• Os populares califican de “gravísimo” que o executivo de Dolores Castiñeira reclamase taxas de 30 euros a menores de 14 anos e de 35 euros aos restantes usuarios “cando as vixentes eran 5 euros máis baratas” e solicita que sexa o Concello quen reintegre os cartos
  • Joaquín Núñez Troncoso lamenta que o goberno non soubese responder en pleno polos cobros indebidos, xa que as novas tarifas non entraron en vigor ata o pasado xuño, e presentou un escrito pedindo que se faga unha devolución de oficio sen que teña que pedila os usuarios

Luns, 7 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de denunciar que o goberno de Dolores Castiñeira cobrou irregularmente unha taxa excesiva, non recollida pola ordenanza fiscal, nos cursos de natación correspondentes aos anos 2024 e 2025 e esixe que se proceda de inmediato á súa devolución de oficio para que os veciños prexudicados non teñan que formalizar unha solicitude coa correspondente molestia.

Cómpre sinalar que, segundo un informe da Tesourería Municipal, as tarifas oficiais da citada actividade eran de 25 euros para os nenos de 4 a 14 anos e de 30 euros para os restantes usuarios ata que se mudou a ordenanza o pasado mes de xuño, entrando en vigor o 26 dese mes cuns prezos actualizados de 30 e 35 euros, respectivamente.

“Parécenos gravísimo que o goberno de MS procédese a un cobro excesivo sen ningún amparo normativo cando as taxas dos cursos de natación que estaban vixentes os dous anos anteriores eran 5 euros máis baratas, polo que, dado que xa lle causaron un prexuízo aos usuarios, desde o PP esiximos que sexa o Concello quen proceda a reintegrar estes cartos cobrados de máis, porque non cremos que sexa de recibo que se lle volva a causar molestias aos veciños tendo que ser eles os que soliciten a devolución”, explicou o concelleiro Joaquín Núñez Troncoso, que engadiu que se obrigan aos veciños a pedir estes excesos ao final “aínda van acabar quedándose con algún destes cartos cobrados de máis inxustamente porque seguro que non todos van a formalizar a reclamació””.

O edil popular, que tamén lamentou que o goberno municipal non soubese responder en pleno polos motivos destes cobros indebidos, presentou xusto ao día seguinte da sesión un escrito pedindo que se faga a devolución de oficio e agarda que dita demanda sexa aceptada polo executivo local.

“Tristemente este é o pésimo nivel de xestión que sufrimos en Salceda, cun goberno que é dos peores a nivel económico de toda a provincia de Pontevedra, e a verdade é que tristemente non nos estrana, porque non saben nin cobrar axeitadamente algo tan sinxelo como unha tarifa municipal”, concluiu Núñez Troncoso.