Luis Fernández, presidente e coordinador da Asociación «Mesa de Memoria Histórica do Distrito de Latina»

Luis Fernández, presidente e coordinador da Asociación

Señora aquí no asesinamos a nadie, aquí ejecutamos a rojos

A monstruosidade de titular que encabeza este traballo foron as palabras literais que recibiu a tía de Luís, o protagonista desta entrevista, cando foi reclamar o corpo de “ Luis el sastre”, o avó do noso entrevistado, e primeiro alcalde republicano de Fuenlabrada asasinado polo fascismo o nove de agosto de 1945.O seu neto, tamén Luis, escribiu a historia do seu avó no libro titulado “ Los tres agostos de Luis el sastre”( o agosto no que naceu, o agosto no que casou e o agosto no que o asasinaron) , obra que recentemente presentou en Redondela .E nós conversamos con el.

Luis, de onde es?

Eu son de Madrid, do barrio de Lavapés e críeme na panadería que rexentaba o meu pai.

Que opinas de que Ayuso gañase nos barrios obreiros de Madrid?

Creo que algo debemos de estar a facer mal na esquerda para que unha persoa como Ayuso, que baixo o seu mandato morreron máis de 8000 anciáns nas residencias por COVID, saque maioría absoluta na Comunidade de Madrid e, en Madrid capital, Almeida sacou maioría absoluta en practicamente todos os barrios. A nosa mensaxe non chega e non é lóxico que estas persoas que só queren beneficio para os seus saquen estes resultados. Están a facer Leis tributarias en Madrid para que os ricos paguen menos e os pobres paguen máis. A Madrid non a entendo.

Cóntanos que fas por Redondela.

Estou aquí pola presentación do meu libro “Los tres agostos de Luis el sastre” que se fixo este mes de novembro na Casa de Cultura de Redondela.

Es unha persoa involucrada na memoria histórica, que che parece o que fixo Almeida en Madrid cos nomes das Trece Rosas e as 2936 persoas asasinadas que houbo en Madrid entre os anos 1939 e 1944?

Son portavoz da plataforma en defensa do Memorial das 2936 persoas asasinadas na capital no cemiterio do este.

Para nós isto foi unha animalada, unha aberración, coma se volvesen fusilar a todas estas persoas de novo, incluído o meu avó. Entre estas persoas estaban as 13 rosas e os 33 caraveis, 80 destas persoas asasinadas eran mulleres. O 8 de marzo, día da Muller, facémoslle unha homenaxe a todas estas mulleres asasinadas. O que pasa en Madrid é unha anomalía fascista. Eles son os que nos rachan e os que nos fan dano. Moléstalles que estean os nomes destas 2936 persoas asasinadas por eles despois da guerra.

Cal é o motivo de asasinar a estas persoas despois de que acabe o conflito bélico?

O motivo é o odio. Estiveron a asasinar xente ata o ano 83. Para min acabou a transición coa morte do Nani nese ano. Este era un ladrón que se dedicaba a atracar xoierías e supostamente a policía estaba compinchada con el. Parece ser que nun atraco o Nani quedou co ouro, non deu o diezmo correspondente á policía e presuntamente fixérono desaparecer. No período do 1 de xaneiro do 76 ata o 31 de decembro do 83 hai 318 persoas asasinadas a mans das forzas da orde de corpos e seguridade do estado e de bandas fascistas como Guerrilleiros de Cristo Rey, Batallón Vasco Español, os Gal etc.

Por que crees que se falou moito máis do terrorismo de ETA que do terrorismo da extrema dereita?

Porque lle interesa ao réxime do 78. Só existen unhas vítimas, as de ETA, as do franquismo son vítimas de segunda ou de terceira e as da transición de cuarta ou de quinta.

Para min non houbo unha transición, houbo unha translación. O Tribunal de Orde Pública terminou sendo a Audiencia Nacional con só 6 cambios nos seus constituíntes ou a policía que, o 31 de decembro do 75 era fascista e o 1 de xaneiro do 76 era demócrata, pero estes eran os mesmos e Bili o Neno seguía no seu posto. O único que fixo a policía foi cambiar o uniforme que pasou da cor gris ao marrón, por iso o nome de “os madeiros”, antes eran “os grises” e seguían repartindo ostias como pans.

