O BNG de Salvaterra denuncia que o Concello incumpre o seu Plan de Prevención contra os lumes e pide que limpe de oficio terreos e franxas de seguridade

Patricia Mariño BNG

A voceira Patricia Mariño alerta de que o municipio é unha “bomba inflamable” por non ter recursos económicos para pagar o convenio con Seaga

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Salvaterra de Miño vén de alertar sobre o incumprimento sistemático por parte do Concello do seu Plan de Prevención contra os lumes e solicita publicamente ao goberno local que actúe de oficio para limpar os terreos e as franxas de seguridade que están cheas de “combustible” e supoñen un risco para o municipio.

A voceira nacionalista Patricia Mariño explica que o Concello de Salvaterra conta cun ‘Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais’ que se executa principalmente a través dun convenio asinado con Seaga (Servizos Agrarios Galegos). Esta empresa pública encárgase da inspección de parcelas incluídas nas faixas de protección para determinar se hai maleza e especies arbóreas prohibidas (piñeiros, eucaliptos ou acacias), e tamén realiza a limpeza, sendo o Concello o que debe asumir o gasto de maneira subsidiaria e posteriormente repercutilo ás persoas particulares responsables de cada solar.

Con todo, Mariño destaca que todas as indicacións do Plan de Prevención para garantir a seguridade do territorio fronte ao risco de incendios “están comprometidas pola falta de acción do goberno local baixo a dirección de Marta Valcárcel”. Segundo denuncia o BNG, a falta de fondos económicos para cumprir co convenio con SEAGA está a levar ao goberno do PP a deixar o monte “totalmente abandonado”.

“Hai unha total falta de previsión e de xestión. A inacción do Concello é total. As persoas propietarias das parcelas que non cumpran coa responsabilidade de limpar os seus terreos deberían ser informadas polo Concello e actuar de oficio se fose necesario como indica a lei. Non hai prevención e iso converte Salvaterra nunha bomba inflamable de alto risco”, advirte a portavoz nacionalista.

O Bloque lembra que a tempada de risco continúa en setembro e outubro e Salvaterra non está preparada para afrontar ningún incendio. “Xa vivimos anos moi negros mais vese que o Concello non aprendeu. É preciso que o Concello busque recursos para cumprir co convenio de Seaga e non lamentarnos cando sexa demasiado tarde”, alerta Mariño.

As protestas do BNG ante a falta de inspección, sanción e limpeza por parte do Concello no monte e nas franxas de seguridade foron continuas nos últimos anos. “Non só hai que lembrarse de actuar agora cos lumes á porta. Nós levámolo advertindo de maneira continua, a última vez no Pleno de xullo, mais a inacción do Concello é total e non se pode tolerar. Compre poñer cartas no asunto xa”, finaliza o grupo nacionalista.

Salvaterra, 27 de agosto de 2025