O modelo BNG de Tui: Coherencia, propostas, traballo

O modelo BNG de Tui: Coherencia, propostas, traballo

O BNG de Tui acadou un resultado histórico nas eleccións municipais de maio de 2023. Duplicamos número de concelleiros e número de votos. Dos 1002 votos no ano 2019, pasamos a 2055 catro anos despois. Penso que este resultado foi froito do traballo realizado na oposición, onde definimos con claridade dende o principio o modelo de concello que buscamos, unha concello verde, ecolóxico, que funcione con criterios de sostenibilidade e respecto ao medio ambiente, saudable, con rúas arboradas e parques, cun comercio local dinámico, que recupere e coide o seu patrimonio natural e histórico e cun casco urbano conectado coas parroquias. Un concello para vivir.

E empezamos a traballar con coherencia na defensa desa idea.

Así, opuxémonos dende o principio ao parking soterrado, facendo unha campaña intensa explicando as nosas razóns, nos medios de comunicación, visitando o comercio local, publicando boletíns,… Esa coherencia levounos a ser o único grupo que votou en contra da Axenda Urbana, porque contemplaba a construción deste parking soterrado.

Defendemos dende o primeiro momento (outros foron sumándose despois) a creación dunha gran zona verde arborada na traseira da Área Panorámica. Para que o centro de saúde poida contar con licenza de primeira ocupación (solucionando, por certo, un problema xerado pola mala xestión do PP no goberno municipal) o BNG propuxo crear as prazas de aparcamento que lle corresponden nunha franxa estreita preto do edificio, en superficie, dotado de árbores e integrado coa alameda que queremos nesa zona.

Estes catro anos fixemos unha oposición en positivo, facendo propostas e presentando iniciativas, moitas veces apoiadas por unanimidade polo resto dos grupos, aínda que a maioría das veces non se materializaron por desinterés do equipo de goberno.

Tratamos moitos temas relativos ás parroquias: seguridade viaria, recollida selectiva de residuos, recuperación e sinalización do patrimonio…

Ademais, tivemos reunións periódicas con distintos colectivos, pondo en marcha ou incorporando ao noso programa distintas propostas que nos trasladaron.

Fixemos diversos actos públicos tratando temas de interese e, chegado o momento, formamos unha candidatura moi variada e activa, e elaboramos de forma participativa un programa electoral realista e

realizable, sen proxectos absurdos, e démolo a coñecer en todas as parroquias. Todo ese traballo foi o que nos fixo incrementar o apoio electoral.

Despois das eleccións, tal e como nos comprometemos durante a campaña, e a pesar dos continuos desplantes por parte do Sr. Cabaleiro (“as diferenzas co BNG son totalmente insalvables”, “en cuestións fundamentais sepáranos un abismo”, “é case imposible un pacto co BNG”…) cando fomos convocados, unha semana despois das eleccións, acudimos á negociación coa idea de conformar un goberno de progreso en Tui. Puxemos todo da nosa parte. Elaboramos un documento comparativo dos programas electorais, analizamos área por área as concordancias e diverxencias, negociamos punto por punto cada proxecto de cada grupo político. Aceptamos propostas do PSOE coas que non concordábamos para lograr ese pacto (mercado municipal, mercado do xoves, escola de Pazos de Reis…) Houbo dous asuntos que para nós eran prioritarios: a zona verde na Área Panorámica e a recuperación da finca Patazumba coa casa e o hórreo. Non houbo maneira. Non cederon en nada, nin sequera neses dous temas que nós traballamos moito, tanto no mandato anterior como na campaña.

Nese momento decidimos manternos na oposición.

Pero podemos conseguir moitas cousas dende a oposición, e xa empezamos a facelo.

O PSOE non entendeu nun primeiro momento o que significaba gobernar con minoría. Despois de ver rexeitadas en pleno as adicacións (coa nosa abstención), chamáronnos de novo para negociar. E foi unha negociación fructífera. A cambio do noso voto favorable á súa proposta de adicacións, o PSOE asumiu catro compromisos:

  • Destinar o edificio a rúa Camilo José Cela a sede da Policía local.
  • Destinar o edificio de Cam Fran a local para as distintas asociacións, e espazo para a mocidade.
  • Empezar a traballar na posta en marcha un transporte interparroquial que conecte as parroquias entre si e co centro.
  • Unificar a Alameda de Santo Domingo co bosque de Seoane e estudar a posibilidade de crear nesa zona un xardín botánico.

Estes catros puntos estaban incluídos no noso programa electoral, algúns (como o transporte público) dende hai anos.

O día 6 de novembro tivemos a primeira reunión para tratar o transporte interparroquial, e o BNG xa presentou unha proposta. A defensa do medio ambiente ten que deixar de consistir só na colocación de luces leds e puntos de recarga de coches eléctricos. O transporte público é un elemento fundamental, no só por criterios ecolóxicos senón tamén para mellorar a vida das persoas e favorecer esa relación das parroquias co casco urbano.

Acaban de empezar catro anos que poden ser moi importantes para Tui. Nós seguimos con esa idea clara do concello que queremos e imos seguir traballando para conseguilo.