Esta é unha banda de Rock, formada por un home de Holanda e dúas persoas galegas, que ten a súa base en Redondela. Os tres teñen moita experiencia no mundo da música, e hai algo máis dun ano decidiron xuntarse e formar esta banda. A piques de comezarmos unha nova edición do Millo conversamos con eles pois teño a certeza de que coa súa forza, talento e intensidade serán protagonistas destacados deste evento musical. Eles son:
Jeroen Mesker, Luís Pérez Souto, Alberto López “Cuchiñas”
“O Rock é a base do noso estilo musical”
O teu nome Jeroen, moi de Redondela non parece?
Ha, ha ha ha. Podería ser, pero efectivamente non o é. Son de Holanda, en concreto de Amsterdam. Na miña cidade estiven tocando en grupos diversos, xa teño un importante camiño andado no eido da música, este é o meu quinto grupo no rock . Estiven un ano vivindo no Pirineo e agora levo dous en Galicia.
Como é que chegaches a Galicia?
A primeira vez que vin a Galicia foi hai 10 anos. E foi nunha xira do grupo musical co que estaba nese momento. Coñecín xente coa que fun facendo amizade. Gustoume, e cadroume nun momento vital no que me apetecía cambiar. Tiven a sorte de coincidir con Luis e Alberto e a posibilidade de combinar a natureza de Galicia coa oportunidade de facer rock é moi agradable para min.
Ti, Luis, tampouco é que acabes de chegar ao universo musical. En cantos grupos estiveches?
Bastantes, abofé que si. Arredor de media ducia creo eu. Se cadra o máis destacado, polo menos o que me deu a oportunidade de tocar en máis sitios, foi O Caramuxo Vermello.
E finalmente Berto, o batería con maior proxección de Galicia, tamén tes camiño andado…..
Ben, a túa valoración sobre a miña proxección é unha opinión subxectiva
Non sexas modesto veña ohh, e fálanos da túa traxectoria
Ha, ha ha ha…Eu comecei de moi cativo no mundo da música, grazas ao meu pai e á miña nai que me deron a oportunidade de ir ao conservatorio. Eu naquel momento xogaba ao fútbol e tiven dúbidas sobre a cal dos dous camiños dirixirme. Estiven un tempo en contacto co mundo da gaita e penso que iso foi o que me fixo tomar a decisión de tirar polo camiño da musica, e acabar por descubrir que o que me gusta a min é a banda de rock e o escenario.
Quen é Jay, e quen os smoking machines?
Jay e a abreviatura de Jeroen o meu nome holandés, e o resto do nome, refírese ás máquinas que botan fume que son os meus dous compañeiros, pois pareceunos que en inglés soaba exótico e que podería resultar atractivo.
Como e cando nacedes?
Jeroen leva vivindo xa aquí unha temporada. Vímolo tocar varias veces, gustounos moito o que fai e os dous decidimos que queriamos tocar con el. Berto e eu levamos moitos anos tocando, temos moi boa sintonía, e falamos con Jeroen e decidimos montar o grupo. Comezamos con algunhas cancións doutos álbums de Jeroen pero queriamos facer algo de nolos 3 e comezamos a escribir novas cancións. E agora case podemos encher unha actuación con temas que son propios.
Cal sería o voso estilo?
Rock e Blues. Principalmente rock. Gústannos moitos estilos musicais diferentes, e ás veces tendemos a mesturar, pero sempre hai unha base. E a nosa base é o rock. Insisto en que é a nosa base, pero o estilo no só é rock.
Vides de tocar na sala Rebullón e ides debutar no Millo. Como foi ese concerto e que expectativas tedes en relación co Millo?
O concerto do Rebullón marcounos, foi moi atractivo para nós. E no que respecta ao Millo xa tocamos o ano pasado pero o grupo non era o mesmo. Asemade daquela levabamos moi pouco tempo ensaiando e agora, máis dun ano despois, xa é outra cousa. Estamos moi ilusionados e decididos a dalo todo nun festival tan importante para Redondela como é o Millo.
E que tal a xira que fixestes por Amsterdam?
O concerto do Rebullón foi o quecemento para a xira. Saímos do Rebullón a tope de enerxía e alá nos fomos. Fixemos cinco concertos entre Euskadi e Holanda, e o resultado foi absolutamente xenial.
Tendes en mente gravar algún disco?
Pois si, esa é a nosa idea. Xa temos un par de temas on line e probablemente pola metade do verán xa poidamos ter todo listo.
Se alguén quere contratar os vosos servizos como ten que facer?
A mellor maneira é o noso Instagran
