(ou “Que fixeron por nós os roxos?”. Transcrito dun orixinal en castelán inzado de anglicismos innecesarios)
Izan Marques –incel, católico e sentimental– encabeza unha reunión improvisada con nove compañeiros máis.
IZAN – Ben. Estamos aquí reunidos para ver como podemos seguir combatendo aos putos roxos. A ver, quitáronnos todo! A nós e aos nosos pais. E aos pais dos nosos pais. E aos pais dos pais dos nosos pais. Eu que sei? Ir a putas sen medo, o dereito de pernada do que disfrutaban os triunfadores, a escravitude que contentaba aos nosos xefes… Esas cousas que inventara Franco cando era presidente. Sen os roxos estabamos mellor e viviamos mellor. Nunca fixeron nada por nós, xa que… a ver, que fixeron por nós os roxos?
KEVIN – Conseguiron a sanidade gratuíta.
IZAN – Vale. Ben. A sanidade gratuíta. Para vellos, mileuristas e perdedores, por certo. Pero, para alén diso, que máis fixeron por nós os roxos?
MATEO (dubidando) – O ensino público?
IZAN – OK. Ben. O ensino público, niño de delicuentes e fracasados, tamén. Pero, para alén da sanidade gratuíta e do ensino público, que máis fixeron por nós os roxos?
NICO (erguendo a man) – Eu! Os dereitos laborais.
IZAN – Que dereitos laborais, puto zurdo? Eu vou ser xefe. Un lobo de Wall Street, un tiburón! Que dereitos laborais?
MARTIÑO – A prohibición do traballo infantil, o descanso dominical, a xornada de oito horas, o mes de vacacións, os permisos retribuídos, a conciliación familiar…
IZAN (mofándose) – I prihibiciín di tribilli infintil, i disquinsi diminiquil, i xirnidi de iito hiris, i mis de viquicíns, is pirmisis… (irado) Caralladas de comunistas! Así estamos, rodeados de calaceiros, Martiño. Como se nota que tes nome de separatista…! A partir de hoxe vaste chamar Martín.
MARIO – Na miña casa din que os roxos trouxeron a democracia…
IZAN – A democracia non nos gusta, hippy! Só nos gusta se gañan os nosos. Na túa casa son uns boomers gays que non se duchan. Necesitas máis testosterona, María!
LUCÍA – Liberdade?
IZAN – Liberdade? Ese só é un termo que empregamos para enganar aos máis parvos! Só cremos na liberdade de mercado. Liberdade de criptos. Liberdade para despedir a nugalláns e rebeldes. A liberdade para que os triunfadores se aproveiten dos fracasados. Pero ti… Que estás? Neses días que tedes as tías?
BRAIS (de cachondeo) – Non sei. Os coches chinos?
(risas)
IZAN – A ver, gilipollas, a parte da sanidade, da educación, das vacacións e de todas esas merdas, da mariconada de votar… que máis fixeron por nós os roxos?
NAIARA – O voto das mulleres.
IZAN (condescendente) – En serio, Naiara? Que es? Unha puta charo? Aprende un pouco de Roro e da viúva do Kirk, feminazi!
TODOS e TODAS – As raves, a Monster, o botellón…!
IZAN (anoxado) – Silencio, hostia! A ver, que xa vou farto, para alén da sanidade pública, do ensino gratuíto, das vacacións, da prohibición do traballo infantil, do voto feminino, da xornada de oito horas, do salario mínimo e de todas esas trapalladas de sindicalistas comegambas, que merda fixeron os putos roxos por nós??
BORXA – A xubilación pagada?
IZAN – Vaites xa, merda hostia, vai tomar polo cu!
Izan marcha cabreado para casa a xogar ao Fornite e botar un ollo a PornHub.


