Hadrián Bautista responsable comarcal do BNG no Condado Paradanta

Hadrián Bautista

Desde o pasado mes de novembro Hadrián é o novo responsable comarcal do BNG no Condado Paradanta. Mauro Chivite, o anterior, tivo que cesar pois un proxecto profesional vaino levar a vivir uns anos fóra do país. Hadrián é natural da parroquia ponteareá de Prado, e xa estaba no equipo do anterior responsable comarcal, é un mozo formado con dous ciclos superiores que traballa desde o 2016 como programador .Amósase moi satisfeito da súa vida laboral e afronta a súa recen estreada responsabilidade política con ilusión de converter ao BNG na primeira forza política do Condado Paradanta

Imos conservar as tres alcaldías, gañar a de Mondariz Balneario e mellorar en votos e número de actas en toda a nosa comarca”

Eu fago moitas veces esta pregunta, pero é que teño a convicción de que a estrutura sociolóxica de Galicia é parroquial e non municipal, e teño o costume de tratar de constatalo. Vai: Un tipo de Prado coma ti, síntese de Prado ou de Ponteareas?

Coincido contigo, de feito eu síntome de Prado.

Cando comezaron as túas simpatías polo nacionalismo?

Xa de neno. Na miña familia sempre houbo interese pola política. Eu son o máis novo de tres irmáns e comecei da man do que naceu antes ca min. No ano 2011, cando Iria Aboi era Secretaria Xeral de Galiza Nova, veu un día por Ponteareas, recordo aquela xuntanza,e alí comezou a miña militancia.

Como está a saúde do nacionalismo no Condado Paradanta?

En liñas xerais goza de moi boa saúde, temos arredor de 200 militantes. Moitos e moitas son mozos e mozas, o que se combina con xente moi veterana, que levan os 40 anos de vida que ten o BNG militando na nosa organización. Hai agrupacións locais moi numerosas nas que se desenvolve unha vida política moi importante. A xente implícase e traballa moito e ben.

Xa levas dous meses na túa responsabilidade. Como os valoras?

Aínda que é, como dis, unha responsabilidade nova, eu xa era o vice responsable comarcal , cando estaba Mauro, xa que logo digamos que tampouco supuxo unha novidade moi importante para min. A axuda de Mauro foi moi relevante para min. A verdade que el fixo un traballo excelente e valóroo de maneira moi positiva.

En nada teremos unhas moi importantes eleccións municipais. Cales son as vosas expectativas en relación coas 3 alcaldías (Ponteareas, Mondariz, As Neves) que tendes na nosa comarca?

Xa que estamos en Mondariz comezamos por este concello e dígoche que Xose Emilio está a facer unha xestión brillante. Teño a convicción de que así o saberá ver a maioría da veciñanza desa vila e de que manteremos a alcaldía subindo en votos e en actas.

Hai algunha posibilidade de reconducir a situación co grupo de Calis?

A curto prazo eu non o vexo. Nós temos as portas abertas para que calquera persoa que se sinta nacionalista, en Mondariz, e en calquera outro sitio, poida vir ao que nós entendemos que é a casa común do nacionalismo:O BNG

En Ponteareas e As Neves?

En Ponteareas o goberno do BNG está a facer un esforzo inmenso para mudar unha vila que padeceu o goberno de esclerose absoluta da peor das dereitas .A mudanza que está ter a vila é significativa e, malia que ese tipo de cambios tan profundos inicialmente provocan malestar nalgúns sectores da sociedade, xa non ten volta atrás. Cristina é unha alcaldesa magnífica, comprometida, solidaria e traballadora. Confío en consolidar o noso goberno alí, para podermos facer de Ponteareas unha vila BNG , unha vila para as persoas,como Pontevedra, Tomiño, Bueu….

No que respecta as Neves, considero que o noso goberno alí xa está plenamente consolidado e a miña percepción é que imos estar moi preto da maioría absoluta.

Hai opcións de gañar algunha outra alcaldía na comarca?

Mondariz Balneario é unha opción moi clara. Xa hai catro anos estivemos a piques, e desta volta ten que ser. Esa Vila precisa un cambio de goberno urxente, que a saque da parálise na que a ten sumida o PP, e agardo que esta sexa a vindeira Vila BNG na nosa comarca.

No resto de Concellos?

A nosa perspectiva e mellorar en votos e en actas en todos e cada un.

En Arbo tedes opcións de reconducir a situación co espazo nacionalista que está en AGRELAR?

Dígoche o mesmo que no caso de Mondariz, e se me vas preguntar por Salceda a resposta é idéntica: O BNG é a casa común do nacionalismo galego, e será un pracer recibir a calquera persoa, en calquera sitio, que se sinta nacionalista e que queira traballar con honestidade.

A Cañiza é unha anomalía na situación do nacionalismo en todo o país. Un concello tan relevante como ese non pode non ter unha candidatura nacionalista. Solucionarémolo desta volta?

Estamos traballando con toda a intensidade para termos unha agrupación local na Cañiza. Non sei se agora, pero acabaremos por solucionalo seguro, porque coincido contigo en que ese concello ten que ter ao nacionalismo galego na política local si ou si.

Primer comentario

Deixa a túa opinión