Fon Conde e Ánxela Hernández

Fon Conde e Ánxela Hernández
Marcos Santos

Redondela precisa con un urxencia unha sala de exposicións”

Fon é un veterano activista, que leva moito tempo dando o mellor de si mesmo para que todas as persoas e colectivos que teñen inquedanzas artísticas na nosa localidade teñan vías de expresión abertas e ao seu dispor para amosar o seu talento. El é membro do colectivo “pitrina” que son os activistas culturais que xestionan o espazo” mínima expresión” na discotasca. E Ánxela é unha artista nova, nacida na Paradanta pero Redondelá de adopción e de corazón, que na actualidade está a expor no devandito espazo. Este humilde cronista de Redondela non podía deixar pasar a ocasión de enriquecerse conversando con eles.

Ánxela estás a expor na Discotasca no espazo que describides como “ o máis pequeno do mundo”. Temos constancia de que é así?

Ha, ha, ha, ha..vaia, non nos esperabamos esta pregunta. Pois, non, constancia, o que se di constancia, non temos porque evidentemente non coñecemos todos os espazos de exposición artística do mundo, pero este da nosa querida Redondela é tan pequeno que resulta difícil imaxinar que exista algún outro máis cativo aínda.

Inicialmente que era ese espazo da actual Discotasca?

Pois era unha neveira dos anos 70 do pasado século.

Como foi a conversión de espazo expositor de alimentos a espazo expositor de arte?

Naquel momento os propietarios da Discotasca Chopi, que xa non está, e Manu, que sigue no allo, abríronnos as portas de par en par, a idea pareceulles moi ben e todo foron facilidades pola súa banda. Nós puxémola en condicións e tamén lle demos nome:Mínima expresión. A verdade locais como a Discotasca son unha das moitas razóns do marabilloso que é formar parte do universo cultural redondelán:amplo, plural, diverso e sempre aberto o toda expresión cultural que implique dignificar a vida, a liberdade, a igualdade e a paz.

Cada canto tempo se renovan as exposicións?

Inicialmente tiñamos a idea de facer unha ao mes, pero non é posible. Todo depende das circunstancias de cada artista e de cada momento.

Poñédeslle algún tipo de restrición aos artistas?

Non, ningunha. Agás o espazo claro, dentro do pouco espazo que temos poden facer o que lles pete.

De feito tivestes todo tipo de arte, verdade?

Home, non sei se todo tipo pero si que de moitos tipos diferentes: fotografía, escultura, pintura….

Falemos agora de Ánxela?

Coñecémola a través do Arte Lixo, é unha grande artista e xa levabamos tempo tratando que nos acompañara.

Ánxela que parte da túa obra podemos ver na exposición?

É unha escolma de fotografías que fun tirando ao longo de varios anos. Son esencialmente sombras, retratos das miñas sombras.

Como podemos interpretar esas sombras?

Trata de reflectir as escuridades persoais, que todos os seres humanos temos.

Pero a sombra non podería existir se non houbese luz?

Velaí acabas de dar coa cerna da cuestión. De aí o título da exposición: O Outro lado da luz.

A modo de síntese podes explicar cal é a túa visión da arte?

É unha visión moi humanística. Considero a arte como un vehículo de expresión do que somos e do que pretendemos ser. A dicotomía entre as sombras e a luz como símbolo da complexidade de cada ser humano é unha cuestión que sempre me resultou atractiva, de feito o meu Traballo de Fin de Grao versaba sobre esta cuestión.

Cales son as túas expectativas futuras no universo artístico?

Ben, pois neste momento estou centrada nas distintas expresións existentes en Redondela como o Arte Lixo ou o Millo Verde.

En relación ao Arte Lixo creo que volos dous sodes como Chicote e La Pedroche?

Ha, ha, ha , ha , ha, ha, ha…..Xa lles gustaría a eles, non nos fan nin un átomo da sombra máis pequena que aparecen na exposición de Ánxela, pero si xa levamos varios anos facendo nolos dous as promocións do Arte Lixo.

Ánxela, e alén de esas colaboracións cos eventos de Redondela que mencionas, hai algunha meta ou obxectivo que che gustaría acadar a través da arte?

Expresar as miñas emocións, os meus sentimentos e a miña visión da realidade. A arte serve para moitas cousas, pero a min chámame moito a atención a diferencia e o contraste entre a auto percepción e a percepción que teñen de nós as terceiras persoas. Ás veces o que para nós pode ser luz para outras e outros é escuridade, e o que para nós é escuridade pode ser luz aos ollos de outros e de outras.

Rematamos, moitas grazas Ánxela e Fon

Ben antes de rematar quixeramos reivindicar que Redondela precisa unha sala de exposicións con urxencia.

Dito queda.