Teño un amigo, mestre de Educación Física, que me contou unha anécdota vivida co pai dunha alumna ao cal, ata hai tres meses, non coñecía de nada. Por certo, o colega que me relatou a historia, segundo coñecidos que temos en común, parécese moito a min, tanto no físico, como na rixidez de esquemas mentais ou na intolerancia a un feixe de cousas, entre elas, á lactosa, á impuntualidade, aos jetas que se aproveitan da bondade dos seus compañeiros… e a un longo etcétera máis. Tanto insisten no parecido que, ata eu mesmo, comezo a sospeitar que estamos en posesión de cerebros de corta pega, obtidos dunha matriz que descoñezo. Non coincido coa súa opinión, porén, hai probas que son irrefutables. Si eu me poño a dieta, el tamén perde peso. Si el toma unhas copas de máis, somos os dous os que sufrimos a resaca.
Relata a miña alma xemelga que, mentres almorzaba nunha cafetaría, achegouse a el un pai e bisboulle ao oído que si sería posible que na seguinte avaliación cualificara a súa filla coa máxima nota, porque segundo o seu criterio, a nena merecíao. Ante a estupefacción do que escoitou, quedou paralizado, e sen tempo para pensar, non se lle ocorreu mellor resposta que dicirlle que non se preocupase sobre o asunto. Unha vez superado o estado de shock, topouse de bruces coa realidade cando, casualmente, recibiu unha de tantas chamadas que lle fago a diario. No seu ton de voz percibín que algo viña de pasar.
—Atópaste ben? —pregunteille
—A verdade é que non.
A continuación comezou a contarme o que lle acababa de suceder. Cando rematou de relatar a insólita situación pola que tivo que atravesar, respondinlle:
—O mandarías á merda, non si?
—Equivócaste, foi tan inesperado, que non tiven tempo de procesar o que me estaba pedindo e a contestación foi a que che comentei. Nin lle dixen si nin non, simplemente que non se preocupase.
Acto seguido e como adoito facer, comecei a reprocharlle o seu proceder.
—Só a ti se che ocorre, pero que tipo de reacción é esa, en que planeta vives? Ante solicitudes, cuasi delitivas deste tipo, a túa resposta non pode ser outra que mandalo ao carallo sen contemplacións.
— Para xa, por favor! Que si, que tes razón! Colleume coa defensa baixa. A conta de que voulle poñer un 10? —afirmou.
—Vai preparando que dicirlle cando te atopes de novo co el —aviseille.
Dous meses despois, na mesma cafetaría, aparecéuselle o pai e cun certo aire de indignación, dille:
— Estou moi decepcionado contigo, prometéralle a miña filla que ía sacar un 10 en E.Física, nota que che pedín pola confianza que nos une.
A conversación, nesta ocasión durou un minuto, o tempo que lle levou mandalo á merda cunha educación exquisita á que, por outra banda, non me ten acostumado.
Nin que dicir ten que, ao meu colega, ese día o almorzo non lle saíu gratis, como si acontecera o día de autos.