Antes de ir co teu libro, que fixeches no colexio de curas, que che pasou?

Os meus pais quixéronme dar a mellor educación e para iso consideraron que o mellor para min era o Colexio de curas, Os Escolapios. Entrei nel no ano 63-64.

En que ano te expulsan e por que?

No ano 73. Alí déronme unha educación perfecta, ensináronme a ser ateo. En relixión tiñamos que ler a Biblia e cando iamos facer a comuñón aprendernos o catecismo. Cando acabou unha destas clases, díxenlle ao cura-profesor que, para min, polo que acabamos de ler nese libro, Deus era o maior asasino da Igrexa. O cura entrou en pánico, empezou a gritarme herexe, blasfemo, vas ser expulsado de la Igrexa, van excomungarte… expulsáronme de clase e chamaron aos meus pais. Como consecuencia da miña pregunta deixáronme terminar o curso escolar e ao ano seguinte expulsáronme do colexio.

Fálame un pouco de que fai a asociación “Mesa da memoria histórica do distrito da Latina”.

A asociación nace a través dos foros locais que creou Manuela Carmena en Madrid. Na nosa biblioteca Ángel González facemos presentacións de libros, como os que facemos de memoria histórica ou de cultura xeral, levamos unhas 35 presentacións, facemos un cinema fórum ao trimestre, imos ás feiras dos barrios do distrito e poñemos mesas de información e este ano imos por primeira vez á festa do PC.

Desde que Almeida chegou á alcaldía, desapareceron todos estes foros locais. Nós sobrevivimos porque nos convertemos en asociación cultural antes de que comezase o seu mandato.

Fálame de Luis Fernández Augado, o teu avó, máis coñecido como Luis o Xastre.

É o meu avó paterno, para min é un referente, polo que me metín na política. O primeiro alcalde republicano de Fuenlabrada, alcalde electo en abril de 1931. A súa primeira medida foi pedir as contas do concello para ver con que partida contaba, fixo unha lista de paro do veciños para poder darlles traballo no mantemento do pobo, coa lei de educación da segunda República solicitou diñeiro para facer dous colexios. Para min foi un pioneiro coas súas medidas, un ídolo, eu namoreime e amo ao meu avó con tolemia, sen coñecelo. De todo isto falo no libro.

Cando empezas a Interesarte pola historia do teu avó e cando decides escribir este libro que xa vai pola súa cuarta edición?

A culpable foi unha prima miña, a prima Pili, á que quero moito. Eu a información que tiña era que morrera na guerra, pero grazas á miña prima que o espetou nunha comida familiar (ela era unha nena pequena), souben que morreu fusilado.

Cantos años tiña o teu pai cando asasina ao seu, o teu avó.?

Tiña 11 anos. Foi el o que foi ao cemiterio a recoñecer o seu cadáver. Logo, como era un neno , tivo que ir unha tía. Ela ao entrar díxolle ao policía: “ Veño ao recoñecer un cadáver dunha persoa que asasinaron esta mañá” E non podes imaxinar o que lle contestou o policía

Que?

“Señora aquí non asasinamos a ninguén, aquí executamos a rojos”.Era o ano 1940, xa non había guerra. O franquismo seguiu fusilando ata o ano 1975.

A historia do teu avó é a historia dun heroe

A min emocióname falar do meu avó. Eu non o coñecín pero quéroo con toda a intensidade da que son capaz de querer. El foi elixido alcalde no 31 , logo ocupou distintas concellerías e na guerra, e pouco antes de que entraran as bestas asasinas fascistas, logrou salvar a cerca de 60 nenos.

Por que sabes iso?

Pois porque puiden coñecer e falar con tres persoas que formaban parte do grupo de nenos que salvou o meu avó.

O teu avó nunca pensou en fuxir?

Non, el era un home honrado que nunca fixera nada malo.

Que sentiches cando recibiches os primeiros libros coa historia do teu avó?

Un océano de emocións incontrolables. Era poñer o nome do meu avó na historia. Hoxe aínda na web do noso concello, Fuenlabrada, non figuran os nomes dos alcaldes republicanos. Unha anomalía democrática intolerable.