Mondariz perde unha subvención de 25.000 euros ao ano para financiar o servizo de orientadora laboral

Alternativa por Mondariz Orzamentos A Nova Peneira

Prestábase, de forma ininterrompida, desde 2017 e estaba financiado integramente pola Xunta de Galicia. O servizo incluía ás persoas desempregadas de Mondariz Balneario

Mondariz, 28 de marzo de 2022

Alternativa por Mondariz quere denunciar publicamente a próxima perda do servizo de orientación laboral que actualmente se presta no concello. O contrato da técnica que está á fronte do servizo rematará o vindeiro mes de outubro, xa que o goberno municipal de Mondariz, o pasado mes de febreiro, renunciou a solicitar a renovación do servizo ante a Xunta de Galicia.

O goberno galego financiaba os gastos do salario e a seguridade social na súa totalidade. Pola súa parte o Concello unicamente debía facilitarlle ao técnico/a os medios materiais necesarios para o seu traballo: oficina, medios ofimáticos, teléfono, etc. O servizo empezou a prestarse en Mondariz no ano 2017, sendo alcalde X.Carlos Montes Bugarín e prestábase por igual aos solicitantes de Mondariz e Mondariz Balneario.

Os servizos que vai deixar de prestar a orientadora laboral en ambos municipios son:

1.- Asesoramento nos programas de formación do concello coordinados cos servizos sociais, educadora familiar e a Omix.

2.- Orientación laboral en xeral: formación académica, busca de emprego e mellora ocupacional.

3.- Colaboración cos programas de formación da Deputación de Pontevedra e inserción laboral.

4.- Promoción do concello para facer charlas e cursos formativos.

5.- Asesoramento para a pequena e mediana empresa (SmartPeme).

6.- Contacto permanente cos institutos de ensino secundario, Granxa-escola de Ponteareas, EFA A Cancela das Neves, etc.

7.- Intermediación entre demandantes de emprego e empresas (bolsa de emprego).

8.- Xestións para as persoas demandantes de emprego: actualizacións de currículos e xestións relativas ao emprego.

O portavoz de AporM quere lamentar publicamente a perda deste servizo clave para Mondariz, que en febreiro deste ano 2022 ten 363 persoas desempregadas dun total de 4.394 habitantes, o que supón unha taxa do 20,12% das persoas en idade de traballar. “Sen emprego non hai futuro e, nese contexto, a orientación laboral é un servizo fundamental que a administración municipal debe prestar para mellorar a formación e a empregabilidade da veciñanza que non atopa un posto de traballo”, afirmou Montes Bugarín. O edil animou ao grupo de goberno a que “mellore, perfeccione e amplíe os servizos que o concello presta, pero que non recorte nin suprima os que son útiles para a veciñanza, en particular para os que están a buscar unha oportunidade laboral”.