O pasado 13 de setembro falecía o porriñés Pedro Ocampo. Resulta moi complicado describir en poucas palabras quen foi Pedro. El era como aqueles inmortais versos de Darío Xohán Cabana:” Un home de vida innumerable , como os a astros do ceo e os camiños do mar”.Pedro foi profesor de filosofía, militante de Esquerda Unida, Concelleiro de Eu-Son Porriño, activista cultural, defensor, desde o máis profundo do seu inmenso corazón, do ben común, articulista de A Nova Peneira, creador da revista Opino de filosofía, unha publicación que facían os seus alumnos e alumnas do instituto Pino Manso….e sobre todo ,falo por min e estou seguro que por un océano de persoas máis, o meu amigo, o meu compañeiro, e o meu camarada. Ás veces simplemente alguén que sabía escoitar, e co que en moitas ocasións desafoguei as miñas preocupacións e angustias cun home bo e xeneroso que sempre, absolutamente sempre, estaba cando se lle necesitaba.

Pedro era un home dunha solidez intelectual máis que notable, e dunha altura moral que só posúen aquelas persoas que , como el , fan mellor á humanidade.

A nova da súa morte foi devastadora para min. É como se se me desgarrara unha parte do corazón. Sei que o vou botar moito de menos, e cada vez que pase polo bar Zentral do Porriño non vou poder evitar lembrar con nostalxia infinita aquelas azuis e luminosas tardes, nas que conversabamos de política ou filosofía.

Só me queda rematar expresándolle o meu máis sentido pésame á súa muller, aos seus fillos á súa familia e a todas as persoas que o querían. Porque non quero despedirme de ti aínda, Pedro, de feito non podo. A túa memoria vai vivir en min todo o tempo que me quede.

Ata sempre camarada dos de estar na rúa cóbado a cóbado, e ser moito máis ca dous.