O BNG de Oia continúa traballando na procurada “felicidade”

Xose Antón Rodríguez “ Xuster” voceiro do BNG de Oia
Xose Antón Rodríguez " Xuster"

No BNG cremos firmemente que o concello de Oia ten futuro a pesar de 40 anos de goberno do PP e das mesmas prácticas propias doutros tempos. Vimos manifestando publicamente que esta maneira de facer política dá como resultado veciños/as de primeira e de segunda. Obras básicas como o arranxo de camiños deixan fóra vivendas que levan 30 anos sen ningunha intervención na súa rúa, onde nin tan sequera pode acceder unha ambulancia en condicións mínimas de seguridade; un exemplo real é o Camiño das Carballeiras no barrio de Chavella. Levamos presentadas varias mocións sobre infraestruturas peonís, como beirarrúas para Pedornes, Mougás e Loureza, ou as recentes para a reforma integral das rúas do Camiño do Fial e Claudio Rodal Fandiño, agardemos que non queden no caixón porque as presentou o BNG. Parello á infraestrutura viaria vai o saneamento, un servizo básico que é unha desfeita por varias cuestións. De 6 parroquias que ten Oia dúas non teñen este servizo, Burgueira e Loureza. Dende o BNG presentamos unha moción de “baleirado de pozos negros e foxas sépticas” coa súa correspondente ordenanza para darlle inmediata solución a estas dúas parroquias. Foi aprobada hai máis de ano e medio e non temos noticias dela, estará nalgún caixón? Nos barrios onde si hai sumidoiros non chega a todas as vivendas, e a consecuencia da non separación de fecais e pluviais cando chove forte provoca verteduras incontroladas; as máis rechamantes en pleno Camiño de Santiago e na praia diante do mosteiro de Oia. Esta situación xa foi levada ao Parlamento Galego polo BNG en emendas aos orzamentos da Xunta mediante o “saneamento integral da costa de Oia”. A recollida do lixo é deficitaria en canto a periodicidade, limpeza e mantemento dos puntos. A imaxe que moitas veces ofrecen as illas onde están os contedores non é aceptable, aumentando a insalubridade exponencialmente no verán. Este concello polas características que ten de dispersión e tamaño require de máis persoal para un correcto funcionamento do servizo. A falta de planificación nesta área amosa a carencia de iniciativa para solucionar algo que afecta directamente ao medio ambiente. Tamén podemos nomear o mal chamado punto limpo, porque descoñecemos a realidade do seu funcionamento e se cumpre a normativa vixente. Resumimos o asunto do lixo en algo moi ilustrativo, presentamos unha moción hai tempo sobre a “colocación de papeleiras nas marquesiñas das paradas de autobús”. Aprobada está pero as papeleiras seguen sen instalarse. En Oia hai poucas luces, que ninguén se ofenda. Senón que lle pregunten á veciñanza que se queda sen ela, ou aos comerciantes e hostaleiros. O pouco peso político á hora de defender os intereses dos veciños/as provoca o desleixo da compañía subministradora á hora de manter en condicións as instalacións para corrixir os continuos cortes de luz, cuestión de ter capacidade política ou non. Nestes últimos 6 anos dende o BNG levamos presentado máis de 40 mocións e unha infinidade de propostas para

darlle solución aos múltiples problemas que ten o noso concello, sempre de maneira construtiva, escoitando á veciñanza e trasladando as súas peticións ao pleno da corporación. Seguimos agardando pola praza de Alsirio Fernández en Mougás, a praza do Calvario en Pedornes e un bo número de mocións aprobadas en tódolos eidos. Neste último pleno propuxemos un pacto pola auga en Oia onde traballemos os tres grupos conxuntamente. Apoiando ás traídas dos barrios con formación técnica, máis achega económica, optimización do recurso e moita información e pedagoxía cara aos veciños/as.

Facemos unha oposición construtiva pensando no benestar da veciñanza.

A cerca de admin 97 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.