O pleno aprobou tamén en sesión extraordinaria os festivos locais para o vindeiro ano 2023, o 12 de xuño e o 29 de setembro
A corporación municipal gardou un minuto de silencio en memoria do bombeiro Jorge Corbacho, falecido hai uns días en acto de servizo
Ponteareas, 8 de setembro de 2022
O Goberno municipal aprobou este martes por unanimidade en pleno extraordinario a modificación da ordenanza reguladora dos prezos públicos das escolas infantís municipais, na que xa se contempla unha bonificación do 100% en todas as prazas dispoñíbeis, unha medida económica que se aplicará dende este mesmo curso 2022/2023.
“Con este cambio de normativa todas e cada unha das prazas das escolas infantís municipais serán gratuítas. Se ata o de agora a regulación establecía esa gratuidade a partir do segundo irmán ou irmá, dende hoxe xa se contempla na matriculación do primeiro fillo ou filla e dos sucesivos”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
Por outra banda, na sesión plenaria o Goberno municipal deu tamén luz verde aos festivos locais para o vindeiro ano 2023. Nesta ocasión as festividades propias de Ponteareas serán o 12 de xuño, coincidindo co luns seguinte á celebración do Corpus, e o venres 29 de setembro, ao abeiro da festividade de San Miguel.
Ademais, levouse adiante a aprobación definitiva da modificación das tarifas urbanas de taxi na vila, unha medida solicitada polo propio colectivo coa que se actualizan os prezos para “unha razoábel explotación do servizo, unha axeitada renovación da flota e prestar un servizo de calidade aos usuarios e usuarias”. A modificación reducirá os metros percorridos na percepción mínima, que pasará dos 1.500 aos 1.400, quedando conxelados o resto dos conceptos da tarifa, polo que a repercusión na veciñanza será mínima.
No arranque do pleno extraordinario a Corporación municipal gardou un minuto de silencio polo falecemento do bombeiro Jorge Corbacho, un rapaz moi novo que iniciou a súa andaina profesional no Concello de Ponteareas, e na honra de todos os membros dos servizos de emerxencias.