A música é consubstancial ás partes máis nobres da alma humana. A música é unha linguaxe universal a través da cal nos comunicamos, sentimos, padecemos, rimos, choramos, amamos e somos capaces de expresar os sentimentos que agroman nos lugares máis íntimos e profundos de cada un de nós. A música axúdanos a coñecer o noso interior, é unha ferramenta excepcional e estou convencido de que o desenrolo da sensibilidade musical convértenos en mellores seres humanos. Sempre é un enorme pracer para min facer un traballo que teña relación con calquera aspecto do universo musical, pero esta entrevista que ten por obxecto dar a coñecer o trixésimo aniversario da Coral Santa María das Neves foi un pracer superlativo, xa que os camiños da vida permitíronme, despois de moitos anos, volver a conversar cunha antiga amiga á que sempre apreciei moito por ser unha persoa amable, xenerosa, intelixente e cordial, coa que me encantou poder volver a falar. Ela é
CRUZ MÍGUEZ MOLDES
“O PRÓXIMO SEIS DE OUTUBRO, FAREMOS UN CONCERTO NO AUDITORIO PARA CELEBRAR O NOSO 30 ANIVERSARIO,E ENCANTARÍANOS CONTAR COA COMPAÑÍA DE TODAS E TODOS OS VECIÑOS DO NOSO QUERIDO POBO”
Seica estades de aniversario?
Pois si, cumprimos 30 anos
Nacestes no 1.989?
Si, o 5 de agosto, en concreto, é o día do noso cumpre
Caramba, lembras o día exacto, vaia memoria?
Ha ha ha, non, lémbroo por que mo contan claro, eu daquela tiña cinco anos
E non me digas que con esa idade xa cantabas?
siiii, pero só na ducha
Pois naquela ducha de Taboexa, entre os teus cantos , os da túa irmá Mar e os da túa nai, que se chama igual cá miña filla, debiades facer uns tríos musicais de campionato
Ha ha ha, espectaculares, Tino, autenticamente memorables
Non me cabe dúbida algunha. Cóntanos como naceu a Coral, Cruz?
O alcalde que había naquel momento, tivo a idea de que un grupo de veciños e veciñas se xuntara para cantar. Comezaron aos poucos, e o esforzo, o amor e a paixón que lle dedican á súa vocación, pois fixo que, así como que non quere a cousa, xa esteamos nos nosos primeiros anos de vida
Os primeiros 30 anos?
Ai non, e tanto que son os primeiros¡¡ a nosa vontade e que a coral Santa María das Neves poida celebrar moitísimos aniversarios máis
Ti cantos anos levas na coral?
Eu levo dous anos
E formalmente que cargo ocupas?
Eu son a secretaria, a presidenta é a miña irmá, pero como ti dis, esa é unha cuestión meramente formal, eu o que son é unha compañeira máis, que se sinte moi vinculada afectivamente á coral.
Vexo que che gusta moito o que fas?
Pois agardo que conserves a vista moito tempo, porque ves perfectamente. Non é que me guste, é que me encanta. Os ensaios son divertidísimos, os concertos preciosos, o grupo humano que a compón é marabilloso e a min persoalmente formar parte dela, faime feliz.
Cada canto tempo ensaiades?
Ensaiamos todos os luns no centro social
Que número de persoas formades a coral?
Entre 35 e 40
Máis mulleres, ou máis homes?
Somos máis mulleres
Os homes somos máis vergonzosos para cantar?
Ehh, como me fas a pregunta directa, pois a resposta é igual de directa: Si
E de idade como andades?
Iso si que é un problema, xa que fundamentalmente prima a xente maior. Á xente moza cústalle dar o paso de achegarse, se cadra porque hai unha percepción errada que asocia a música que cantamos co “antigo” ou co “aburrido”. De feito, eu quixera aproveitar a oportunidade que me brinda o voso xornal para convidar aos mozos e mozas que busquen unha alternativa de ocio divertida, sa, e enormemente enriquecedora desde o punto de vista humano a que nos deran a oportunidade de coñecernos. Estou segura de que a maioría das persoas que viñeran ían quedar encantadas.
Cantos anos ten a persoa máis nova e cantos a máis maior?
A máis nova ten 15 e a máis veterana, non o sei con exactitude pero pasa ben dos oitenta
Dinos algún sitio onde teñades actuado?
En Mos, en Viana do Bolo, no Rosal..
Algún concerto que che fixera especial ilusión?
Como sabes, Tino, eu quero moito ao meu pobo, e todas as actuacións das Neves sempre teñen para min, un plus engadido de ilusión, porque estar rodeada das persoas que queres e que te queren, é moi emotivo e ilusionante.
E algún concerto que che fixera ilusión facer no futuro?
Como din os deportistas, o mellor sempre é o seguinte. Teño a certeza de que o mellor para a nosa Coral está aínda por chegar
A familia Miguez Moldes, corríxeme se me equivoco, estades representadas na Coral por catro persoas: Mar, a túa irmá ,Marina, a túa nai, Mario, o teu tío, e Ti mesma. Ves posible que algún dos teus tres sobriñ@s continúe coa tradición?
Siii, a pequena xa se sabe todas as cancións
Vaia, que ben, e que repertorio musical tedes?
Moi amplo, desde a clásica habanera ata por exemplo o Rei León que estamos a ensaiar agora
O Rei León, que me dis¡¡, debe de ser precioso, agardo que me convides ao concerto do día 6 de outubro, encantaríame vervos cantar
Dáte por convidado Tino, desde logo que si.
E confesa Cruz, poste nerviosa cando sobes ao escenario?
Agora xa non tanto, pero ao principio si, vaia se me puña nerviosa
Que mellor forma de rematar a conversa que anunciando o concerto especial do día 6 de outubro, non cres?
Si, creo que é unha forma inmellorable de rematarmos, e como acabas de dicir ti o 6 de Outubro, no auditorio das Neves faremos un concerto para conmemorar os nosos 30 anos de vida, e desde logo a nosa intención é pór o mellor de nós, para que saia precioso. Teremos a compañía dun grupo de acordeonistas , e remato animando a todas e todos os lectores a que nos honren coa súa compañía.
Moitas grazas ,Cruz