A escola de Taboexa ameazada

Taboexa
Tino Lago

O sábado 16 de febreiro desenvolveuse un encontro na Unitaria de Taboexa nas Neves, que tiña como obxecto trasladar á veciñanza a preocupación pola previsión de matrícula para o curso que ven, e en consecuencia que puidera ser pechada pola Consellería, e asemade coa idea de pór en valor a alta calidade das escola unitarias e a súa importancia como elementos de cohesión parroquial. Nós falamos con Karina, a responsable do centro. Ela é unha muller de ampla experiencia docente pois estivo en Covelo, Mondariz e Ponteareas antes de chegar a Taboexa. Karina é unha apaixonada do seu traballo, cre na educación pública e cre que as nenas e nenos do rural deben de ter a posibilidade de ter escolas no lugar no que nacen. Ela leva ás crianzas todas as semanas á natureza e procura que os seus alumnos e alumnas se impliquen de verdade co contexto no que viven e no que viviron os que estiveron antes ca eles e ca elas. Ao devandito encontro asistiu, entre outros e outras, Jose Manuel Alfonso, alcalde das Neves. E seica fixo unha emotiva defensa das escolas unitarias.

Xa é necesario que un alcalde do PP teña unhas tragadeiras estratosféricas para que faga iso cando o seu partido , que ten unha visión da educación só baseada en parámetros económicos, dedícase a cargarse unitarias por todo o país adiante.

Karina Mouriño responsable da Unitaria .

A opinión unánime en Taboexa é que a nosa escola debe de permanecer aberta”.

Canto tempo levas no cargo?

Levo 10 anos, desde o 2014.

Cantos alumnos e alumnas ten a unitaria de Taboexa?

Este curso ten 9.

O sábado pasado día 15 desenvolvestes un encontro na escola. Explícame en que consistiu e cal foi o motivo de telo celebrado?

Fixemos un encontro arredor das escolas unitarias. Queriamos trasladar a nosa defensa das devanditas escolas, dignificar a alta calidade das unitarias e amosar a nosa preocupación polo futuro educativo no rural.

Quen participou?

Dúas profesoras: Patricia Iglesias de Rubiós e eu mesma de Taboexa, persoas do departamento de pedagoxía e didáctica da USC, o alcalde das Neves, o presidente da CM de Taboexa e a responsable da escola de Vide, que xa está pechada.

A quen estaba dirixido o encontro?

Primeiramente á veciñanza de Taboexa. O encontro naceu como unha reacción de alarma ante a falta de matrícula para o ano que ven.

Por que tedes medo de que vos poidan pechar o próximo curso?

Porque marchan 5 para a primaria e incluso poden marchar 6. Temos seguros catro matrículas máis, dentro da prudencia necesaria para afirmar algo con seguridade,e a posibilidade dunha cuarta matrícula a maiores. Xa que logo estaremos,se non hai ningunha incidencia, entre 6 no peor dos casos e 8 na mellor das hipóteses alumnas e alumnos o próximo curso.

Con 6 non deberan pechar?

Non, non deberan de feito iso é o que nos di o Conselleiro

E como o o sabes, tivestes algunha xuntanza con el?

Non, díxoo o alcalde no encontro do sábado pasado.

Non me podo crer que un alcalde do PP fixera unha defensa das Unitarias?

Pois si, si que a fixo. Dixo que estaban a favor das Escolas Unitarias por defender o territorio. Incluso fixo unha defensa emotiva das escolas apelando á súa condición de ex alumno dunha delas.

Como valoras o resultado do encontro?

Unha valoración moi positiva. Houbo un ambiente moi bonito, de moito interese e con moita participación do público. Tamén teño que dicir que houbo momentos de certa tensión.

Tensión por que?

Porque desde o público se lle increpaba ao alcalde.

A opinión maioritaria da veciñanza de Taboexa sobre a súa escola, cal é?

Sen ningún tipo de dúbida: Manter aberta a súa escola. É unha factor unificador parroquial e de dinamización social de máximo nivel. Quixera dicir que a forma de traballar da escola de Taboexa sería absolutamente imposible se non tiveramos o apoio estreito das familias.