Alberte Román

Creado a partir do acervo privado do casal Antía Cal e Antón Beiras, o LACB (Legado Activo Cal Beiras) sen dúbida é unha das iniciativas culturais mais salientábeis dos últimos anos no contexto cultural galego polo novo da proposta. Desde 2022, o LACB vén producindo diferentes propostas expositivas a partir do arquivo familiar Cal Beiras. Neste tempo ofreceron tres propostas salientábeis, como foron a exposición fotográfica da Malla de Pascual de 1957, a partir dunha

serie fotográfica realizada por Antón Beiras, e que ofrecía unha ollada á experiencia comunitaria das mallas. Recentemente programaron a exposición “Serigrafía Galega 1971” que recollía as obras integradas na colección Serigrafías de Arte Galega integrada por obras de 19 autores, e que serviu para homenaxear o inxente traballo editorial realizado nos anos setenta polos irmáns Álvarez Blázquez. Neste 2026, desde o LACB programaron unha nova proposta que se constrúe a partir do traxe de noiva de Antía Cal que serve de fío para pór o valor das costureiras rurais.

O proxecto é unha aposta, valente e consciente, por desapenoveizar a cultura neste país. A casa familiar dos Cal no lugar das Aguias no concello lucense de Muras é o espazo que inicialmente acolle as exposicións, aínda que as mesmas puideron ser visitas en Vigo.

O singular desta iniciativa está en colocar o foco nun tipo de patrimonios non sempre valorados, como son aqueles que conforman os acervos patrimoniais familiares. Narrar a partir da memoria familiar, permite narrar a memoria colectiva. Aínda está ben estendida entre nós unha idea do patrimonio, dos bens que é preciso conservar, bastante cativeira, que limita o valor patrimonial a elementos antigos ou relacionados con aspectos relixiosos ou artísticos. Esa visión deixa fóra do campo unha alargada extensión de elementos. En non poucas ocasións, vemos noticias de coleccións fotográficas familiares atopadas nos contedores do lixo, ou o baleirado de casa vellas déixanos contedores de obras cheos de obxectos non sempre valorados. Elementos patrimoniais da industria, do comercio, roupa dos avós, documentación, ou pezas de uso cotiá acaban nos contedores sen moito miramento.

As redes sociais son unha das novas ferramentas empregadas polos portais inmobiliarios para a venda de casas no rural. Visionando as fotografías desas casas que se ofertan, sorprende ver como en moitas delas parece que a vida cotiá quedou detida de súpeto, como se osComentarioResaltar

habitantes marchasen ás presas, e deixasen todo atrás, obxectos con moito que contar. O obxecto en si pode non ter moito valor, mais colocado nunha historia de vida, o xeito en que ollamos para el muda por completo.

Nestas cousas da conservación do patrimonio, o contexto inglés sempre é referencia pola importancia que dan á conservación dos obxectos como elementos para narrar. Quen consulte o catálogo online do British Museum, entre materiais das culturas asirias, africanas ou dos pobos do Pacífico, poderá atopar unha pedra que as mulleres sufraxistas inglesas lanzaran nalgunha das súas accións de protesta. Unha pedra para contar unha das loitas sociais máis importantes do século XX. Pois si. Canda novo, no recreo da escola había rapaces que amosaban como tesouros as bolas de borracha que a policía lanzaba nos enfrontamentos que se producían polo conflito de Regojo na metade dos anos oitenta e que facían que Redondela abrise os informativos. Onde terán ido aquelas bolas? Haberá quen as conserve? O que tal podería contar unha bola de borracha da historia local