O noso amigo Xabier, profesor de linguas clásicas nativo de Mondariz, emprendeu por terceiro ano consecutivo a súa grande viaxe polo mundo a lombos da súa moto vespa. Desta volta tocou visitar as terras africanas. Cruzou toda a península ibérica polas estradas de Portugal ata coller un transbordador en Tarifa que o levou a Marrocos. Deste país africano pasou ao Sahara, tanto á parte ocupada polos marroquís como á parte liberada polo Polisario. De aí entrou en Mauritania e Senegal para emprender a volta a Galicia desde ese país africano. A súa idea era que lle dera tempo tamén a cruzar Gambia, pero diversos problemas mecánicos, causados polas tormentas de area atrasáronlle bastante, e veuse na obriga de regresar antes do que lle tivera gustado.
A experiencia desta terceira viaxe foi moi dura para Xabier. Tivo que convivir coa demoledora realidade da extrema pobreza que padece gran parte da poboación, algo que inevitablemente toca as emocións de calquera persoa que teña un mínimo de sensibilidade, e tamén pasar algunha situación de tensión persoal.
Agardo que pronto consiga recuperarse, e que siga facendo estas marabillosas viaxes que será un pracer seguir compartindo nas nosas páxinas cun tipo dun perfil tan interesante, e dunha conversa tan agradable como el.
Xabier Gómez.
“ Se eu tivera nacido nesa parte do mundo, estou seguro de que arriscaría a miña vida para subir a unha patera e tratar de chegar a Europa”
Esta foi a terceira grande viaxe que fas nos últimos 3 anos?
Efectivamente, a terceira.
Supoño que non será a derradeira?
Agardo que non. A miña idea é continuar, pero teño que planificar mellor as viaxes porque nesta última vin situacións de extrema pobreza tan sumamente duras, que me tocaron emocionalmente. Asemade a vespa non é o vehículo máis adecuado para o deserto. Pasei varias situacións verdadeiramente complicadas nalgunha tormenta de area.
Cando saíches e cando chegaches?
Saín o 11 de xullo e cheguei o 9 de agosto. Pretendía estar algo máis de tempo pero as circunstancias da viaxe, basicamente os problemas mecánicos, aconsellaron regresar algo antes. A miña idea era cruzar Gambia e chegar ata a parte sur de Senegal, pero comecei a ter problemas e decidín regresar.
Cóntanos como foi o itinerario?
Saín de Ponteareas, fun por Portugal e fixen unha primeira etapa ata Castelo Branco e unha segunda directa ata Tarifa.

E en Tarifa collerías o transbordador, supoño?
Si, fun ata Tanxer e comecei a viaxar todo pola costa. Por certo o barco pareceume carísimo. Un traxecto de máis ou menos unha hora custa 85€. Desde Tanxer fago toda a costa marroquí: Rabat, Safi, Essaouira, Agadir….e xa entrei na zona saharauí
Na zona ocupada por Marrocos, ou na zona liberada pola Fronte Polisaria?
Estiven nas dúas zonas. Incluso tiven a oportunidade conversar cun líder do Polisario
Tiveches algún problema nalgunha desas zonas do Sahara?
Non, alí non tiven ningún problema.
No Sahara onde comías e durmías?
Onde podía. Estiven en ex colonias españolas, como a antiga Villa Cisneros..A zona ocupada por Marrocos está ateigada de bandeiras deste país, se cadra para reafirmar a súa posición política de que ese territorio é parte do reino e o que vin tamén é infinidade de posicións militares.
Que tal era a comida?
A típica desa zona. Está baseada en polo, arroz e verduras.
Despois do Sahara supoño que chegarías Mauritania?
Pois si, pasei Guerguerat, o límite con Mauritania, e despois de atravesar unha pequena zona que é terra de ninguén chego á fronteira. Alí comezou o calvario.
Por que?
Nesa fronteira estiven máis de 8 horas retido. Foi enormemente difícil atravesala. Todo o mundo me puña problemas porque en realidade todo o mundo quería que lles soltase pasta. Tiven que recorrer aos servizos do que eles chaman “ conseguidores”.Xa a cousa comezou a pintar mal nesa fronteira.
Que tal en Mauritania?
Ves uns niveis de pobreza realmente bestiais.
Pobreza extrema?
Absolutamente si. De feito,convivir con situacións tan duras de persoas que pasan fame, tocoume emocionalmente. A pouca sensibilidade que teña un, encóllese o corazón despois de ver realidades tan terribles. Eu cheguei a pagar varias comidas e comprei balóns para que xogaran os nenos. Para eles era un auténtico luxo.
Non viches ningún lugar bonito en Mauritana?
