O comité Anti-OTAN de Vigo volve con novos folgos ás rúas do país

Manolo Garrido, portavoz do Comité Anti-OTAN de Vigo

Tristes guerras

se non é amor a empresa.

Tristes, tristes.

Tristes armas

se non son as palabras.

Tristes, tristes.

Tristes homes

se non morren de amor.

Tristes, tristes

Miguel Hernández.

A humanidade leva desde os seus comezos en conflito e creando guerras con calquera tipo de escusa: a relixión, poder, moral, salvar a democracia….. E isto malia que ocorre desde a noite dos tempos semella que non ten visos de mudar. O paradigma da miseria moral que supón a guerra podería ser a foto do trío das Azores. Aquela na que Bush, Blair e o monicreque de Aznar decidiron comezar unha guerra baseada nunha mentira: a procura de armas de destrución masiva que non existían. A guerra deixou máis de 650.000 iraquís asasinados e dous millóns de refuxiados, todos e todas vítimas inocentes. A morte e o sufrimento de moitos, consecuencias inevitables de todas as guerras, provocan o enriquecemento duns poucos, miserables capitalistas que gozan de todo tipo de comodidades vitais a costa da morte e a miseria de outros e outras. As motivacións morais que se ofrecen a modo de escusas para xustificar as guerras son sempre falsas. Mentiras desde o principio á fin, sempre mentiras, todas e cada unha das veces mentiras . As familias ás que están exterminando coa escusa do terrorismo son exterminadas para saquealos, tanto para roubarlle os seus seus recursos de gas e petróleo, como os seus fogares e o seu país,para que outros cidadáns teñan dereito a terras que non son súas. O exemplo máis terrible témolo no sionismo que están levando a cabo un exterminio do pobo Palestino, mentres crean unha narrativa falaz: “ a vítima convertida en verdugo”. Para saber máis sobre a OTAN e o papel que xoga nestes conflitos A Nova Peneira conversa con Manuel González Garrido, voceiro do Comité Anti OTAN. Manolo é un histórico da esquerda política galega, activista incansable xa desde aqueles tempos pasados da Plataforma Veciñal de Esquerdas, que no abrente dos anos 90 do século pasado lideraba Méndez Ferrín, ao que nos alegrou moito velo activo e ilusionado. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Manolo Garrido, portavoz do Comité Anti-OTAN de Vigo.

“ A guerra de Palestina foi creada para que un mundo multipolar alternativo ao mundo unipolar norteamericano non teña cabida”

Fálanos das orixes do Comité.

En febreiro do ano 1981 foi fundado o primeiro Comité anti-OTAN en Vigo coa axuda do deputado da Unión do Pobo Canario Fernando Sagaceta.

Quen son os membros que forman parte deste comité?

Non existe ningún tipo de vínculo partidario entre as persoas que estamos no Comité. Únenos a sensibilidade pacifista e contraria ao imperialismo.

Cales foron os motivos polos que creastes este comité?

As evidentes mentiras do referendo do 12 de marzo do 86 sobre a permanencia de España na OTAN, feito polo goberno de Felipe González. O 14 de abril do 2022, antes do Cume da OTAN en Madrid do 29- 30 de xuño, decidimos xuntarnos e volver darlle auxe ao Comité Anti-OTAN creado en Vigo 41 anos atrás

Nesta cimeira, á que chamaron o “sétimo plan estratéxico” da OTAN, decidiron unha guerra global planetaria, o avance da OTAN incumprindo todas as súas promesas anteriores desde que lle dixeron a Gorbachov que non ían avanzar nin un milímetro da integración da República democrática alemá na República Federal… Desde aquí foron crecendo e en Madrid acordouse a ampliación da OTAN a Finlandia, que sempre foi neutral, e Suecia para poñer bases nestes países. O Obxectivo é rodear Rusia na chamada operación Anaconda.

En Madrid acordouse a guerra contra Rusia, pero como parte estratéxica para seguir a segunda parte da guerra contra de China. Hai un libro de Augusto Zamora que o explica moi ben titulado “De Ucraína ao mar da China”, aquí expón que quen controle Rusia, controla o centro do mundo.

En Ucraína hai un personaxe, Zelenski, que ilegaliza todos os partidos políticos, tanto de esquerdas como de dereitas, por dicir que son Prorrusos.

Que actos desenvolve este Comité para Informar á xente?

Facemos pedagoxía, charlas, debates e concentracións para dar a coñecer o noso programa que ten cinco puntos: Defensa da terra, saída da OTAN, eliminación das bases, redución dos gastos militares e eliminación total das armas nucleares.

Onde facedes estes actos?

En Vigo e arredores polas asociacións culturais, etc.

Imos ter unha reunión con máis de 40 colectivos de Vigo que engloba a sindicatos, partidos políticos, movementos veciñais, movementos de mulleres, movementos xuvenís para que se sumen á campaña que imos iniciar ata febreiro co lema “Nin OTAN, nin bases, nin gastos militares!”.

Con que apoios contades?

Coas persoas do Comité e veremos que colectivos máis se suman.

Que percepción tedes de como valoran á OTAN as maiorías sociais?

O que soubo facer ben a OTAN foi asimilar todo o movemento que había en contra deles e neutralizalo.

A maioría non é que pense que a OTAN está ben, se non que como está aí e estamos secuestrados polos medios de comunicación e a estratexia de Goebbels, o ideólogo propagandista do Terceiro Reich Nazi que dicía: Unha mentira repetida moitas veces, convértese nunha verdade.

Que papel xogan os medios de comunicación nesta divulgación?

Na divulgación da verdade, ningún, non a contan e a nós nin nos nomean.

O noso comité celebra en Vigo un acto en recordo do feito criminal máis grave da historia da humanidade que foron as bombas de Hiroshima e Nagasaki e que quedou impune, o 9 de agosto. É a única cidade de Galicia que o fai e ninguén o conta.

O papel da prensa é clave. Propagan a filosofía do sionismo e da OTAN como elemento salvador da humanidade.

Alén de Vigo, tedes incidencia nalgunha cidade máis?

Estamos a tentar establecernos en máis Comarcas, parece que a de Paradanta vai seguir os nosos pasos. Despois da guerra de Iraq e da mentira das armas de destrución masiva hai millóns de persoas que non están de acordo coa guerra, pero ese movemento non callou. A ver se conseguimos que agora, coa guerra en Palestina si calle. Este conflito foi creado para que a ruta China non pase pola franxa e facerlle fronte para que un mundo multipolar alternativo ao mundo unipolar anglosaxón, sobre todo yankee, non teña cabida no mundo.

Veredes como se creará tamén un novo conflito en Venezuela. Venezuela é rica en petróleo e gas, e hai unha multinacional que quere saquealos. En África están con conflitos permanentes polos monopolios europeos, sobe todo franceses…

Como pode contactar convosco as persoa que queiran formar parte do voso comité?

No correo electrónico comiteantiotanvigogmail.com a través do cal daremos a información que sexa precisa.