O Mondariz FC nace en 1910.Está un anos sen competir e logo vólvese fundar en 1920.Desde ese ano compite ininterrompidamente. Se considerásemos o ano do seu nacemento sería o 2º equipo máis antigo de Galicia, só detrás do Deportivo de A Coruña. E se tiveramos en conta a data desde a que nunca deixou de competir estariamos ante o 5º equipo de fútbol máis antigo do noso país. Os 4 que lle preceden son o Depor, o Ribadeo, o Rápido de Bouzas e o Racing de Ferrol. En calquera caso estamos ante un dos equipos de maior historia de toda Galicia, é máis antigo que o propio Celta de Vigo. Máis de 100 anos competindo de maneira ininterrompida indican un mérito extraordinario de todas as xeracións anteriores que fixeron posible que este equipo siga existindo. Actualmente o equipo sénior compite en 2º autonómica. Son líderes e teñen moi serias posibilidades de ascenso á categoría superior. Nós falamos con Fernando, o seu presidente. El é un home de 59 anos, natural de Barcia de Mera que leva máis de 30 anos vivindo en Mondariz.
Fernando Estévez Aldir, presidente.
“ A primeira autonómica é a categoría na que nos debemos de consolidar”
Queremos coñecerte un pouco mellor?
Ben, eu son nativo de Barcia de Mera. Levo 30 anos vivindo en Mondariz, teño 59 anos e traballo no Porriño.
Cando tempo levas como presidente?
Este é o 3º ano, aínda que na directiva levo desde o 2004.Tiven un par de anos de parada por circunstancias familiares, pero xa levo dúas décadas mergullado no fútbol modesto.
Por que comezaches a relacionarte co fútbol no ano 2004?
Estaba o meu fillo xogando na escola de fútbol. Comecei coa intención de botar unha man e aos poucos funme enganchando.
Cantas persoas estades na directiva?
Somos 6 persoas, tres homes e tres mulleres.
Cantos equipos e cantas fichas tendes?
Temos oito equipos, 7 masculinos e 1 feminino. E en relación ás fichas estamos entre as 160-170 aproximadamente.
De onde son a maioría dos rapaces e rapazas?
A ampla maioría son da nosa comarca, da comarca do Condado. O fútbol base fornécese fundamentalmente da propia localidade de Mondariz.
Cal é o voso uniforme?
Camiseta azul e branca, prevalece a cor branca, e pantalón e medias azuis.
Onde xogades os vosos partidos?
No campo da Lagoa.
Que tal están as instalacións?
Son unhas instalacións magníficas. Xogamos nun campo de herba natural, tamén temos outro de herba sintética. E as instalacións en xeral están especialmente ben. Podo dicir con orgullo que están ao mesmo nivel cás de calquera equipo de terceira división.
En que divisións compiten os equipos sénior feminino e masculino?
O feminino compite na última categoría galega. Temos un equipo moi novo. E o masculino está en segunda autonómica.
O equipo de segunda autonómica vai moi ben na liga, verdade?
Pois si, vai moi ben. Agora mesmo estamos líderes a catro puntos de distancia do segundo.
Ascenden dous directamente?
Si,os dous primeiros soben directamente a 1º autonómica.
O obxectivo deportivo é claramente o ascenso?
Claramente si. O ano pasado estivemos a piques de ascender. Xogamos a promoción de ascenso e por desgraza perdemos contra un equipo de Ourense no segundo partido. O fútbol non é matemática e non se pode saber como vai acabar a temporada, pero temos un excelente grupo de xogadores e teño a ilusión e a esperanza de que esta temporada poidamos ascender.
Como é afección de Mondariz?
É unha afección fiel, e adoita ser especialmente tranquila.
Cobrades entrada nos partidos?
Non, vendemos rifas.
Como levades a cuestión económica?
Como todos os equipos modestos como podemos. O Concello danos unha subvención, logo entre as cotas dos socios, as cotas dos nenos, os patrocinadores publicitarios e as rifas que vendemos imos tirando. O que si quero dicir é que o financiamento dos sénior e o da escola de fútbol son independentes. A directiva é a mesma pero o financiamento autónomo.
Como se porta o Concello con vós.?
Pórtase ben. Todo é mellorable desde logo. Pero non temos ningunha queixa. O alcalde Pablo Barcia,implícase moito e cando lle transmitimos algún tipo de problema ou incidencia trata de solucionalo o antes que poida.
Cales son os partidos de máxima rivalidade para vós?
Se cadra cando xogamos contra o Juvenil de Ponteareas.
Tendo en conta a realidade económica e demográfica de Mondariz, cal cres ti que sería a categoría natural na que o equipo se debe de consolidar?
Eu creo que a primeira autonómica é a categoría onde nos debemos de consolidar e acadar certa estabilidade. Se algún día podemos subir a preferente non imos dicir que non. Nós chegamos a estar 12 anos competindo en preferente. pero creo que a 1º é a categoría na que debemos de estar.
O salto a preferente sería economicamente asumible para o club?
Habería que buscar alternativas diferentes de financiamento. Pero sen dúbida que as buscariamos debaixo das pedras. Á categoría desde logo que non iamos renunciar.
Quen é o voso adestrador?
Juan Feijoo. Un ex xogador do club. Esta é a súa primeira experiencia como adestrador, e a verdade é que o está a facer realmente ben. De segundo temos a Jorge Veloso.
Subamos ou non subamos a 1º a intención é a de manter ao equipo técnico?
Polo que a min respecta, si. A min gústame a estabilidade. Se hai satisfacción por ambas partes non hai por que cambiar.
Ti levas pouco tempo de presidente, pero moito como directivo. E xa non es un neno. Tes aínda folgos para seguir, ou estás canso?
É certo que o fútbol modesto esixe moito tempo e esforzo. Ás veces estou máis tempo na Lagoa que coa miña familia. Pero a min gústame moito o que fago e mentres teña saúde e ánimos teño a intención de continuar.
O equipo xa pasa dos cen anos. Entendo que, cando a actual directiva deades un paso atrás, non debera haber problema para que teña continuidade?
Eu agardo que non haxa problema. Un equipo de máis de cen anos non debera de desaparecer.
Nestes máis de cen anos de historia houbo algún xogador que xurdira do Mondariz e chegara a elite?
Actualmente temos a Yoel Lago. Central do Celta. El saíu da nosa escola. É un orgullo para nós.
Última pregunta: De que equipo es ti?
Ha, ha , ha..Eu son do Mondariz, do Mondariz e despois do Mondariz.
