O prestixioso director de cinema Daniel Sanchez Arévalo está actualmente a rodar unha película sobre as Rondallas. De feito no tradicional concurso do IFEVI participará a Rondalla da película, e filmarán algunhas escenas. Aproveitando o acontecemento, o noso amigo “ Muxicas”, director da Rondalla de Zamáns, compuxo unha peza musical titulada “ Vai de Cine”, cuxa partitura vai ao final deste traballo e nós aproveitamos para conversar con el.
XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ “ MUXICAS”, DIRECTOR DA RONDALLA DE ZAMÁNS.
“A Rondalla de Zamáns ten boa saúde pero precisamos a participación de máis nenos e nenas”
Cóntanos o contexto que rodea á peza musical que aparece na partitura que acompaña a este traballo?
É un pasodobre de Rondalla titulado “ Vai de Cine” pensando nas actividades que este Nadal vai facer a Rondalla de Zamáns.
Cando o compuxeches?
En Setembro. Compúxeno pensando no noso contexto. É unha peza específica para tocar en estática.
Canto tempo dura a peza?
Arredor de dous minutos. É para gaitas,tambores, bombos, acordeóns e clarinetes.
E canto tardaches en compola?
Pouco tempo, fíxeno en dous días dedicándolle en total unha ou dúas horas como máximo.
Cando ides facer a primeira interpretación?
Na primeira saída que faga a Rondalla de Zamáns. Se non me falla a memoria vai ser o 21 de decembro.
Por que titulas “ Vai de Cine” á composición?
Pois porque este ano coincide con que o director de recoñecido prestixio, con títulos como “ Gordos” ou “ Azul oscuro casi negro”, Daniel Sánchez Arévalo está a rodar unha película sobre as Rondallas.
Xa se rematou a rodaxe?
Non, aínda están en proceso de rodaxe. De feito este ano no concurso do IFEVI, vai aparecer a Rondalla da película, que non é real, senón que está formada por rondalleiros de Rondallas diferentes, que tamén participarán, pois nese concurso van filmar distintas escenas.
Supoño que cando participedes no IFEVI tocaredes “ Vai de Cine”?
Por suposto. Tocaremos 3 temas e un deles será “ Vai de Cine”
Imaxino que para ti, unha persoa que leva toda a vida neste mundo, a película que se está a rodar sobre as Rondallas será moi ilusionante?
Si, claro que si .Especialmente porque pola a información que a min me chega están sendo extraordinariamente respectuosos coa tradición rondalleira. Algo que me sorprendeu moi gratamente e que indica a solvencia e o rigor do director da película.
Que tal está a saúde da Rondalla de Zamáns?
Ben, está viva e ten boa saúde. Pero boto en falta a participación de máis nenos e nenas. Só así poderemos ter asegurado o noso futuro. A responsabilidade non é da xente moza, que quede claro. É dos adultos que somos os que nos temos que comprometer para que os nenos e as nenas teñan a oportunidade de coñecer os elementos culturais e as tradicións que son, en definitiva, os que nos fixeron ser como somos.
E a relación co resto de Rondallas?
Competimos claro. Pero é unha competencia sa e limpa. Aproveito a oportunidade para expresar a miña admiración e respecto polas Rondallas de Freixo e Herville, ambas fraternais competidoras nosas.