!!!
Xa para as 19:00 h., será o grupo Ghaveta o encargado de amenizarnos co seu concerto musical e, para as 20:30 h., está programado o Peche da Festa deste ano 2022.
Esperamos que despois de dous duros anos de restricións pola pandemia, o Concello de As Neves poida desfrutar dunha das súas festas máis coñecidas, onde unhas 10.000 persoas entre veciños, veciñas e visitantes pasarán dous días inesquecibles onde non deixarán de gozar dos caldos máis afamados do país e, animamos a quen non teña plan para ese días, anote nas súas axendas esta Festa do concello de As Neves, pagaralles a pena a visita.