Si, hai dous parques nacionais moi bonitos: O do Banco de Arguin e o de Diawling. Este último está na fronteira con Senegal e alí hai unha das poucas zonas húmidas do país. Pero agás esas dúas excepcións o país é todo deserto, e alí comeza outro pesadelo
Cal é ?
As tormentas de area. Eu non contaba con iso, pero collín tres moi intensas. Xa no deserto me chamara na atención que as motos alí están cubertas de plásticos. En principio non entendía o motivo, pero logo me dei de conta de que era para protexelas das tormentas de area.
Que tes que facer cando estás nesa situación?
Non podes parar de ningunha maneira. Se te metes nunha e paras, logo resulta imposible de saír.
En Mauritania, alén das 8 horas na fronteira e as tormentas de area tiveches algunha outra situación de tensión?
Varias, si. Tiven problemas de quedarme sen gasolina e non me quedou outra que recorrer ao mercado negro, cheguei a pagar 4€ por litro,e algunha vez compreina en sitios que a verdade daban medo. Eu cheguei a dubidar se sairía de alí nas mesmas condicións que entrei.
En Mauritania había moitos controis militares?
Innumerables. Ás veces había controis cada 500 metros. Todos, o que buscan en realidade é sacarche pasta.
Como foi cruzar a fronteira desde Mauritania a Senegal?
Foi unha odisea peor que a de Marrocos a Mauritania. Estiven un día retido en terreo mauritano. Nunca choveu e por mala sorte si que o fixo esa noite e tiven que durmir, nun mosquiteiro que me deixaron, a carón dunha mesquita.
En Senegal foi igual de duro?
Non, non o foi tanto a todos os niveis. Ali cambia tanto a paisaxe como a xente. As condicións non son tan terribles como as de Mauritania e claro, iso inflúe na conformación do carácter.
Que tal a condución por eses países?
Terrible. Pódese dicir que os condutores fan o que lles peta. Incluso hai moitos coches que son pouco máis que un montón de ferros enriba dun motor.
Que percorrido fas en Senegal?
Estiven en Dakar, Saly, M,bour…Eu quería cruzar Gambia, pasar a parte sur de Senegal e chegar a Bissau..pero os distintos problemas fixeron que a viaxe non se puidera adecuar aos tempos previstos. Eu tamén quería estar de volta para o aniversario da miña filla, e despois desas cidades decido volver.
Como é o carácter da xente en Senegal?
Extraordinario. Son moi boa xente, amables e xenerosos. Coñecín a persoas moi formadas e de moito nivel. Estou pensando en concreto nun rapaz de 26 anos co que me encantaba falar. Deume moita pena porque están condenados a vivir toda a súa vida na miseria.
Por onde volves?
Ata chegar a Agadir polo mesmo sitio, pois non hai outra opción xa que en Mauritania só hai unha estrada que a cruza de norte a sur. Chegando a Agadir si que collín outra ruta e fun polo interior de Marrocos, o que chaman o anti Atlas..As temperaturas por esta zona eran elevadísimas, e iso que procuraba moverme nas primeiras horas do día.
Os pasos das fronteiras custáronche o mesmo á volta que á ida?
Non, porque xa tiña un contacto e xa me estaba esperando alí.
Previo pago do “imposto revolucionario” claro?
Si, claro que si. Pero sabes o que acontece Tino:Cheguei a entendelo. O meu contacto despois de pasarme convidoume á súa casa, presentoume á súa familia e foi moi amable comigo. Entón eu entendín que cobrar por pasar xente na fronteira era a súa forma de vida. A única forma que tiñan de poder vivir.
Supoño que ese tipo de experiencias tan duras farán que despreces profundamente ao racismo ?
Total e absolutamente. Se os racistas escoitaran a esta xente, se viviran alí un tempo cambiarían a súa perspectiva completamente. O discurso de extrema dereita contra os migrantes é un discurso fácil que non ten en conta as realidades dos países de orixe. Ou se cadra si que os teñen en conta pero non lles importa o máis mínimo o sufrimento dos outros. Eu se tivera nacido nesa zona do mundo seguramente subiría a unha patera para tratar de chegar a Europa aínda que puxera e risco a miña vida.
Cantos quilómetros fixeches?
10.400.
Vexo que chegaches algo afectado?
Algo, non. Cheguei moi afectado psicoloxicamente. Ver a tanta xente sufrir é moi duro, e sobre todo constatar que non teñen a menor oportunidade de ter algunha expectativa para ter unha vida decente é demoledor.
Haberá unha cuarta viaxe, verdade?
A miña idea é que si. Teño gañas de ir aos países bálticos.
Quedamos emprazados no 2027 para que nolo contes
Será un pracer.


