O termo incel procede da expresión inglesa involuntary celibate (‘célibe involuntario’). A súa orixe remóntase aos anos noventa, cando Alana, unha moza canadense, creou un foro en liña dirixido a homes e mulleres que sufrían soidade, inseguridade ou dificultades para establecer relacións afectivas. Nos seus inicios, a comunidade incel tiña como obxectivo xerar un espazo de apoio mutuo para estas persoas. Porén, co paso do tempo, o concepto foi apropiado por homes heterosexuais e transformouse nun movemento integrado na manosfera, caracterizado por discursos misóxinos e un profundo resentimento cara ás mulleres.
A ideoloxía incel baséase nun conxunto de crenzas, entre as cales destaca a culpabilización das mulleres polo fracaso masculino nos ámbitos afectivo e sexual. Eles afirman que o 80% das mulleres, denominadas Stacys, só escollen ao 20% dos homes, os Chads, aos que consideran fisicamente atractivos e con elevado status social e económico. Esta visión reducionista presenta as mulleres como seres superficiais, manipuladores, promiscuos e interesados, ao tempo que exime aos incels de calquera responsabilidade persoal nas súas dificultades para relacionarse. De xeito moi conveniente, as mulleres convértense nas únicas culpables de todas as súas desgrazas amorosas.
Outro dos seus piares fundamentais é a concepción das relacións sexuais como un dereito para os homes. Desde esta perspectiva, as mulleres atópanse na obriga de cubrir as necesidades sexo-afectivas deles, mentres que se lles esixe castidade e a subordinación dos seus propios desexos aos da parella masculina.
Entre as manobras incel para controlar e “educar” ás mulleres encóntrase o acoso en espazos públicos. Algunhas destas prácticas inclúen a intimidación de mulleres que camiñan soas pola noite ou que toman o sol na praia. En determinados casos, a radicalización incel derivou en graves actos de violencia. Os autores destes atentados adquiriron posteriormente o status de heroes ou mártires dentro da comunidade incel, e nalgunha ocasión mesmo se lles chegou a render tributo.
Aínda que a maioría dos membros non exercen violencia física, existen episodios que evidencian como estes discursos de odio poden desembocar en consecuencias letais. Un dos casos máis soados é o atentado de 2014 cometido por Elliot Rodger, un mozo de 22 anos que pertencía ao movemento incel. Rodger abriu fogo contra os transeúntes dun barrio estudantil de California, deixando tres vítimas mortais antes de suicidarse. Previamente, matara a coiteladas a outras tres persoas no seu apartamento. En 2018, Alek Minassian, de 25 anos, perpetrou un atropelo masivo en Toronto que se saldou con dez falecidos. Pouco antes, publicara en Facebook: “¡A Rebelión Incel xa comezou! ¡Derrocaremos a todos os Chads e Stacys! ¡Saúden todos ao supremo cabaleiro Elliot Rodger!” En total, as vítimas foron cinco homes e once mulleres.
Esta realidade tamén se reflicte en producións audiovisuais, entre as que destaca a serie de Netflix Adolescencia. O protagonista é Jamie Miller, un rapaz de 13 anos con dificultades para relacionarse cos seus compañeiros e compañeiras, e con graves problemas de autoestima. A estes problemas súmase a presenza dunha figura paterna que sofre ataques de ira e se amosa agresivo cara á súa muller. Na procura de respostas e referentes, Jamie recorre ás redes sociais. É neste contexto onde entra en contacto coa manosfera e co movemento incel, nos cales pensa que atopou unha explicación e mesmo unha solución aos seus problemas emocionais e de socialización. Influenciado polos discursos misóxinos e altamente violentos da comunidade incel, Jamie acaba asasinando unha compañeira de clase no que el pretendía que fose un simple susto, mais tamén unha vinganza polas humillacións que sufrira por parte dela e doutros compañeiros.
En definitiva, non debemos tratar o movemento incel como un fenómeno pasaxeiro, senón como unha ameaza en expansión que revela o auxe da misoxinia entre os mozos, o uso da violencia para expresar unha profunda frustración persoal e a crecente crise de soidade que afecta ás novas xeracións na era dixital.
